Mundo
O Consello de Europa publica o segundo informe sobre as linguas minoritarias de España

O Comité de Ministros do Consello de Europa fixo público o segundo informe sobre a situación das linguas minoritarias en España. Este informe foi elaborado por un comité de expertos independentes que analiza a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Segundo este informe, o Comité de Ministros apela a España para mellorar o uso das súas linguas rexionais ou minoritarias no ámbito xudicial e na Administración pública.
Fonte: Consello de Europa
Linguamón presenta ante as Nacións Unidas o proxecto da Casa das Linguas
Linguamón–Casa das Linguas foi invitada por Nacións Unidas a participar no seminario global 'Languages Matter: Globalization, Society and Development', que se desenvolve o mércores 17 de decembro. Deste xeito, Linguamón presentarase ante a ONU como o primeiro centro mundial dedicado exclusivamente á promoción do patrimonio lingüístico da humanidade, o cal supón o recoñecemento do proxecto por parte do máximo organismo internacional.
Fonte: Linguamón
Un estudo asegura que en Arxentina habería 35 linguas indíxenas
Un estudo lingüístico realizado en América Latina asegura que existirían arredor de 35 linguas indíxenas distintas que habitan o territorio arxentino, aínda que oficialmente presentou 28 nun curioso mapa lingüístico dos países da rexión.
Fonte: Crítica Digital
Expertos piden un cambio no ensino do mandarín para estendelo polo mundo
Expertos chineses en mandarín pediron un cambio no método de ensino da lingua oficial de China, para facela máis atractiva no estranxeiro, pese ao crecente interese que existe por aprendela, con máis de 40 millóns de estudantes en todo o mundo.
Fonte: Terra
Reavívase o debate sobre a lingua do ensino na Corte Suprema de Canadá
O debate sobre a lingua de ensino en Quebec rexurdiu co forza na Corte Suprema de Canada o pasado luns 15 de decembro, cando o avogados das familias alófonas (cuxa lingua inicial non é nin o inglés nin o francés) acusou o goberno de Quebec de poñer en perigo a supervivencia das comisións escolares inglesas da provincia.
Fonte: La Presse Canadienne
Traducen ao bretón un portal web de videoxogos
Debido á proximidade das festas de Nadal, a Office de la langue bretonne pon a disposición dos internautas un portal con 700 xogos traducidos ao bretón.
Fonte: Office de la langue bretonne
Unha nova campaña busca sensibilizar os comerciantes de Quebec para que usen o francés
O 11 de decembro lanzouse unha nova campaña encamiñada a sensibilizar os comerciantes así como os consumidores para que empreguen o francés como lingua de servizo en Quebec. Esta campaña ten como lema "Ici, on commerce en français" (Aquí, comerciamos en francés) e desenvolverase entre o 13 de decembro e o 2 de xaneiro de 2009, principalmente na rexión de Montreal.
Fonte: OQLF
Os embaixadores estranxeiros acreditados en Lisboa aprenden portugués
Por respecto ao país anfitrión e para chegar á esencia do pobo, un grupo de embaixadores acreditados en Lisboa ensaia os primeiros pasos na lingua portuguesa.
Fonte: Instituto Camões
O Instituto de Tecnoloxía de Pequín promove a aprendizaxe do español en China
O Instituto de Tecnoloxía de Pequín (BIT), en cooperación co Instituto Cervantes da capital chinesa e o Banco de Santander, inaugurou o 16 de decembro unhas xornadas sobre a importancia internacional do español, co fin de difundir a súa aprendizaxe en China, sinalou un comunicado da institución cervantina.
Fonte: Terra
Segundo un estudo, o bilingüismo en Biel (Suíza) é unha realidade, pero os francófonos séntense maltratados
O barómetro establecido polo instituto de sondaxes gfs.berne mostra que en dez anos a convivencia entre grupos lingüísticos progresa. Mesmo se os falantes suízos de francés, que son minoría, se senten vítimas dun tratamento desigual.
Fonte: Le Temps
Boletín
Subscríbase al boletín