Mundo

O galés úsase por primeira vez no Comité das Rexións

Nerys Evans, do partido Plaid Cymru, fixo historia o 26 de novembro por ser a primeira persoa en utilizar o galés no Comité das Rexións en Bruxelas.

Fonte: Eurolang

Piden que o español sexa declarado o único idioma oficial de Porto Rico

O director executivo do Instituto de Cultura Puertorriqueña (ICP), José Luis Vega, favoreceu que o español sexa declarado novamente único idioma oficial de Porto Rico.

Fonte: La Opinión

O partido de Angela Merkel, Unión Cristianodemócrata, pide definir constitucionalmente o alemán como lingua de Alemaña

O congreso da Unión Cristianodemócrata (CDU), o partido da chanceler Angela Merkel, aprobou unha resolución pedindo definir constitucionalmente o alemán como lingua de Alemaña, o que xerou un debate sobre unha posible discriminación a minorías que falen outras linguas.

Fonte: Terra

A Secretaría de Educación Pública de México asina convenios para apoiar o bilingüismo

A Secretaría de Educación Pública asinou convenios de colaboración coa Universidade Autónoma Metropolitana (UAM), o Instituto Latinoamericano da Comunicación Educativa (ILCE) e a Universidade Pedagóxica Nacional (UPN), a fin de fortalecer a interrelación cultural e o bilingüismo nas escolas indíxenas.

Fonte: Milenio

Prepárase unha gramática do quechua que elaboran os propios falantes desta lingua

No marco da política de fortalecemento e normalización das linguas indíxenas, a Dirección Nacional de Educación Intercultural Bilingüe, DINEIB, realiza o II taller para culminar a reedición do texto "Kichwa Shimi Yachay". Este acto lévase a cabo na cidade ecuatoriana de Baños do 2 ao 5 de decembro de 2008, e nel participan os membros do Kichwa Amawta Kamachi, KAMAK, (Academia da Lingua Quechua), e os lingüistas da DINEIB. Kichwa Shimi Yachay é un texto que contén a gramática desta lingua e un léxico. Trátase dun traballo impulsado dentro das actividades do KAMAK correspondentes ao ano 2008, cuxo resultado é a primeira edición.

Fonte: DIBEIB

A nova Constitución Política do Estado de Bolivia recoñece un idioma que ten seis falantes

O idioma pacawara recoñecido no proxecto da nova Constitución Política do Estado de Bolivia só ten a seis persoas falantes, segundo informou o xefe de Extensión e Difusión Cultural do Museo de Etnografía y Folklora, Milton Eyzaguirre.

Fonte: Erbol

O español superará no Reino Unido o alemán como segunda lingua estranxeira escollida nas escolas de ensino secundario

O español está preparado para superar o alemán como a segunda lingua máis ensinada, despois do francés, nas escolas públicas de ensino secundario, o que reflicte un cambio que xa se produciu nas escolas privadas.

Fonte: Times Online

Comeza en Ruanda o ensino da lingua inglesa nas escolas

A recente decisión do Goberno de Ruanda de empregar o inglés como lingua de educación empezou nalgunhas escolas, nas que os profesores se matricularon xunto cos seus alumnos. Entre os centros que empezaron a implantar a lingua inglesa atópase a escola de educación primaria St Patrick no barrio de Kicukiro.

Fonte: All Africa

A asociación belga De Rand pide un uso exclusivo do neerlandés na publicidade

A asociación De Rand dirixiu, desde o 1 de xaneiro 2007, 69 cartas a diferentes firmas para que non difundan publicidade noutra lingua que non sexa o neerlandés na periferia de Bruxelas. Nesta carta convídase a sociedade a empregar só o neerlandés na súa comunicación xa que se trata da lingua oficial da rexión.

Fonte: 7 sur 7

Unha editorial portuguesa presenta un sitio web para aclarar dúbidas do portugués

A Porto Editora presenta Português Exacto, o sítio da Língua Portuguesa, un sitio web que pretende resolver todas as dúbidas relacionadas co portugués, incluíndo os cambios introducidos polo Acordo Ortográfico.

Fonte: E-Cultura

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder