Galicia

Política Lingüística edita "Aula de galego 4", un novo manual didáctico para facilitar a aprendizaxe da lingua galega

A Xunta puxo en circulación 5.000 exemplares, que xa se poden atopar nas librarías e dos que tamén disporán os lectores dos centros de estudos galegos no exterior e os profesores que imparten os cursos Celga

O volume, que é o segundo dunha colección que se iniciou en 2008, aposta por poñer en valor as habilidades comunicativas, a reflexión gramatical e o coñecemento da cultura galega

O libro está pensado principalmente para darlles resposta ás necesidades específicas dos alumnos que aspiran a obter o certificado de galego correspondente ao nivel 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística financiou a edición dos 5.000 exemplares do manual Aula de galego 4, que xa se poden atopar nas librarías de Galicia e que tamén lles servirán de ferramenta de traballo aos lectores dos centros de estudos galegos no exterior e aos profesores que imparten os cursos Celga. Este volume ten como obxectivo darlles resposta ás necesidades específicas dos alumnos que estudan galego dentro e fóra de Galicia e, especialmente, está pensado para aqueles que aspiran a obter o certificado Celga 4. O manual está elaborado de acordo coa perspectiva do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Trátase do segundo volume dunha colección promovida por Política Lingüística para facilitar a aprendizaxe do galego que botou a andar en 2008, coa saída do prelo de Aula de galego 1. Nos vindeiros meses está previsto que se editen tamén os manuais Aula de galego 2 e Aula de galego 3.

Enfoque comunicativo
Estes cadernos didácticos apostan por poñer en valor as destrezas comunicativas dos alumnos, a reflexión gramatical e o coñecemento e a comprensión da cultura galega. Aula de galego 4 está elaborado por un equipo de autores con ampla experiencia no deseño de materiais didácticos, asesorados por expertos de diversos ámbitos do ensino da lingua.

O volume inclúe o libro do alumno, un CD con audicións, unha sección de exercicios e un anexo cun resumo gramatical. Coa edición destes manuais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende paliar a escaseza de materiais que respondan axeitadamente ás necesidades expostas nos cursos de aprendizaxe da lingua galega.

Fonte: Xunta de Galicia

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Barco de Valdeorras outorga os premios dun concurso de felicitacións

O Servizo de Normalización Lingüística outorgou os premios do concurso de felicitacións de Nadal, consistentes en cheques de 200, 150 e 50 euros, para cambiar por equipos relacionados coa imaxe e as novas tecnoloxías.

Fonte: La Región

A Xunta impartirá 27 cursos de linguaxe administrativa galega para o seu persoal

A actividade está organizada pola Escola Galega de Administración Pública e a Secretaría Xeral de Política Lingüística

O prazo de inscrición rematará o día 30 de xaneiro

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) impartirá, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, 10 edicións do seu curso de linguaxe administrativa galega de nivel medio e 17 de nivel superior, que se celebrarán en horario de mañá entre os meses de febreiro a setembro.

Estes cursos están dirixidos aos empregados públicos da Administración da Xunta de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, a non ser que estean desempeñando postos na Administración xeral.

O prazo de inscrición rematará o día 30 de xaneiro. As edicións terán lugar na Coruña –dúas de nivel medio e tres de nivel superior-, Ferrol –unha de cada nivel-, Santiago – tres de nivel medio e cinco de nivel superior -, Lugo – unha de nivel medio e dúas de nivel superior -, Ourense –unha de nivel medio e tres de nivel superior-, Pontevedra –unha de cada nivel -, Vigo - unha de cada nivel – e Viveiro- unha de nivel superior.

Para solicitar a participación nos cursos de nivel medio, as persoas interesadas deberán ter superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega, de perfeccionamento de lingua galega ou o Certificado de Lingua Galega 4 (Celga 4); mentres que para acceder aos de nivel superior deberán ter superado ou validado o de nivel medio.

O número de prazas por curso será de entre 20 e 30 participantes, e só se poderá solicitar un por persoa. Cada edición terá unha duración de 75 horas, 60 delas lectivas –con presenza obrigada de todo o alumnado- e 15 horas de tratamento individualizado, en que o alumnado poderá realizar actividades presenciais específicas de reforzo ou actividades complementarias.

Ao remate de cada curso entregaráselles aos participantes que superasen as distintas fases de avaliación un certificado coa cualificación de apto expedido pola EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Fonte: Xunta de Galicia

Denuncian a "vulneración sistemática dos dereitos lingüísticos" no Hospital Juan Cardona de Ferrol

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou a "vulneración sistemática dos dereitos lingüísticos" que leva a cabo o Hospital Juan Cardona de Ferrol que, asegurou, "discrimina as persoas galegofalantes" ao "excluír" o galego "non só da atención oral, senón tamén da documentación escrita e a sinalización".

Fonte: EcoDiario

Galicia Bilingüe denuncia que Educación "rexeitou expresamente" a solicitude dun pai para que a súa filla estude en castelán

A asociación Galicia Bilingüe denunciou que a Consellería de Educación "rexeitou expresamente" unha primeira solicitude "das máis de dúas mil" que a mediados de outubro presentaron pais e nais galegos nas oficinas da Inspección Educativa de cinco cidades para solicitar que os seus fillos puidesen estudar integramente en castelán, tanto no relativo ao material didáctico como ao seu uso oral en clase ou nos exames.

Fonte: Hispanidad

A TVG estrea Cazador de palabras, programa que tratará os aspectos máis divertidos da lingua galega

O Cazador de palabras sairá hoxe xoves ás 21.55 por primeira vez na busca dos termos máis rechamantes da lingua galega. Nesta primeira emisión, o programa introducirase na linguaxe empregada no deporte rei, o fútbol, para recoller as palabras e expresións máis técnicas e populares. Pero non todo o tempo estará dedicado ao fútbol, senón que a "caza" tamén consistirá en atopar pezas curiosas naqueles deportes en que, na actualidade, trunfan galegos. O capítulo rematará cun repaso polo léxico dos deportes tradicionais.

Fonte: CRTVG

Aberta a inscrición para os exames do Celga, que inclúen por primeira vez unha convocatoria especial en América

As probas para a obtención dos certificados acreditativos de lingua galega dos catros niveis existentes realizaranse en Galicia, no resto do Estado español e en Europa en maio e novembro, mentres que en América se farán en outubro

Preto de cincuenta cidades acollerán a realización dos exames, que se desenvolverán ao longo de 12 días

O prazo de inscrición xa está aberto e a lista provisional de admitidos e admitidas farase pública 30 días antes da data de realización das probas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou as probas que se realizarán este ano para a obtención dos Certificados de Lingua Galega (Celga) correspondentes aos catro niveis existentes. A resolución na que se inclúen as datas e os demais detalles dos exames fíxose pública o 15 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia. Unha das novidades desta edición é que, por primeira vez, se levará a cabo unha convocatoria especial e única para América, que terá lugar en outubro. En Galicia, no resto do Estado español e en Europa os exames faranse en maio e novembro.

Preto de cincuenta cidades acollerán a realización destas probas. En Galicia, desenvolveranse nas localidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. No resto do Estado español, os exames terán lugar en Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Salamanca, Vitoria e Alacante. As cidades europeas de Berlín, Heidelberg, Kiel, Trier, Tubinga, Helsinki, París, Budapest, Cork, Padua, Perugia, Roma, Varsovia, Cracovia, Braga, Faro, Lisboa, Bangor, Birmingham, Londres, Oxford, Stirling, San Petersburgo e Zadar tamén acollerán as probas para a obtención do Celga. En América, integran a lista de lugares fixados para a realización dos exames Bos Aires, Río de Xaneiro, Salvador de Baía, San Paulo, Niteroi, A Habana, Santiago de Chile, Nova York e Montevideo.

Datas concretas
Por un lado, as probas para a acreditación oficial dos coñecementos en materia de lingua galega efectuaranse os días 23, 24, 30 e 31 de maio e 21, 22, 28 e 29 de novembro de 2009, para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente. No caso da convocatoria creada especificamente para América, os exames desenvolveranse os días 7 e 8 de outubro. O 7 de outubro, terán lugar pola mañá os correspondentes ao nivel 4, e pola tarde os do Celga 2. O 8 de outubro, faranse pola mañá os do nivel 3, e pola tarde os do Celga 1.

O prazo de inscrición para poder participar nas probas deste ano xa está aberto. No caso da convocatoria de maio, remata o 25 de marzo de 2009, inclusive; para as probas de outubro, acaba o 30 de xuño, inclusive; e para a convocatoria de novembro finaliza o 12 de outubro de 2009 (inclusive).

A lista provisional de admitidos e admitidas para cada un dos niveis e localidades publicarase na web www.xunta.es/linguagalega 30 días naturais antes da data de realización das probas, mentres que a lista definitiva se dará a coñecer 15 días antes dos exames. Os resultados das probas publicaranse nesa mesma web, na que tamén é posible conseguir un formulario para cubrir a solicitude e dispón dunha ligazón para efectuar o pagamento telemático da taxa.

As solicitudes poden remitirse á Secretaría Xeral de Política Lingüística, aos gabinetes provinciais dese departamento autonómico, aos rexistros oficiais da Xunta e, no caso dos solicitantes de fóra de Galicia, aos centros de estudos galegos das universidades. Os destinatarios destes exames son as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finais do 2009, nacionais ou estranxeiras.

Desenvolvemento das probas
As persoas admitidas para a realización das probas deberán presentarse 15 minutos antes da hora de inicio. A Secretaría Xeral de Política Lingüística expediralles unicamente os certificados de acreditación do Celga ás persoas que superen os exames.

