Mundo

O Goberno de Xibraltar di que na Rocha non se require ningún nivel de español

Peter Caruana rexeita as palabras de Carmen Caffarel nas que sinalaba a necesidade de formar a profesores ante as carencias do idioma na Rocha. Non obstante, o Goberno de Xibraltar expresou a súa satisfacción polo recente anuncio da directora do Instituto Cervantes de que a sede deste centro na Rocha comezará axiña a súa actividade.

Fonte: Europa Sur

Entidades da Catalunya Nord realizan unha convocatoria para reivindicar a oficialidade do catalán

Diversas entidades da Catalunya Nord, entre as que se atopa a Federació per a la Defensa de la Llengua i la Cultura Catalanes, a Coordinadora d'Associacions per la Llengua e o Casal Jaume I, convocaron unha manifestación para reclamar a oficialidade do idioma catalán na Catalunya Nord o próximo 8 de novembro.

Fonte: Món divers

Entidades norteirlandesas denuncian o estancamento da lei do gaélico

As entidades a favor da lingua irlandesa volveron saír á rúa para reclamar que o idioma propio da illa sexa declarado oficial en Irlanda do Norte. A aprobación dunha lei da lingua irlandesa foi un dos acordos que os partidos norteirlandeses aprobaron hai xa dous anos no Acordo de Saint Andrews, que serviu para recuperar a autonomía de Irlanda do Norte.

Fonte: Móndivers

Crean o primeiro telexornal en Chile en lingua mapudungún

A iniciativa enmárcase no recoñecemento, respecto e protección das culturas indíxenas mandatado pola Lei indíxena, e a revitalización da lingua e da cultura dos pobos orixinarios chilenos, anunciada pola presidenta Michelle Bachelet no plan “Re-Conocer: Pacto por la Multiculturalidad”.

Fonte: Conadi

O presidente Lula e o escritor Carlos Fuentes reciben o premio Don Quijote pola súa promoción do español

O Rei Juan Carlos entregou o primeiro Premio Internacional Don Quijote de La Mancha ao presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, e ao escritor mexicano Carlos Fuentes pola súa contribución a enriquecer e promover o español en todo o mundo.

Fonte: El Mundo

O presidente do Brasil afirma que o acordo ortográfico permite a consolidación da lingua portuguesa

O acordo ortográfico permitirá cimentar o papel da lingua portuguesa no mundo, un proceso que necesita en paralelo dun esforzo de promoción da lingua nos países onde se fala español, segundo defendeu o presidente brasileiro.

Fonte: Diário Digital

Un investigador australiano quere catalogar os crioulos de Asia de base portuguesa

O investigador Alan Baxter, da Universidade de Macau, lidera un equipo que busca catalogar todos os crioulos de Asia de base portuguesa. Estes crioulos están localizados na India en Damão, Diu e Korlai, en Malásia en Malaca, e en China en Macau.

Fonte: RTP

O BNG propón o galego e o portugués como linguas oficiais da eurocidade Chaves/Verín

O grupo municipal do BNG de Verín considera que os idiomas oficiais da eurocidade deben ser "o galego e o portugués", segundo afirma o voceiro Eloy Domínguez, quen lle reprochou á tenente de alcalde, María del Carmen Pardo, que o Concello de Verín impartira no mes de xullo clases de castelán para nenos portugueses e non en galego, ademais de editar folletos promocionais en lingua española.

Fonte: La Región

A Biblia aínda non se traduciu a 4500 linguas

A Biblia foi traducida ata o momento a 2454 idiomas e, aínda que é o libro máis difundido do mundo, aínda falta por ser traducido a outros 4500, segundo informou o bispo italiano Vincenzo Paglia, presidente da Federación Bíblica Católica.

Fonte: Soitu

O galego estudarase en California grazas a un acordo entre Política Lingüística e a Universidade de Santa Bárbara

Con este acordo amplíase a rede de proxección exterior do galego, que na actualidade dispón de preto de 50 centros de estudos en todo o mundo.
O convenio ten unha vixencia temporal de catro anos e prevé tanto actividades docentes no ámbito académico como na área de influencia da universidade.
Tamén se renova o convenio coa Universidade de Deusto, en Bilbao, para continuar co programa de docencia de galego nese centro.

A lingua e a cultura galegas estudaranse no Estado de California grazas a un convenio entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de California, en Santa Bárbara. O Consello da Xunta aprobou esta colaboración, que prevé a proxección exterior do galego, no só no ámbito académico da universidade, senón tamén na súa área de influencia.

En virtude dese convenio de colaboración, cunha vixencia temporal de catro anos, a actividade docente constará de cursos de lingua ou lingüística nos que se insira o galego como lingua románica e, en función da demanda existente, poderanse realizar cursos de lingua galega en diferentes niveis. Ademais, prevese a organización dun curso de introdución aos estudos galegos e cursos monográficos especializados sobre temas ou autores galegos.
Outra das estipulacións deste convenio consiste na organización de actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas, tales como: conferencias, seminarios, congresos, mesas redondas, exposicións etc.

Enlace coa Secretaría xeral
A través deste acordo, crearase o Centro de Estudos Galegos da Universidade, que será o órgano de referencia en todas as actividades que se desenvolvan en aplicación dos acordos deste convenio. Como responsable deste figurará o director do Departamento de Español e Portugués, ou persoa na que delegue, quen, dada a súa vinculación coa universidade, actuará como persoa de enlace entre esta e a SXPL. Será tamén a súa función catalogar e inventariar o material adquirido para o centro con cargo á subvención da Xunta de Galicia e organizará viaxes de estudos dos alumnos.

Ao remate de cada ano, este responsable remitiralle, en soporte informático e escrito, á SXPL unha memoria redactada en galego sobre as actividades levadas a cabo en cumprimento das accións previstas no acordo segundo este convenio.

A Universidade de California encargarase de contratar e de retribuír o profesor lector ou a profesora lectora, logo de ser seleccionado por unha comisión avaliadora integrada por representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística e polo director do Centro de Estudos Galegos. O lector ou lectora deberá estar en posesión de titulación universitaria superior e acreditar coñecementos de inglés suficientes como para impartir docencia, pronunciar conferencias ou realizar xestións. O lector acreditará coñecementos de galego e terá como campo de interese os temas galegos.

A universidade facilitará o aloxamento do profesor ou profesora nunha residencia universitaria e contribuirá economicamente a este fin. Tamén será competencia da institución académica estadounidense a adquisición do material, tanto bibliográfico como audiovisual e infraestrutural, necesario para realizar as actividades previstas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborará na realización das accións previstas no acordo cunha contribución económica de 69.976,32 euros, que se dividirán proporcionalmente nas catro anualidades de vixencia do acordo.

Renóvase o acordo con Deusto
O Consello da Xunta tamén aprobou o novo acordo entre Política Lingüística e a Universidade de Deusto, en Bilbao, para darlle continuidade ao programa de estudos de lingua galega en dous niveis e de literatura e cultura galegas igualmente en dous niveis. Cada unha das materias, incluídas no plan de estudos da universidade como materias de libre elección, conta con 4,5 créditos. Ademais, o acordo tamén prevé a organización doutras actividades, como charlas, conferencias, encontros, etc.

O lector de galego desta universidade estará contratado como profesor-axudante, co que se continúan a mellorar as condicións laborais dos lectores, obxectivo que se fixou o departamento dirixido por Marisol López.
Nesta ocasión, o convenio terá unha vixencia de tres anos e, para sufragar os gastos derivados del, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fará unha achega de 42.975,04 euros.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder