Novas

Cultura celebra o Día Internacional da Tradución cunha homenaxe a Valentín Arias e unha xornada sobre terminoloxía
25 de setembro de 2008

Cultura celebra o Día Internacional da Tradución cunha homenaxe a Valentín Arias e unha xornada sobre terminoloxía

Os actos desenvolveranse en Vigo os días 29 e 30 de setembro

A Consellaría triplicou desde 2004 as axudas á tradución desde e para o galego, que este ano superaron os 300.000 euros

O 30 de setembro é o Día Internacional da Tradución e a Consellería de Cultura e Deporte celebrarao cunha homenaxe ao tradutor Valentín Arias e coa organización dunha xornada sobre terminoloxía. Os actos conmemorativos enmárcanse nunha política da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural de aposta polo fomento da tradución, cun forte incremento das axudas, que se triplicaron en só catro anos.

O departamento que dirixe Luis Bará dedica este ano 307.689 euros a subvencionar traducións e probas de tradución, o que supón superar en máis do triple os 90.000 euros que destinou en 2004 para o mesmo fin o anterior goberno da Xunta. Este incremento permitiu que as obras subvencionadas pasasen de 30 en 2004 a 89 en 2007. Este ano agárdase que arredor de 120 libros se beneficien destas axudas, destinadas tanto á edición en galego de textos doutras linguas como para a tradución a outras linguas de textos orixinais en galego.

Con este incremento a Consellería quere facilitar que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción literaria a mercados exteriores noutras linguas. Ao mesmo tempo, procúrase facer posible que se poidan atopar no noso país e na nosa lingua textos significativos producidos no exterior, incluíndo obras de referencia clásicas e de actualidade. As axudas favorecen ademais o traballo dos profesionais galegos da tradución.

Xornada sobre terminoloxía

Os actos do Día Internacional da Tradución iniciaranse o luns 29 de setembro coa celebración en Vigo da Xornada “Terminoloxía: palabras que contan”. Terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada en colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da interpretación.

A xornada desenvolverase ao longo da mañá. Abrirase cunha conferencia sobre “Terminoloxía en Galicia: tesouros novos e vellos” a cargo de Iolanda Galanes, presidenta da Sociedade Galega de Terminoloxía. A continuación presentaranse varios proxectos nos eidos da tradución e a terminoloxía. A xornada rematará cunha mesa redonda sobre “Terminoloxía e interpretación”.

Valentín Arias

O 30 de setembro é a data na que os tradutores e intérpretes celebran o seu patrón, San Xerome. Ese día a Consellería recoñecerá o traballo desenvolvido por Valentín Arias, un dos máis grandes tradutores de Galicia. Será nun acto no Auditorio do Centro Sociocultural Caixanova de Vigo ás 19:00 horas, no que intervirá a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

Vicente Arias López naceu en Sarria en 1934. En 1969 comezou a traballar coa Editorial Galaxia. Foi membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente. Traduce fundamentalmente do francés, do portugués e do español. En 1989 recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución, e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura.

Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne “A volta ao mundo en oitenta días”, “Viaxe ao centro da terra” e “Da Terra á Lúa”, “Voo de noite” de Antoine de Saint-Exupéry, “O estranxeiro” de Albert Camus e “A fractura do miocardio” de Jacques Fansten. Tamén traballou no equipo que traduciu “O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha”. Ademais publicou numerosos artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas.

Programa da xornada “Terminoloxía: palabras que contan”

29 de setembro de 2008
Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, Universidade de Vigo
Campus Lagoas-Marcosende s/n, Vigo

10.00-10.30 Conferencia «Terminoloxía en Galicia: tesouros novos e vellos»
Iolanda Galanes Santos, presidenta da Sociedade Galega de Terminoloxía (SGaT)

10.30-12.40 Presentación de proxectos
10.30-10.55 «Novo dicionario inglés-galego»
Alberto Álvarez Lugrís e Xavier Gómez Guinovart, Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo
10.55-11.20 «A Neoteca: banco de datos de neoloxismos da Universidade de Vigo»
Xosé María Gómez Clemente (Observatorio de Neoloxía) e Xavier Gómez Guinovart (Seminario de Lingüística Informática, SLI)
11.20-11.30 Rolda de preguntas
11.30-11.45 Pausa
11.45-12.05 «Un idioma preciso: un exemplo de divulgación do traballo terminográfico»
Xusto A. Rodríguez Río, responsabale de Área de Terminoloxía, SNL, Universidade de Santiago de Compostela
12.30-12.40 Rolda de preguntas
12.40-13.00 Pausa

13.00-14.00 Mesa redonda «Terminoloxía e interpretación»
Modera: Lara Santos, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI)
Participan:
Luis Alonso Bacigalupe, profesor da Área de Interpretación na Universidade de Vigo
María Reimóndez Meilán, intérprete profesional

Fonte: Xunta de Galicia

 

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder