Mundo

Un estudo destaca a importancia de adestrar o ouvido para aprender a pronunciar mellor outras linguas

Un estudo realizado por investigadores da University College London e da Universidade de Tohoku revelou que as persoas con maior capacidade para distinguir matices sonoros aprenden a pronunciar outras linguas con máis rapidez e precisión. A investigación, na que participaron 67 estudantes xaponeses de inglés, suxire que prestar atención a aspectos como a entoación, a duración e as diferenzas entres son pode favorece a aprendizaxe. Os resultados apuntan á conveniencia de reforzar a percepción auditiva no ensino de idiomas, en lugar de pór o foco exclusivamente no vocabulario e na gramática.

Fonte: The Guardian

Siria prevé abrir escolas en lingua kurda para reforzar os dereitos lingüísticos desta comunidade

Siria abrirá cinco escolas con ensino en kurdo na provincia siria de Hama, mentres que tamén se solicitaron centros deste tipo en Daraa. A iniciativa pretende recuperar o uso da lingua materna entre comunidades kurdas e ampliar o seu ensino máis alá do nordeste de Siria. As autoridades kurdas reclaman que o kurdo sexa recoñecido constitucionalmente como lingua de ensino e que se garanta a continuidade das materias impartidas neste idioma.

Fonte: Rudaw

A Universidade Nova de Lisboa abre a inscrición para un curso intensivo en liña de portugués de nivel A2

A Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa abriu a inscrición para un curso intensivo en liña de portugués como lingua estranxeira de nivel A2. A formación consta de 60 horas e desenvolverase do 23 de novembro ao 15 de decembro de 2026. Está dirixida prioritariamente a persoas candidatas ao programa Erasmus+ da universidade que queiran mellorar as súas competencias comunicativas en portugués. O prazo de inscrición remata o 13 de novembro.

Fonte: NOVA FCSH

O FESTin reivindica a diversidade cultural dos países de lingua portuguesa

O Festival de Cinema Itinerante da Lingua Portuguesa (FESTin) celebrou en Lisboa a súa 17.ª edición, cunha programación duns 60 filmes que mostran a diversidade do espazo lusófono. Sete realizadores de países africanos de lingua portuguesa presentan historias sobre memoria, migración, identidade, tradición e condición feminina.

Fonte: RFI

O Consello de Europa pide a Croacia máis protección das minorías nacionais

O Consello de Europa insta Croacia a reforzar o diálogo intercultural e a protección das minorías nacionais. Un informe sinala que persisten obstáculos ao uso oficial das linguas minoritarias, unha representación insuficiente destas comunidades nas institucións públicas e xudiciais e a discriminación contra a poboación romaní.

Fonte: Mirage News 

Marrocos amplía o uso do amazigh na administración pública

Marrocos continúa a impulsar o uso da lingua amazigh nos servizos públicos. Durante o primeiro semestre de 2026, desenvolveu plans de actuación en 26 áreas administrativas, ampliou a sinalización bilingüe e incorporou a lingua a vehículos oficiais e servizos de atención á cidadanía.

Fonte: Morocco World News

Propoñen modificar a Constitución francesa para protexer as linguas rexionais

O deputado vasco Peio Dufau e o bretón Paul Molac presentaron no Parlamento francés unha proposta para modificar a Constitución e reforzar a protección das linguas minoritarias. A iniciativa pretende modificar os artigos 2 e 34 para que o feito de que o francés sexa a lingua da República non impida promover e utilizar linguas como o catalán, o éuscaro, o bretón ou o occitano.

Fonte: VilaWeb

Dafydd Owain gaña o Premio de Música Galesa 2026 co álbum Ymarfer Byw

O cantautor galés Dafydd Owain gañou o Premio de Música Galesa 2026 polo seu álbum Ymarfer Byw, polo que recibirá tamén un premio de 10.000 libras. O disco, inspirado nun período especialmente intenso da súa vida, foi recoñecido este ano como Álbum en Lingua Galesa do Ano no Eisteddfod Nacional.

Fonte: Wales247

O Parlamento de Ucraína recomenda aprobar unha lei sobre o ensino nas linguas das minorías nacionais

O Comité de Educación, Ciencia e Innovación do Parlamento de Ucraína (Rada Suprema) recomendou aprobar na súa totalidade un proxecto de lei destinado a garantir os dereitos educativos dos pobos indíxenas e das minorías nacionais. O texto mantén o ucraíno como lingua de ensino, pero garante o uso das linguas das minorías e dos pobos indíxenas do país.

Fonte: Shelter

A tradutora Han Lili achega a novela de Lídia Jorge aos lectores chineses

A profesora e tradutora Han Lili traduciu ao chinés Misericordia, de Lídia Jorge, unha obra que considera especialmente próxima ao público chinés polos seus temas universais, como o envellecemento, a soidade e a condición humana. A tradutora destaca a capacidade da autora portuguesa para superar as diferenzas culturais entre Portugal e a China e explica as dificultades que afrontou para conservar na versión chinesa a riqueza e o estilo do texto orixinal.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder