Galicia

Interese en Brasil polo léxico galego da Academia da Língua Portuguesa

A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) ultima a proposta do vocabulario galego para incorporar aos dicionarios comúns para a lusofonía que se van editar coa entrada en vigor do Acordo Ortográfico para o portugués. Tamén aprobou, no seu primeiro plenario, celebrado en Compostela, a incorporación do prestixioso lingüista Celso Álvarez Cáccamo, profesor da Universidade da Coruña, como novo membro numerario.

Fonte: La Voz de Galicia

Touriño asegura que haberá recoñecemento para a lingua como criterio para o financiamento

"Haberá recursos adicionais para políticas de normalización lingüística", subliñou este martes o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, mentres analizaba o borrador cos criterios para a reforma do financiamento presentados polo Goberno español. Asegurou Pérez Touriño que se trata dun documento que responde ao "acordado" durante a recente xuntanza en Madrid do presidente galego co presidente do Goberno español, e de xeito explícito mencionou a suxestión realizada en materia de normalización lingüística.

Fonte: Vieiros

Un engadido permite configurar o teclado de Mac OS X en galego

Na actualidade tanto os sistemas operativos Windows XP, Windows Vista e Linux contan con interfaces de uso adaptadas ao galego (e multitude de programas na nosa fala) pero o Mac OS X está moi pechado lingüisticamente, polo que as pequenas achegas que se fan para galeguizar este tipo de escritorios informáticos son benvidas, como a existencia dunha configuración de teclado en galego para Mac OS X elaborada por Ross Barkman.

Fonte: Código Cero

A mostra "As nosas palabras, os nosos mundos" acada as 1.000 visitas na Coruña

A exposición As nosas palabras, os nosos mundos, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, despide na Coruña o Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo. Preto de 1.000 persoas visitaron durante estes días a exposición, que dá conta da vitalidade do galego no panorama literario, na música, no audiovisual, na publicidade e nas artes plásticas. A mostra estará aberta ata o próximo domingo, 4 de xaneiro, no Kiosco Alfonso da cidade herculina.

Fonte: ABC

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia o incumprimento da lexislación lingüística na Estación de Autobuses de Lugo

A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo realizará o luns 5 de xaneiro unha performance protagonizada polos Reis Magos de Oriente na Estación de Autobuses de Lugo co fin de denunciar o incumprimento da lexislación lingüística neste espazo público.

Fonte: A Mesa pola Normalización Lingüística

Convócanse subvencións a entidades sen fin de lucro para incrementar o uso do galego na transmisión familiar e na mocidade

No DOG do 31 de decembro de 2008 publicouse a Resolución pola que se regula a concesión de subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega na transmisión familiar e na mocidade.

Fonte: CTNL

O programa de edición de blogs Wordpress xa está dispoñible en galego

Unha das plataformas máis populares para a creación de blogs, o Wordpress 2.0, está xa dispoñible en galego. O egalego.com rematou a tradución desta aplicación que xa se pode descargar de balde desde o seu web. Ademais da aplicación en si, o paquete inclúe plugins e outros complementos para o wordpress.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Consellería de Educación convoca 2650 bolsas de idiomas para alumnos de centros públicos

A Consellería de Educación convocou 2650 axudas para que alumnos de 6º de primaria a 2º de bacharelato poidan realizar actividades de aprendizaxe de idiomas no verán de 2009, segundo publica o Diario Oficial de Galicia.

Fonte: La Opinión

Convócanse catro monográficos de inglés audiovisual nas escolas de idiomas da Coruña, Santiago e Vigo

En 2009 amplíase o número e duración dos cursos, aumentando os monográficos de 30 a 45 horas e diversificando xeograficamente a oferta formativa

O Consorcio Audiovisual de Galicia subvencionará en concepto de bolsa de formación o 50% do custo das taxas de matrícula por monográfico e ofertará ademais unha serie de actividades extraacadémicas relacionadas cos contidos do curso

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Consorcio Audiovisual de Galicia convocarán a próxima semana catro monográficos de inglés audiovisual nas Escolas Oficias de Idiomas da Coruña, Santiago e Vigo.

Tras o éxito de convocatoria e o alto nivel de satisfacción do alumnado dos monográficos organizados nas pasadas edicións nas EOI de Santiago e Vigo, para os que se recibiron máis dun centenar de solicitudes, a Consellería de Educación e o Consorcio están a traballar para prorrogar a colaboración mediante un novo convenio. Así, en 2009 amplíase o número e duración dos cursos, aumentando os monográficos de 30 a 45 horas e diversificando xeograficamente a oferta formativa, contando coa colaboración das EOI de Santiago e Vigo, que xa ofertaran as pasadas edicións, aos que este ano se suma a participación da EOI da Coruña.

Os cursos, que serán impartidos polo profesorado das EOI, celebraranse de xeito simultáneo nas EOI da Coruña, Compostela e Vigo a partir do 9 de febreiro, dúas xornadas á semana, en horario de tarde, para posibilitar a compatibilidade horaria co traballo dos profesionais.

O Consorcio Audiovisual de Galicia subvencionará en concepto de bolsa de formación o 50% do custo das taxas de matrícula por monográfico e ofertará ademais unha serie de actividades extraacadémicas relacionadas cos contidos do curso (como visitas a rodaxes ou gravación de programas, organización de master classes ou proxeccións de películas en versión orixinal).

Destinatarios
Estes cursos están dirixidos principalmente aos profesionais do sector audiovisual, así como a estudantes (preferiblemente cun nivel lingüístico intermedio e intermedio-alto dunha escola oficial de idiomas) que estean familiarizados coa lingua inglesa, e que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas sobre todo no ámbito da industria dos medios audiovisuais. Así, nas pasadas edicións contouse entre o alumnado con distintos perfís profesionais desta industria, como actores, directores, guionistas, técnicos, produtores, axentes de vendas internacionais, xornalistas, deseñadores gráficos ou axentes culturais. Para acceder, o alumnado deberá acreditar o seu nivel de lingua mediante unha entrevista persoal para a que serán convocados unha vez se peche o prazo de inscrición.

O obxectivo é que o alumnado adquira ou mellore o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar.

Estas actividades xorden da necesidade de especialización dos profesionais, que teñen que atender á demanda dun mercado audiovisual de marcado carácter transnacional e de contar coa presenza das empresas e produtoras galegas nos foros internacionais máis prestixiosos.

Fonte: Xunta de Galicia

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a escaseza de filmes dobrados ao galego

A Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Ferrol acaba de denunciar a imposibilidade de ver películas dobradas ao galego na súa comarca.
O pasado mes de decembro estreouse unha nova entrega da saga de animación do ratiño Pérez, Pérez 2, o ratiño dos teus soños, a cal continúa aínda nas carteleiras das salas ferrolás. Porén, só se ofrece a posibilidade de vela en castelán, malia existiren copias en lingua galega.

Fonte: Galicia Hoxe

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder