Mundo

O alumnado indíxena mexicano enfróntase a discriminación lingüística na educación superior

Unha investigación desenvolvida durante cinco anos en seis estados de México conclúe que o alumnado indíxena continúa a afrontar importantes barreiras de acceso, inclusión e recoñecemento no ensino superior. O estudo sinala que o carácter maioritariamente monolingüe e monocultural das universidades limita a presenza das linguas e dos saberes propios destes pobos. As conclusións reclaman cambios nas políticas, nos plans de estudo e nas vías de acceso para avanzar cara a un modelo universitario máis intercultural e inclusivo.

Fonte: Educación Futura

A Universidade de Rojava rexeita as restricións ao ensino en kurdo

A Universidade de Rojava rexeitou a decisión do Ministerio de Educación sirio de reducir a ensinanza do kurdo a tres horas semanais, ao considerar que supón un retroceso respecto do modelo desenvolvido durante os últimos doce anos. A institución defende o dereito a recibir formación na lingua materna e advirte de que a medida pode prexudicar a calidade educativa e desaproveitar os avances acadados. Como alternativa, propón un sistema bilingüe en kurdo e árabe que garanta os dereitos lingüísticos e favoreza unha educación inclusiva e sostible.

Fonte: ANF News

Un mapa interactivo permite visualizar o coñecemento de idiomas da mocidade arxentina

A Universidade Nacional de Tres de Febrero desenvolveu o Mapa PoLinguAr, unha ferramenta interactiva que permite coñecer a distribución territorial das competencias lingüísticas da mocidade arxentina. A cartografía baséase nos datos de máis de dous millóns de persoas beneficiarias das bolsas PROGRESAR e abrangue linguas internacionais, migratorias e rexionais. O recurso pretende apoiar tanto a planificación de políticas educativas como a investigación sobre diversidade lingüística e territorio.

Fonte: Untref

O cambio de nome do lago Ontario proposto por Donald Trump indigna as comunidades indíxenas

Donald Trump ordenou substituír nos organismos federais dos Estados Unidos o nome do lago Ontario por lago América, unha decisión que provocou o rexeitamento do Canadá e das comunidades indíxenas vinculadas historicamente ao topónimo. Representantes wendat e wyandotte consideran que a medida menospreza a súa identidade e borra parte do seu legado cultural. O cambio terá efectos unicamente no ámbito interno estadounidense e carecerá de recoñecemento internacional.

Fonte: Diari de la Llengua

A comunidade poqomam reafirma o seu compromiso coa conservación e promoción da súa lingua

A comunidade lingüística poqomam da Academia das Linguas Maias de Guatemala reclamou un maior apoio institucional para garantir a continuidade e a presenza social desta lingua maia. A entidade advirte de que a dixitalización abre novos retos para ampliar os seus ámbitos de uso, ao tempo que persisten situacións de racismo, discriminación e desigualdade que afectan os pobos indíxenas. Por iso, pide reforzar as políticas públicas, asegurar servizos con adecuación lingüística e cultural e apoiar as organizacións que traballan na defensa destes dereitos. A comunidade subliña, ademais, que a protección do poqomam resulta esencial para preservar a identidade e o legado cultural do seu pobo.

Fonte: AGN

Preséntase un abecedario bilingüe en selk’nam e castelán dirixido ao alumnado de infantil e primaria de Terra de Fogo

A Fundación Hach Saye presentou un abecedario bilingüe, en castelán e selk’nam, que vincula a aprendizaxe da lingua ancestral co coñecemento da biodiversidade do territorio. O material, pensado principalmente para alumnado de Infantil e Primaria, recompila especies de flora e fauna acompañadas das súas denominacións tradicionais. A iniciativa é froito de catro anos de traballo comunitario e documental, coa colaboración de persoal vinculado á conservación ambiental. O recurso distribuirase en centros educativos da Rexión de Magallanes e tamén poderá consultarse gratuitamente en formato dixital.

Fonte: País Circular

Un estudo revela que as habilidades lingüísticas resisten ao envellecemento cerebral

Un estudo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e da Universidade de Boston revela que a rede cerebral encargada de procesar a linguaxe permanece practicamente intacta nas persoas maiores, mesmo cando diminúen capacidades como a memoria de traballo, a atención ou a resolución de problemas.

Fonte: MIT News

O kurdo entra por primeira vez oficialmente nas escolas sirias

A lingua kurda incorporarase oficialmente ao sistema educativo de Siria a partir do curso 2026-2027, nun fito histórico para o recoñecemento lingüístico da comunidade kurda. A medida permitirá por primeira vez a presenza formal do kurdo nas escolas do país.

Fonte: The Medialine

O alumnado das escolas húngaras en Eslovaquia frea o seu descenso

O número de nenos e nenas que comezan a escolarización en lingua húngara en Eslovaquia manterase practicamente estable, con arredor de 3454 alumnos e alumnas, despois de varios anos de retroceso. A evolución supón un alivio para a minoría húngara do país, aínda que a estabilidade chega tras unha prolongada tendencia á baixa.

Fonte: Hungary Today

Paraguai reivindica o seu patrimonio lingüístico no Día do Idioma Guaraní

Paraguai celebrou o Día do Idioma Guaraní destacando a vitalidade dunha lingua que comprende arredor do 90 % da poboación e que se emprega habitualmente, soa ou mesturada co castelán, en boa parte do país. A conmemoración coincidiu coa difusión dun artigo de The Economist que cualificaba o guaraní como unha lingua "máis xenial" ca o español.

Fonte: Paraguay.com

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder