Mundo

Máis da metade dos estadounidenses considera importante que o alumnado aprenda español na escola

Un 53 % das persoas enquisadas nun estudo do Pew Research Center considera «extremamente ou moi importante» que as escolas estadounidenses ofrezan clases de español, a porcentaxe máis alta entre as linguas distintas do inglés. Uns 45 millóns de persoas maiores de cinco anos falan español na casa nos Estados Unidos, preto do 14 % da poboación, fronte ao 5 % de 1980.

Fonte: New York Post

O inglés pasa a ser lingua oficial de Nova Zelandia xunto co maorí e a lingua de signos

O inglés foi recoñecido oficialmente en Nova Zelandia, onde xa tiñan ese status o maorí e a lingua de signos neozelandesa. A decisión completa o marco de recoñecemento oficial das principais linguas empregadas no país.

Fonte: Diari de la Llengua

A mocidade de Andorra deixa de diferenciar entre as vogais abertas e pechadas do catalán

Os primeiros resultados dunha tese da filóloga Sílvia Rovira, da Universidade de Barcelona, revelan que a mocidade de Andorra está a perder a distinción fonética entre as vogais abertas e pechadas do catalán. O estudo, baseado en entrevistas a máis de setenta persoas de todas as idades e parroquias do país, apunta a que este cambio se debe principalmente á evolución interna da lingua e non á influencia do castelán ou do francés.

Fonte: Diari de la Llengua

A Feira das Linguas Indíxenas Nacionais chega á súa decima edición

Durango acollerá do 13 ao 16 de agosto a décima Feira das Linguas Indíxenas Nacionais, dedicada ás nove linguas da rexión etnolingüística Baixío-Pacífico. Baixo o lema «Voces de resistencia e identidade», a cita combinará conferencias, obradoiros, cinema, poesía, expresións artísticas e mostras culturais. O encontro procura dar visibilidade á diversidade lingüística, promover os dereitos dos pobos indíxenas e apoiar as iniciativas comunitarias para revitalizaren e transmitiren os seus idiomas.

Fonte: Inali

Estrasburgo acollerá un concerto para reivindicar a diversidade lingüística de Francia

Estrasburgo acollerá o 18 de setembro o concerto KCANTÀ, unha cita que reunirá artistas de distintas rexións francesas para celebrar a diversidade lingüística a través da música. O programa dará voz a idiomas como o bretón, o alsaciano, o occitano ou o éuscaro co obxectivo de reivindicar estas linguas como un patrimonio vivo, creativo e estreitamente vencellado á identidade dos territorios.

Fonte: JDS

O Correllengua Agermanat terá unha segunda edición tras o éxito de participación no seu percorrido polos territorios de fala catalá

O Correllengua Agermanat celebrará unha segunda edición en 2028, tras a ampla mobilización acadada este ano en defensa do catalán. A chama percorreu máis de 1500 quilómetros polos territorios de fala catalá e chegou tamén a Bruxelas, cunha participación estimada de 180 000 persoas. A organización pretende ampliar o alcance da iniciativa, sumar novas entidades e consolidar o seu carácter bienal.

Fonte: Diari de la Llengua

A vila francesa de Baiona recoñece o éuscaro e o gascón como linguas oficiais

O Concello de Baiona, no País Vasco francés, recoñeceu o éuscaro e o gascón como linguas propias do territorio, xunto co francés. A decisión, aprobada por unanimidade, procura reforzar a súa presenza na comunicación institucional, na sinalización, nos servizos públicos e nas actividades educativas e culturais. O municipio tamén se compromete a apoiar a aprendizaxe, o uso cotián e a transmisión interxeracional de ambos os idiomas, considerados elementos esenciais da identidade e da cohesión social local.

Fonte: Breizh-Info

Celébrase o primeiro encontro de municipios para impulsar a revitalización da lingua maia

Mérida acollerá o 8 de agosto o primeiro Encontro de Municipios pola Lingua Maia, que reunirá representantes de cinco localidades para compartiren experiencias e acordaren medidas de revitalización. A xornada prevé mesas de traballo sobre a presenza do idioma nos servizos públicos, no emprego e na vida comunitaria. O programa tamén abordará a súa incorporación ás novas tecnoloxías, nun contexto marcado pola perda da transmisión familiar e pola discriminación histórica.

Fonte: Sol Yucatán

Alertan da perda de falantes das linguas orixinarias de Puebla

Puebla conserva sete linguas orixinarias, faladas por máis de 615.000 persoas, aínda que a perda de transmisión familiar ameaza especialmente o otomí, o tepehua e o ngiva. A discriminación, a migración urbana e unha educación bilingüe insuficiente aceleran este retroceso, malia que o náhuatl mantén unha ampla presenza. As comunidades reclaman ensino adaptado, intérpretes nos servizos públicos e recursos dixitais que garantan os dereitos lingüísticos e permitan ás novas xeracións manter vivo este patrimonio.

Fonte: Municipios Puebla

Alxeria continúa coa súa política de substitución gradual do francés polo inglés no seu sistema educativo

Alxeria reforzará a presenza do inglés no sistema educativo, que pasará a ser a única lingua estranxeira impartida desde o terceiro curso de primaria. O francés incorporarase un ano despois, mentres o Goberno prevé ampliar tamén o ensino do inglés na etapa secundaria. Esta reforma afonda nun proceso iniciado en 2022 para reducir progresivamente o peso do francés na educación, na universidade, na Administración e nas empresas públicas.

Fonte: AA

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder