Novas

Política Lingüística promove a galeguización da telefonía móbil a través da campaña
10 de setembro de 2008

Política Lingüística promove a galeguización da telefonía móbil a través da campaña "O teu móbil en galego"

A secretaria xeral asinou acordos de colaboración coas dez principais empresas do sector

Os fabricantes comprométense a implantar progresivamente o galego nas opcións dos menús e noutras aplicacións dos terminais

As operadoras ofreceranlles aos seus clientes a posibilidade de comunicarse con eles en galego e de renovar ou substituír os terminais que non teñan esa opción idiomática por outros que si a teñan

A través da páxina web www.oteumobilengalego.com os usuarios poderán coñecer os modelos que teñen o galego incorporado e as empresas operadoras que os comercializan e establecen as súas comunicacións nesta lingua

Promover o uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías e, máis concretamente, na telefonía móbil constitúe o obxectivo fundamental do proxecto O teu móbil en galego, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de pór en marcha en colaboración con Ineo, o clúster de referencia en Galicia para o sector das tecnoloxías da información e da comunicación. A responsable deste departamento autonómico, Marisol López, deu a coñecer en Santiago a devandita iniciativa, que inclúe diversas medidas encamiñadas a impulsar e facilitar a comunicación en lingua galega. Por unha banda, asinou convenios de colaboración cos principais fabricantes e operadores de telefonía móbil. Paralelamente, presentouse a web www.oteumobilengalego.com, que pretende converterse na páxina de referencia para calquera busca vinculada aos teléfonos móbiles e ao galego. Ademais, déronse a coñecer outras accións divulgativas incluídas nesta mesma campaña.

Os convenios de colaboración impulsados por Política Lingüística foron asinados por cinco compañías operadoras –Orange, R, Telefónica Móviles, Vodafone e Yoigo– e cinco empresas fabricantes –Alcatel, Motorola, Nokia, Samsung e Sony Ericsson–. Este acordo fará posible a implantación progresiva do galego como opción idiomática nos menús e noutras aplicacións dos terminais móbiles que se comercialicen en Galicia, así como nos manuais de usuario e nas guías rápidas en soporte electrónico que se poidan descargar desde a web.

Substitución de terminais
As empresas operadoras comprométense, a través deste convenio, a facilitar que calquera comunicación oral ou escrita cos seus clientes se poida realizar en galego e a promover campañas para que os seus usuarios coñezan a existencia de terminais na lingua propia de Galicia. Tamén ofrecerán aos seus clientes a posibilidade de adquirir móbiles coa opción de galego, así como a de renovar ou substituír os terminais que non teñan a opción de galego por outros que si a teñan.

Pola súa parte, Política Lingüística facilitaralles asesoramento técnico ás empresas asinantes do convenio en materia de cuestións lingüísticas e terminolóxicas, e proporcionaralle apoio institucional a calquera iniciativa das compañías que teña como finalidade a promoción da lingua e da cultura galegas.

Sitio web
Neste acto, tamén se presentou o sitio web www.oteumobilengalego.com, que é un novo espazo que se crea na rede para facilitarlles ás persoas interesadas toda a información relativa ás compañías que lles posibilitan aos seus clientes unha relación e un trato directo en galego. Esta web pretende converterse nun referente para calquera busca vinculada aos teléfonos móbiles e ao galego. Nela, pódese atopar información acerca das aplicacións na nosa lingua que os fabricantes incorporan aos terminais e ademais ofrece a posibilidade de descargar as últimas actualizacións dispoñibles en lingua galega para os diferentes modelos de teléfonos.

Marisol López desvelou, ademais, que esta campaña na que se inclúen os convenios asinados e a web se complementa con outras accións en liña dirixidas a promover e difundir en internet este proxecto sobre a telefonía móbil. Parte destas iniciativas van encamiñadas a propiciar a consulta na web oficial de calquera palabra relacionada cos móbiles en galego.

Valor de mercado
A secretaria xeral de Política Lingüística amosou a súa satisfacción polo feito de que “no mundo globalizado no que vivimos, o sector empresarial comece a percibir a lingua galega como unha oportunidade e un valor engadido no seu negocio; porque as linguas constitúen vehículos para achegarse ao consumidor desde a proximidade e porque o cliente se sente, ao ser atendido no seu idioma, mellor atendido”. Marisol López fixo referencia tamén á importancia que o sector da telefonía móbil posúe na sociedade actual, porque “está presente en todos os sectores sociais e xa se converteu nun elemento indispensable para unha altísima porcentaxe da poboación”.

A secretaria xeral asegurou que “a vocación global das novas estratexias empresariais non é obstáculo para a incorporación aos mercados locais de maneira particularizada”, e gabou as “empresas pioneiras, de primeira orde no mercado, que están demostrando que as linguas abren camiños, non pechan portas”.

No acto de presentación da campaña O teu móbil en galego tamén participaron o presidente e o director xeral da asociación multisectorial Ineo, Jorge Cebreiros e Manuel Soliño, respectivamente.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder