Mundo

Pugnan por poñer “no mesmo rango” todas as linguas de América

Unha mostra das linguas de América resoará no Centro Cultural Universitario de México, na voz e os poemas dunha ducia de escritores de dez países no terceiro Festival de Poesía "Las Lenguas de América", que se realizará o vindeiro xoves 9 de outubro. O obxectivo é poñer “no mesmo rango” todas as linguas do continente americano, desde o inglés, o francés, o portugués e o español, ata o mapuche, o wayúu, o náhuatl ou o maia.

Fonte: La Jornada

O galego continúa sen poder empregarse no Parlamento Europeo

No Consello de Ministros da Unión Europea, na Comisión Europea, no Comité das Rexións ou nas denuncias dirixidas ao Valdedor do Pobo. En todas estas institucións pode empregarse a nosa lingua previa comunicación. Non obstante, escoitar o galego no Parlamento da UE é aínda unha arela.

Fonte: Vieiros

Bruxelas dispón de seis intérpretes para facilitar o uso do galego na Unión Europea

A Comisión asegura que prestan un servizo de calidade similar ao que posúen os idiomas oficiais dos Vinte e sete.
A Unión celebra o Día das Linguas cunha defensa do multilingüismo como ferramenta da integración europea.

Fonte: La Voz de Galicia

Os prelados mexicanos apoian a tradución da Biblia ás linguas indíxenas

Bispos e sacerdotes especialistas en temas da Biblia e culturas indíxenas apoiaron a diocese que preside monseñor Felipe Arizmendi, no seu traballo de tradución de textos bíblicos e rituais sacramentais.

Fonte: La Biblia Web

Recoñecen cinco linguas oficiais no departamento de Junín (Perú)

O pleno do consello rexional de Junín, en Perú, declarou por voto unánime o castelán, o quechua, o asháninka, o kakinte e o yanesha como linguas oficiais deste departamento, ao aprobar un proxecto de ordenanza durante a última sesión ordinaria descentralizada realizada no distrito de Río Negro, provincia de Satipo.

Fonte: Andina

Política Lingüística desenvolve en Bruxelas unha campaña informativa sobre o galego no Día Europeo das Linguas

* O obxectivo da Xunta de Galicia é dar a coñecer a situación e o status do galego no ámbito das institucións da Unión Europea

* Desde o ano 2005 calquera cidadán ou cidadá pode comunicarse cos principais organismos comunitarios en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a desenvolver, durante toda a xornada do Día Europeo das Linguas, unha campaña informativa na capital europea para dar a coñecer a vitalidade actual e o status da lingua galega.
A campaña consiste na distribución de material informativo producido en inglés e galego no que se dá conta da presenza do galego na UE e dos principais datos sobre a realidade lingüística en Galicia. Esta iniciativa novidosa ten lugar no marco da exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, que estes días se pode visitar nas dependencias da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea.

O galego na UE
Todas as persoas que o desexen poden, desde finais de 2005, dirixirse ás principais institucións europeas en galego. Na actualidade, é posible o uso do galego nas comunicacións coa Comisión Europea, co Consello da Unión Europea, co Comité Económico e Social e co Valedor do Pobo Europeo. Así mesmo, os representantes políticos de Galicia poden intervir oralmente en galego nas sesións e plenos do Consello da UE e do Comité das Rexións.

26 de setembro, Día Europeo das Linguas
O 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, unha idea que provén do Consello de Europa para celebrar a diversidade lingüística europea e o plurilingüismo. A UE, como institución supranacional, é a organización máis políglota do mundo.

Fonte: Xunta de Galicia

O segundo programa "Cuidado com a língua" está dedicado ao galego

O programa "Cuidado com a língua" do luns día 29 de setembro, ás 21.20 horas, ten como tema central a lingua galega. Miguel Arce, director de Estudos Galegos en Lisboa, explicará, como especialista, particularidades desta lingua.

Fonte: Jornal de Notícias

Lula da Silva promulga o Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa

O convenio unifica e simplifica a forma de escribir nos oito países que comparten lingua oficial. Os portugueses protestaron porque muda un 2% o seu léxico.

Fonte: Vieiros

A ONU estuda unha declaración de dereitos lingüísticos

Cada dúas semanas morre unha lingua nalgún lugar do mundo, pero o Centre Internacional Escarré per a les minories ètniques i nacionals (CIEMEN) intenta que esta diminución non vaia a peor e que Nacións Unidas traballe proactivamente polas linguas minorizadas. O mércores pasado, Aureli Argemí, presidente da entidade, interveu no pleno do Consello dos Dereitos Humanos da ONU e trasladoulles aos estados a necesidade de crear unha declaración universal de dereitos lingüísticos.

Fonte: Público

A lingua sarda estará presente tres días á semana en RadioUno de Sardeña

A lingua sarda chega á radio de Sardeña conquistando unha tira diaria con tres días á semana dedicados á lingua.

Fonte: Minoranze Linguistiche

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder