Mundo
A Secretaría de Educación Pública de México admite falta de recursos para impartir lingua e cultura indíxenas
A Secretaría de Educación Pública (SEP) carece de recursos para impartir a materia de Lingua e Cultura Indíxena en secundaria, polo que con autoridades de once estados efectúa análises financeiras e operativas ao respecto.
Fonte: Milenio
Máis do 20 % dos colexios do Reino Unido ensina lingua española
O 24 % dos centros escolares do Reino Unido imparte o ensino de lingua e cultura españolas e o curso pasado introducírona no seu currículo uns 700 centros de secundaria. Ademais, as autoridades locais de Irlanda do Norte decidiron ofrecer o ensino do español en todos os colexios de primaria.
Fonte: EcoDiario
A prohibición en Ucraína de canles por cable da televisión rusa preocupa a Moscú
O viceministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Grigori Karasin, expresou a preocupación do Goberno ruso pola decisión de Ucraína de prohibir a partir do 1 de novembro a retransmisión de canles rusas de televisión por cable.
Fonte: Terra
YouTube incorpora tradución automática aos seus subtítulos
A incorporación de subtítulos a YouTube xa é unha funcionalidade moi útil en si mesma, pero desde Google quixeron potenciar esta característica e engadíronlle o seu motor de tradución de textos para que os subtítulos aparezan traducidos automaticamente, o que amplía considerablemente o público potencial de moitos contidos.
Fonte: Código Cero
Nace "Vila", unha ferramenta informática que permite a construción de frases e a súa tradución
¿Imaxinan un programa informático capaz de construír unha frase no seu idioma, traducila e enviarlla inmediatamente a un receptor? É o que desenvolveu un grupo de enxeñeiros da Universidade de León. Chámase Vila (acrónimo de Visual Language) e é un editor que utiliza unha sintaxe universal e estandarizada que lle permite ao emisor escribir no seu idioma e ao receptor recibilo no seu, de forma inmediata e sen que teñan que coñecer as súas linguas de orixe. Basta con descargar unha sinxela aplicación a través de internet.
Fonte: La Flecha
Só o 7 % da poboación mexicana fala unha lingua indíxena
Segundo datos do Instituto Nacional de las Lenguas Indígenas (Inali), só o 7 por cento da poboación mexicana fala unha lingua indíxena, o que supón unha preocupante situación no que á preservación das linguas orixinarias se refire. É por isto que esta institución deseñou o Programa de revitalización, fortalecemento e desenvolvemento das linguas indíxenas nacionais no que se definiron os eixes das políticas que se implementarán na materia durante o período previsto ata o ano 2012.
Fonte: La Jornada
A Comisión Europea organiza un debate en Bruxelas sobre a tradución
O presidente da Comisión Europea, José Manuel Barroso, e o comisario para o Multilingüismo, Leonard Orban, invitaron a 16 coñecidos tradutores, escritores, editores e críticos literarios europeos de diferentes países a un xantar-debate sobre a tradución e a cultura, que se desenvolve o 6 de novembro en Bruxelas.
Fonte: 7th Space Interactive
Filipinas anuncia a reincorporación do español no ensino secundario
O Goberno de Filipinas anunciou a reincorporación do español no ensino secundario a partir de mediados do próximo ano, unha iniciativa que será desenvolvida coa axuda de España.
Fonte: Terra
Consolídase o programa de estudos de lingua, literatura e cultura galegas na universidade “La Sapienza”, de Roma

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a institución académica italiana acordaron renovar o programa de galego ata o ano 2011
A Xunta de Galicia achega 64.000 euros para financiar as actividades de docencia, promoción e difusión da lingua e para custear a bolsa da lectora
O Consello da Xunta acordou aprobar a renovación do convenio de colaboración existente entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Università degli Studi di Roma “La Sapienza” para consolidar o programa de ensino de lingua, literatura e cultura galegas nesta institución académica.
En virtude deste acordo, o Centro de Estudos Galegos desta universidade italiana terá, durante este curso e ata o ano 2011, o soporte económico necesario para o seu funcionamento, cifrado en 63.976,32 euros, e que achegará a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Este financiamento servirá para sufragar os gastos derivados das actividades académicas e de fomento e difusión do galego e para manter a bolsa da profesora lectora que exerce as súas funcións neste centro de estudos.
O convenio establece como compromisos da universidade, ademais da docencia, a organización de actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas, tales como cursos, conferencias, seminarios, congresos, mesas redondas e exposicións, entre outras, tanto no ámbito universitario como na súa área de influencia. A profesora lectora, baixo a dirección do responsable do Centro de Estudos Galegos, será a encargada de desenvolver estas actividades, para o que disporá dos medios materiais necesarios.
Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, ademais da contribución económica que realizará para o desenvolvemento do programa, encargarase de supervisar as accións acordadas e de comprobar a súa adecuación á finalidade da subvención.
Publicacións
O Centro de Estudos Galegos desta universidade, establecido na Facultade de Ciencias Humanísticas, vén desenvolvendo un importante labor dentro da rede de proxección exterior do galego. Ademais de publicacións sobre Galicia e A Provenza ou sobre a lírica galego-portuguesa, encargouse da tradución comentada d’A Esmorga ao italiano. Outras dúas universidades de Italia, as de Padua e Perugia, contan con centros de estudos galegos.
Fonte: Xunta de Galicia
Dúas mil persoas reclaman a oficialidade do catalán en Perpinyà
Unhas dúas mil persoas participaron na manifestación de clausura do Correllengua en Perpinyà. A marcha percorreu as rúas máis céntricas da cidade e berráronse maioritariamente consignas en defensa da oficialidade do catalán. Joan Puigcercós, presidente de ERC, asistiu e anunciou que en decembro se formalizará oficialmente a entrada do Consell General dels Pirineus Orientals no Institut Ramon Llull.
Fonte: VilaWeb
Boletín
Subscríbase al boletín