Trátase da primeira viaxe conxunta dos alumnos e alumnas dos centros de estudos galegos de Alemaña
Un total de 16 estudantes, acompañados polos profesores lectores, percorrerán Galicia e participarán en diversas actividades lúdicas e culturais
Alemaña é un dos países europeos con máis centros de estudos galegos, con cinco universidades nas que é posible estudar lingua e coñecer a cultura do país
Un grupo de estudantes de lingua e cultura galegas de universidades alemás inician unha completa visita a Galicia na que poderán coñecer de preto a nosa cultura e practicar a lingua galega. Acompañados polos profesores lectores de galego, os estudantes alemáns comezarán a súa visita en Santiago. O mércores, 17 de setembro, serán recibidos pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. Visitarán o Museo do Pobo Galego e percorrerán a zona vella de Compostela.
O grupo desprazarase o xoves, 18 de setembro, á Costa da Morte, onde visitarán o Monte Pindo, Carnota e Fisterra. Ao día seguinte pasarán a xornada na Coruña, onde realizarán unha visita á sede da Real Academia Galega e á Universidade da Coruña. Posteriormente terán un xantar cos poetas Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Xulio Valcárcel, que participaran nun encontro cos estudantes en Alemaña hai meses.
Durante a fin de semana, os estudantes alemáns visitarán a praia das Catedrais, en Ribadeo, e participarán nun partido de billarda entre Galicia e Alemaña. Tamén estarán no Courel, onde pasarán a xornada do domingo.
Xa o luns, 22 de setembro, o lugar elixido será a provincia de Ourense. Na capital visitarán a catedral, as Burgas e a zona vella, para despois trasladarse a Allariz. Na seguinte xornada será Vigo o protagonista da viaxe. Logo de coñecer a Fundación Carlos Casares e pasear pola zona vella da cidade, irán a Pontevedra pasar a tarde. A xornada rematará de madrugada, xa que está previsto que o grupo coñeza o funcionamento da lonxa de Vigo arredor das tres da mañá.
Por último, a axenda da viaxe prevé unha visita a Vilagarcía de Arousa, onde se dará por rematada a excursión.
Preto de cen alumnos
Alemaña é un dos países europeos onde máis centros de estudos galegos funcionan. Son cinco: Berlín, Heidelberg, Kiel, Trier e Tubinga. Na actualidade, os programas de lingua e de cultura galegas teñen preto dun cento de alumnos e alumnas, e son moi activos en canto á organización de actividades académicas e extraacadémicas.
Fonte: Xunta de Galicia



