Galicia

Feijóo defende "unha Galicia plurilingüe" para que os galegos "teñan a liberdade de elixir"

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, defendeu "unha Galicia plurilingüe" para que os galegos "teñan a liberdade de elixir" en que lingua queren expresarse.

Fonte: Europa Press

A Xunta de Galicia rexeita a tradución de filmes ao galego

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, rexeitou a creación dun servizo galego de tradución que permita ofrecer as producións cinematográficas estranxeiras neste idioma co fin de que as proxecten as salas comerciais da comunidade.

Fonte: Galicia Hoxe

Convocadas dez bolsas de colaboración para realizar proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro no 2009

Os beneficiarios participarán en proxectos sobre fraseoloxía, terminoloxía científica, as Cantigas de Santa María, identidade colectiva, linguas románicas e bibliografía da literatura galega, entre outros

Os bolseiros recibirán unha asignación mensual de 954 euros e deberán presentar un informe sobre a actividade realizada unha vez conclúa o período de colaboración co Ramón Piñeiro

As persoas interesadas en acceder a estas bolsas disporán de 31 días de prazo para presentar as solicitudes

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca dez bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O Diario Oficial de Galicia fixo pública o pasado luns a resolución pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a adxudicación destas bolsas. Os beneficiarios realizarán os seus traballos ao longo do 2009. Entre os requisitos que deberán cumprir, figuran o de estaren en posesión do título de licenciado ou licenciada e o de acreditaren coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

A estadía dos bolseiros durará ata o 31 de decembro do 2009 e poderase prorrogar anualmente ata un máximo total de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o proxecto ao que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

O importe das bolsas inclúe unha asignación mensual de 954 euros, que é incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada e, ademais, as persoas beneficiarias disporán dun seguro de asistencia médica e de accidentes.

Solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 31 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e poderán entregalas na sede do Centro Ramón Piñeiro ou en calquera rexistro público da Comunidade Autónoma de Galicia. As persoas interesadas en acceder a estas bolsas deberán cubrir un formulario e achegar, entre outra documentación, a certificación académica completa e a acreditación de coñecemento de lingua galega do nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

A selección dos candidatos e candidatas será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro e composta por tres vogais propostos por ese coordinador e nomeados pola secretaria xeral de Política Lingüística. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia. Ademais, Política Lingüística difundirá na súa páxina web a relación dos beneficiarios e o importe das bolsas concedidas.

Unha vez finalizada a bolsa, o bolseiro ou a bolseira deberá presentar un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto.

Áreas de investigación
As bolsas convocadas teñen como finalidade colaborar nos proxectos Corpus de referencia do galego actual, Síntese de voz en galego, Tesouro fraseolóxico galego, Cantigas de Santa María, Base de datos do Atlas das Linguas Románicas, Terminoloxía científico-técnica, Bibliografía da literatura galega e Dimensións da identidade colectiva en Galicia.

Fonte: Xunta de Galicia

O Sergas esixe máis nivel de galego para superar as probas da próxima oferta de emprego público

A partir de agora, para superar as ofertas públicas de emprego de Galicia haberá que saber manexar o galego e contestar as preguntas sobre lexislación neste idioma. A polémica iniciativa do Sergas súmase á que xa tomaron no seu día os gobernos de Baleares e do País Vasco.

Fonte: Diario Médico

Os xoguetes en galego aínda son unha minoría nos supermercados

Aínda son unha minoría e atopalos nos estantes dos supermercados non é nada doado. Os xoguetes en lingua galega comezan a asomarse no mercado pero a meirande parte hai que adquirilos en tendas especializadas ou a través da rede. A Asociación Profesional de Pedagogos de Galicia demandou o ano pasado que a industria elaborase bonecos ou xogos electrónicos que falasen galego, unha medida que Política Lingüística trasladou os xogueteiros pero que non tivo o éxito agardado.

Fonte: La Opinión

A Universidade de Vigo e o Concello de Ourense concienciarán os escolares sobre o ensino plurilingüe nas aulas

A Universidade de Vigo e o Concello de Ourense promoverán unha campaña sobre o uso de varias linguas no sistema educativo para concienciar sobre as vantaxes do ensino plurilingüe entre os escolares.

Fonte: Europa Press

Alberto Núñez Feijóo cre "sui generis" compensar as comunidades con lingua propia

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, cualificou de "sui generis" a proposta de compensar as comunidades autónomas con lingua propia e pediu que se teña en conta no reparto de fondos que o 15 por cento da poboación galega é emigrante.

Fonte: Europa Press

Profesores de galego de todo o mundo participan en Santiago nunha xuntanza sobre tecnoloxías aplicadas á docencia

O encontro desenvólvese o luns 29 e o martes 30 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación e nel participarán máis de 30 lectores dos centros de estudos galegos de 18 países

Os relatores que intervirán nestas xornadas son profesionais do ámbito do ensino e especialistas na elaboración de materiais educativos para internet

A construción de blogues educativos e doutras ferramentas en rede para impartir docencia en galego son algúns dos temas que figuran no programa destas sesións

Os máis de 30 lectores que conforman a rede de proxección exterior da lingua galega reuniranse o luns 29 e o martes 30 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela para participar na segunda xuntanza que realizan este ano. Estas xornadas están organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística baixo o título “Aplicación das tecnoloxías web á docencia nos lectorados de galego”. Profesionais do ámbito do ensino e con experiencia na posta en marcha de recursos educativos na rede serán algúns dos relatores que intervirán neste encontro.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, asistirá o luns, ás 9 da mañá, ao comezo da xuntanza. Entre os asuntos que se abordarán nestas xornadas figuran a aplicación de blogues didácticos ao ensino nos lectorados de galego, a construción de blogues educativos e o estado actual desta cuestión ou a elaboración de actividades para a web e vídeos educativos, entre outros temas. Os asistentes tamén participarán nun obradoiro de creación dun blogue colaborativo.

Na segunda sesión desta xuntanza, a do martes, os lectores porán en común cuestións e impresións relativas ao seu traballo nos centros de estudos galegos no exterior. As xornadas clausuraranse o martes ás 14.00 horas, logo dun debate no que os profesores recapitularán os asuntos tratados e farán propostas de formación para o vindeiro encontro.

Unha xuntanza por semestre
Os lectores de galego realizan dúas xuntanzas anuais, a última produciuse o verán pasado. Tamén en xullo deste ano Santiago de Compostela acolleu un encontro dos responsables dos centros de estudos e cátedras de galego de todo o mundo.

A rede de proxección exterior do galego conta con máis de 30 lectores profesores repartidos entre 18 países.

Fonte: Xunta de Galicia

O museo MACUF proxecta un ciclo de doce filmes infantís en lingua galega

O ciclo 12 pelis para os peques ofrecerá unha selección de filmes infantís en galego durante o primeiro trimestre de 2009. O Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa (MACUF) proxectará todos os sábados de xaneiro, febreiro e marzo películas tradicionais como Astérix ou Tintín de forma gratuíta.

Fonte: La Opinión

Dolores Villarino demanda na ofrenda ao Apóstolo consenso lingüístico

A presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino, exerceu como delegada rexia na Ofrenda de Translación do Apóstolo que cada ano se celebra na Catedral coa ausencia de cargos nacionalistas. Desde o púlpito, Villarino (reclamou "afondar no que une, como a lingua e a cultura que nunca foron motivo de confrontación".

Fonte: El País

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder