España
Na Comunidade Valenciana Educación para a Cidadanía impártese en inglés con libros en castelán ou valenciano
Máis de 50.000 alumnos valencianos de segundo de ESO cursarán Educación para a Cidadanía en inglés, aínda que paradoxalmente dispoñerán de libros de texto e materiais didácticos nas dúas linguas oficiais da Comunidade.
Fonte: El Mundo
Zapatero comprométese a garantir o uso das linguas cooficiais
O presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero , comprometeuse no pleno do Congreso a garantir o uso das linguas cooficiais en cumprimento do mandato constitucional e porque son, subliñou, unha «riqueza cultural do país».
Fonte: La Voz de Galicia
O Goberno vasco actualizará a base de datos de termos do éuscaro
A Viceconsellería de Política Lingüística e o Instituto Vasco de Administración Pública (IVAP) traballarán conxuntamente para actualizar o banco público de terminoloxía do éuscaro, Euskalterm.
Fonte: Deia
Zapatero asegura que tomará medidas para promover o galego na Administración
José Luis Rodríguez Zapatero comprometeuse no Congreso a tomar as medidas necesarias para promover o uso do galego na Administración Xeral do Estado. Fíxoo en resposta ao portavoz do BNG, Francisco Jorquera, quen lle preguntou na sesión de control ao Goberno que accións ía adoptar para garantir o respecto á legalidade lingüística.
Fonte: La Voz de Galicia
A ministra de Educación admite que o nivel de castelán dos alumnos cataláns é igual ou superior á media
A ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera, asegurou que o seu ministerio non ten constancia de que haxa incumprimento ningún en referencia á terceira hora de castelán no sistema escolar de Cataluña.
Fonte: Avui
A Generalitat Valenciana prepara un programa de tradución do valenciano ao inglés
A Consellería de Educación ten previsto presentar en menos dun ano un programa de tradución do valenciano ao inglés e vicevera, a semellanza do programa Salt, dentro do obxectivo do Goberno valenciano de apostar polo trilingüismo.
Fonte: Levante
O Instituto Cervantes, a Cruz Vermella e SM presentan "Horizontes", un curso de español para integrar persoas inmigrantes
O Instituto Cervantes, a Cruz Vermella Española e Ediciones SM elaboraron o curso de español "Horizontes. Español Nueva Lengua", un método de ensino do español para persoas inmigrantes adultas. Cunha tirada inicial de 5.000 exemplares –que poderán aumentar en posteriores edicións-, os libros empregaranse nos centros da Cruz Vermella en España co obxectivo de facilitar a inserción sociolaboral do alumnado mediante a aprendizaxe da lingua e cultura españolas.
Fonte: Instituto Cervantes
A UNED poñerá en marcha un lectorado de lingua e cultura vascas en España e no estranxeiro

O Departamento de Cultura do Goberno vasco e a UNED (Universidad Nacional de Educación a Distancia) asinaron en Donostia un acordo de colaboración en virtude do cal a UNED poñerá en marcha durante este curso académico 2008-2009 un lectorado de éuscaro e cultura vasca en España e no estranxeiro.
Fonte: Diario Vasco
O Partido Socialista de Euskadi rexeita a reforma dos modelos lingüísticos no ensino
O PSE-EE expresou o seu rexeitamento á reforma dos modelos lingüísticos que promove o departamento de Educación. A responsable socialista de Políticas Sociais, Isabel Celaá, afirmou que o seu partido só apoiará o proxecto de Educación se se "introducen modificacións de calado", porque non se pode aceptar que a educación vasca "estea toda ela subordinada ao éuscaro".
Fonte: Diario Vasco
O partido político Tierra Aragonesa pide o recoñecemento oficial da Academia de l'Aragonés
Tierra Aragonesa indica que "durante máis de trinta anos foi o tecido asociativo o que impulsou unha campaña de sensibilización social polos dereitos lingüísticos de entre un 7 e un 10 % de aragoneses que falan unha lingua materna autóctona distinta do castelán, feito que debería gozar do recoñecemento por parte do Goberno de Aragón".
Fonte: El Periódico de Aragón
Boletín
Subscríbase al boletín