Máis información
Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Convocatoria de 2020
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade abriu no mes de maio de 2020, no marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19, unha convocatoria de axudas á que se podían presentar creacións culturais, bens ou servizos de consideración análoga, coa finalidade de configurar un fondo de contidos creativos de interese cultural e artístico, lingüístico e turístico.
Baixo a denominación de Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 impulsouse esta iniciativa que buscaba preservar a actividade e o emprego dos sectores cultural e turístico para paliar os efectos da crise sanitaria provocada pola covid-19 e xerar contidos de calidade a disposición da poboación galega.
A creación deste repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega ten os seguintes obxectivos:
- Dinamizar a lingua propia de Galicia
- Inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 para que ninguén quede fóra
- Abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais
A convocatoria, dotada inicialmente cunha partida de 1,5 millóns de euros, está destinada a todas as ramas do sector cultural con proxectos virtuais ou que se vaian realizar de xeito presencial baixo as condicións que a situación sanitaria permita. Ou mesmo combinar ambas opcións. Tamén outros servizos como deseño, produción técnica ou subministración de materiais e expresións artísticas. En resumo, os produtos deste repositorio de contidos poden pertencer aos seguintes ámbitos:
- Virtual (vídeos, música, películas, documentais, fotografías...)
- Presencial (actuacións teatrais, musicais, exposicións...)
- Outros servizos: materiais e produción
Este fondo dispón de tres modalidades:
- Música, artes escénicas e audiovisual
- Dinamización da lingua galega, do patrimonio cultural e de proxectos editoriais, literarios e expositivos.
- Xacobeo, turismo, xeografía, paisaxe, gastronomía, usos e costumes sociais.
Boletín
Subscríbase ao boletín
