Mundo
Nace o Fondo Francófono das Infopistas, unha iniciativa ao servizo do francés e a diversidade lingüística mediante as TIC
A Organización Internacional da Francofonía (OIF) pon ao alcance de todas as comunidades lingüísticas unha creativa iniciativa co fin de promover o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC): o Fondo Francófono das Infopistas. O obxectivo deste proxecto é o desenvolvemento de contidos e aplicacións dixitais en francés, así como noutras linguas.
Fonte: Linguamón
Pobos indíxenas mexicanos precisan de tradutores para acceder á xustiza
Ante a dramática situación dos pobos indíxenas para acceder aos procesos de administración da xustiza sinalados constitucionalmente e polos tratados internacionais, o Tribunal Superior de Xustiza do estado de Oaxaca, iniciou o segundo Diplomado para acreditar e certificar tradutores e intérpretes indíxenas para a rexión mixteca.
Fonte: Ciudadanía Express
A comunidade xorda de México censura a eliminación de escolas bilingües
O apoio que lle deu a Comisión Nacional de Dereitos Humanos (CNDH) á Secretaría de Educación Pública (SEP) para “proscribir as escolas bilingües de xordos” evidencia “o racismo” de quen non deixa de ver na lingua de signos mexicana (LSM) e na cultura da comunidade xorda mexicana (CSM) “unha manifestación de anormalidade, unha identidade inferior á da maioría”, manifestou Boris Fridman Mintz, representante da devandita agrupación.
Fonte: La Jornada
A organización chilena Conadi fundará a Academia Nacional da Lingua Mapuche
O 28 de novembro a Corporación Nacional de Desarrollo Indígena (Conadi) fundará en Temuco a Academia Nacional da Lingua Mapuche. A entidade estará integrada por coñecedores ancestrais da lingua e especialistas do idioma, que traballarán nas bases teóricas do mapudungún.
Fonte: Cooperativa
A Unión Europea xa tramita e responde escritos en valenciano
Presentar unha queixa ante o Valedor do Pobo europeo en valenciano e recibir a súa resposta nesa lingua xa é posible. Polo menos iso é o que asegurou o secretario de Estado para a UE, Diego López Garrido, na súa comparecencia ante a Comisión Mixta europea no Congreso dos Deputados.
Fonte: Las Provincias
Compoñen no estado mexicano de Hidalgo a primeira ópera en lingua ñahñú
O compositor da obra, Javier Reyes Bonilla, indicou que “algunha vez me preguntei que se había óperas en latín, alemán, italiano e outras linguas, ¿por que non en ñahñú?, e foi así como xurdiu a idea de crear unha composición recreada na cultura tolteca", expresada nesa lingua ou en náhuatl.
Fonte: La Jornada
Cerca de 2.500 escolares europeos participan na segunda edición do concurso de 'Juvenes Translatores'
Cerca de 2.500 escolares europeos participan nun concurso organizado pola Comisión Europea para poñer a proba os seus coñecementos de tradución. Entre os 618 centros de secundaria seleccionados para o certame 'Juvenes Translatores' hai 54 centros españois.
Fonte: Europa Press
O escritor José Saramago critica a falta de protección do portugués
O Nobel de literatura portugués José Saramago queixouse de que as autoridades "non fixeron nada" para evitar a deterioración do portugués, lingua que está "bastante mal" tanto no seu uso coma no ensino.
Fonte: El Universal
O primeiro ministro irlandés presenta un libro con datos sobre a lingua irlandesa
O primeiro ministro irlandés, Brian Cowen T.D., presentou oficialmente o libro More Facts about Irish, da coñecida autora Helen Ó Murchú, na Biblioteca Nacional de Irlanda.
Fonte: Eurolang
Unha nova gramática do sardo tenta unificar os seus dialectos

Unha nova gramática da lingua sarda publicouse a finais de outubro en Cagliari (Sardeña). Esta obra constitúe o primeiro intento por conseguir unha gramática unificada para todas as variedades do sardo. O seu autor, Mario Puddu, escribiu e editou hai uns anos un dicionario da lingua sarda (Ditzionàriu de sa limba e de sa cultura sarda, Cagliari: Condaghes 2000), unha ferramenta esencial, xunto coa súa versión en liña, para todos os investigadores e estudantes de sardo.
Fonte: Eurolang
Boletín
Subscríbase al boletín