O Celga é un sistema de certificación adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas que lles outorga prioridade ás habilidades comunicativas en galego por riba dos enfoques máis gramaticalistas.

Fonte: Xunta de Galicia

Só o 30% dos examinados obtén o certificado superior de lingua galega

Só o 30% das persoas que se examinaron en xaneiro para obter o certificado do nivel superior en lingua galega, o CELGA 4, superou as probas. Os resultados provisionais, publicados na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, indican que das 1.734 persoas que se examinaron, resultaron aptas 518.

Fonte: Galiciae

O senador Pío García Escudero visita Galicia para coñecer a súa realidade lingüística

O PP anunciou que o seu portavoz no Senado, Pío García-Escudero, e o resto dos membros do relatorio "Somos" -do I Foro Aberto do PP, que se celebrará o 24 e 25 de xaneiro-, entre os que está a senadora e presidenta do PP de Vigo, Corina Porro, reuniranse en Vigo con asociacións de profesores e de pais de alumnos para coñecer "de cerca" os problemas derivados do "bilingüismo desintegrador".

Fonte: Galicia Hoxe

Política Lingüística destina 850.000 euros a accións dirixidas a fomentar o galego por parte de entidades sen fin de lucro

O prazo para presentar os proxectos a esta convocatoria de subvencións permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro, inclusive

Os ámbitos de actuación prioritarios que se terán en conta á hora de adxudicar as axudas son a familia, a infancia e a mocidade

Sensibilizar as familias das vantaxes de que os seus fillos e fillas coñezan a lingua galega, así como da conveniencia de que a adquiran en idade temperá, e potenciar unha oferta asociativa e de lecer en galego dirixida á mocidade son dous dos obxectivos que persegue esta convocatoria

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo pública unha nova convocatoria de subvencións ás entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nas áreas da transmisión familiar e da mocidade. Os requisitos para acceder a estas axudas recóllense na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 31 de decembro. O dito departamento autonómico destina 850.000 euros ao financiamento destas iniciativas.

O prazo de inscrición para a presentación de solicitudes xa está aberto. O último día do que dispoñen as entidades interesadas en concorrer a esta convocatoria para entregar a documentación requirida é o 31 de xaneiro. Os impresos deberán presentalos nos rexistros oficiais da Xunta de Galicia.

Obxectivos
A familia, a infancia e a mocidade son os ámbitos de actuación que terán prioridade á hora de determinar a concesión destas axudas. Sensibilizar as familias sobre as vantaxes de que os seus fillos e fillas coñezan a lingua galega, así como da conveniencia de que a adquiran de forma temperá, e fomentar a transmisión do galego dentro das familias e, especialmente, nas de recente formación e nas asentadas en núcleos urbanos son dous dos obxectivos establecidos nesta orde de subvencións. Do mesmo xeito, valoraranse de forma especial os proxectos encamiñados a aumentar a presenza da lingua galega no ámbito infantil e nas actividades de lecer, así como as accións que contribúan a incrementar a oferta de recursos informáticos e audiovisuais en galego destinados á infancia.

Garantir que haxa unha oferta ampla, diversificada e atraente de produtos culturais en galego, potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade, ampliar a oferta de recursos en galego destinados ao público xuvenil e proporcionarlles modelos lingüísticos galegófonos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona son outros dos obxectivos da convocatoria de subvencións feita pública por Política Lingüística.

Actividades subvencionables
Terán consideración de subvencionables os proxectos que desenvolvan algunhas das medidas recollidas no Plan xeral de normalización da lingua galega, sempre e cando sexan de intervención no uso do galego nos ámbitos da familia, a infancia e a mocidade. Neste sentido, poderán recibir financiamento, entre outras actividades, as campañas que teñan como obxecto que as familias lles transmitan o galego aos seus fillos, a realización de obradoiros de lingua que presenten o galego como unha actividade lúdica, co obxectivo de desfacer prexuízos entre a mocidade; ou a creación e adaptación ao galego de programas, xogos informáticos, videoxogos, banda deseñada e recursos audiovisuais destinados ao público mozo.

O desenvolvemento de campañas de sensibilización e de información sobre a lingua galega, o fomento do uso do galego nos contextos sociais de máis impacto e utilización por parte dos máis novos e a realización de programas de dinamización lingüística entre os colectivos de poboación de nova inmigración son outras das actividades que figuran como subvencionables nesta resolución.

Criterios de valoración
Unha comisión de valoración será a encargada de informar e valorar as solicitudes. Entre os criterios preferentes para a valoración dos proxectos figuran a innovación no formato ou soporte, a creatividade aplicada ao deseño dos materiais e aos contidos, a execución das actividades nos espazos frecuentados polos colectivos aos que se dirixe esta convocatoria e o alcance xeográfico do proxecto, entre outros. A resolución relativa á adxudicación das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder