Mundo
A rexión italiana de Friuli ofrécese como sede da futura Axencia Europea das Linguas Minoritarias
Durante a visita do ministro de Exteriores italiano a Friuli expúxoselle a posibilidade da candidatura de Udine (cidade capital da rexión) como sede da Axencia Europea das Linguas Minoritarias.
Fonte: Minoranze Linguistiche
Marisol López destaca en Bruxelas os avances realizados estes anos en Galicia no proceso de normalización lingüística
A secretaria xeral de Política Lingüística participou o pasado martes 23 de setembro nun seminario sobre as perspectivas de futuro das linguas minoritarias da Unión Europea
Os avances no ensino, as maiores competencias lingüísticas en galego, e os pasos dados no sector das novas tecnoloxías son algunhas das medidas nas que fixo fincapé a responsable da política lingüística da Xunta de Galicia
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, participou o martes día 23 no seminario organizado pola Fundación Galicia Europa “Cales son as perspectivas de futuro para as linguas rexionais na Unión Europea?”, que se desenvolveu na sede desta institución, en Bruxelas, no marco da celebración, o vindeiro 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas.
Marisol López fixo un repaso pola historia do galego e da súa consideración como lingua oficial en Galicia, e referiuse aos datos sociolingüísticos dos últimos anos, que reflicten un aumento das competencias en galego, pero un descenso na transmisión xeracional da lingua. Neste sentido, a secretaria xeral incidiu na necesidade de recuperar esa transmisión do galego de pais e nais aos fillos, e apelou ao compromiso de toda a sociedade para defender e apoiar a lingua. “É necesario deseñar a política lingüística intentando contar sempre co consenso político e social”, declarou, e referiuse ao Plan xeral de normalización da lingua galega, que acadou ese consenso hai xa catro anos e cuxas medidas están a ser desenvolvidas desde o seu departamento.
A secretaria xeral explicou que nos últimos tres anos se produciron avances no proceso de normalización do galego en varios aspectos. En primeiro lugar, aludiu ao feito de que o departamento que dirixe pasou de ser unha dirección xeral, dependente da Consellería de Educación, a exercer, desde unha secretaría xeral dependente da Presidencia, unha influencia transversal en todas as áreas de goberno. Por outra parte, destacou o desenvolvemento do decreto do galego no ensino, que vén garantir a igualdade, na escola, das dúas linguas oficiais, e referiuse tamén a progresos en ámbitos como o das novas tecnoloxías.
O principal reto de futuro, segundo expresou Marisol López, é conseguir a igualdade social real entre o galego e o castelán en Galicia. Para iso, a secretaria xeral avogou por continuar incrementando o prestixio social da lingua a través de actuacións en todos os ámbitos sociais, e en especial naqueles nos que aínda se detectan barreiras, como o sector empresarial ou o xurídico. Ademais, apelou tamén á necesidade de conseguir unha maior presenza da lingua nas institucións do Estado e nas da Unión Europea.
No seminario no que participou a secretaria xeral de Política Lingüística tamén interviron a directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, o xefe de unidade de Interpretación Española da Comisión Europea, Manuel Valdivia, a delegada permanente da Delegación da Bretaña en Europa, Martine Allais, o representante da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística, Davyth Hicks, e a membro da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea Patrizia Baralli.
A presenza de Marisol López en Bruxelas coincide coa inauguración, o luns día 22 nas dependencias da Comisión Europea, da exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá na capital europea ata o vindeiro 3 de outubro e que conta co patrocinio institucional do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, e coa colaboración da Fundación Galicia Europa.
Fonte: Xunta de Galicia
Os ordenadores amplían a súa intelixencia e agora entenden o significado das palabras
A difusión dun "mapa semántico" que ensina aos ordenadores o significado das palabras permítelles manexar un vocabulario dez veces máis amplo que o dun estudante medio.
Fonte: Vieiros
A Comision Europea avala a inmersión lingüística en galego
O Informe final do Grupo de Alto Nivel sobre Multilingüismo da Comisión Europea, redactado en 2007, avala e considera moi positivo o sistema de inmersión lingüística en Cataluña, País Vasco, Valencia e Galicia, ademais de recomendar empregar esta experiencia no resto do continente. Até o momento, ninguén puxo en dúbida o contido desta resolución.
Fonte: A Nosa Terra
Un programa portugués sobre a lingua realiza unha versión en libro
O programa portugués "Cuidado com a Língua!", emitido pola canle RTP, realizou unha versión en libro co mesmo nome, presentado polos autores Maria Regina de Matos e José Mário Costa.
Fonte: Lusa
Unha gran parte das linguas indíxenas americanas presenta un empobrecemento das súas estruturas gramaticais
Na actualidade, moitas linguas indíxenas perderon a súa condición de maternas e están reducindo moi rapidamente o seu número de falantes; experimentan unha importante redución do seu vocabulario, un empobrecemento das súas estruturas gramaticais e unha perda dos dominios e condicións pragmáticas de uso.
Fonte: El Universal
A lingua constitúe un reto para os nenos refuxiados que volven a Burundi
Arredor de 400 nenos burundianos ata o de agora refuxiados en Tanzania están seguindo un curso intensivo de francés e de kirundi para poderse integrar no sistema educativo de Burundi, segundo informa Unicef neste inicio de curso.
Fonte: Món divers
Un censo recente revela que 35 millóns de persoas falan español en Estados Unidos
A cifra representa máis do 12 % da poboación, concentrada maioritariamente en Arizona, California, Novo México e Texas. Nestes estados un de cada cinco habitantes é falante de español.
Fonte: BBC
A Comunidade de Países de Língua Portuguesa deseña unha estratexia para converter o portugués en lingua oficial da ONU
Os Estados membro da CPLP definiron unha estratexia "de certa dimensión" para converter o portugués nunha lingua de traballo nas Nacións Unidas. Cavaco Silva afirmou que a xuntanza do pasado mércores entre os xefes de Estado da CPLP foi "histórico".
Fonte: TSF
A desaparición de linguas en México afectará á súa cultura
A perda das linguas indíxenas afectaría non só ao traballo dos lingüistas antropólogos e etnólogos, senón tamén á identidade e á cultura de México, asegurou o antropólogo e investigador Fidencio Briceño.
Fonte: El Universal
Boletín
Subscríbase al boletín