Mundo
O goberno escocés pide asesoramento a Cataluña para crear unha canle de televisión en gaélico
O goberno escocés interesouse polo funcionamento da televisión pública catalá coa intención de levar adiante un proxecto similar en Escocia, para ofrecer unha canle de televisión en gaélico, que desde o ano 2005 é unha lingua oficial xunto co inglés.
Fonte: Avui
México acolle esta semana o inicio das actividades da Cátedra de galego coa celebración da Semana Cultural de Galicia
A secretaria xeral de Política Lingüística dará unha conferencia no marco destas xornadas, que se celebrarán na Universidade Nacional Autónoma de México entre o 20 e o 23 de outubro
As actividades iniciaranse co acto de nominación da Cátedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall e continuarán con charlas e encontros entre investigadores
A lingua, a literatura, a cultura e a historia dos galegos en México terán cabida nestas xornadas, que se desenvolverán no Instituto de Investigacións Filolóxicas da UNAM
O luns, día 20 de outubro, darán comezo as actividades da Cátedra de Lingua, Literatura e Cultura Galegas posta en marcha na Universidade Nacional Autonóma de México (UNAM), grazas a un convenio de colaboración asinado o pasado mes de xaneiro entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o reitor da UNAM, José Narro. No marco da Semana de Galicia en México, celebraranse, nas dependencias da UNAM, as xornadas da Semana Cultural de Galicia en México, que terán como escenario o Instituto de Investigacións Filolóxicas desta universidade.
A semana iniciarase o propio luns co acto de nominación da cátedra, que pasará a chamarse Cátedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall, en homenaxe a este político galego republicano exiliado en México tras a Guerra Civil española, que desempeñou importantes cargos diplomáticos na ONU e que foi profesor da UNAM. Ao acto asistirá a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que promoveu a creación da cátedra xunto coa directora do Instituto de Investigacións Filolóxicas, Mercedes de la Garza. Ademais, tamén estarán presentes os fillos de Osorio-Tafall.
A este acto seguiralle unha conferencia de José Ángel Fernández-Arruty, fillo de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, quen fará un percorrido pola biografía do seu pai. A continuación, o catedrático de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Santiago, Miguel Pérez Pereira, falará sobre a adquisición da lingua galega na primeira infancia.
Lingua, literatura, historia e edición contemporánea
En días posteriores haberá distintas conferencias arredor da lingua, a literatura e a cultura de Galicia. Así, Eduardo Moscoso, profesor de Filoloxía Galega na universidade compostelá, fará un percorrido pola historia do galego; e a secretaria xeral de Política Lingüística disertará sobre a política lingüística en Galicia e o proceso de normalización do galego na nosa sociedade. Pola súa parte, a profesora e investigadora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Elvira Fidalgo, falará sobre a poesía medieval galego-portuguesa.
Outra dos temas que se abordará será a historia dos republicanos galegos exiliados en México. O doutor en Historia da Universidade de Santiago Elixio Villaverde será o relator desta xornada. E para rematar a Semana Cultural de Galicia en México, o director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, falará sobre a situación da edición contemporánea en Galicia. O secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio César Fernández Mato, clausurará a semana de actividades.
62 linguas diferentes
A posta en marcha desta cátedra na UNAM é de especial interese para facilitar o intercambio e o encontro entre investigadores do ámbito da lingüística. En México viven aproximadamente 10 millóns de cidadáns que falan arredor de 62 linguas indíxenas diferentes. Na actualidade, o 10 por cento da poboación total do país é falante dalgunha das linguas vernáculas, polo que México se revela como unha área cultural singular no continente americano e no mundo. Na UNAM, o estudo das linguas é prioritario no campo do coñecemento e da investigación.
Semana de Galicia en México
A Semana Cultural encádrase nas actividades programadas dentro da Semana de Galicia en México, que durante os vindeiros días levará á capital mexicana unha delegación institucional da Xunta de Galicia á que acompañarán entidades empresariais e representantes dun cento de empresas galegas. No marco deste evento, celebraranse encontros entre empresarios galegos e mexicanos e realizaranse actividades de carácter comercial.
Fonte: Xunta de Galicia
Unha marcha demanda a oficialidade da lingua irlandesa
Nenos e mozos con carteis co lema Is Gael Og Me (Son un novo gaélico) procedentes dos principais centros de lingua irlandesa de Belfast e reunidos con nenos falantes de irlandés que viaxaron desde Strabane, Newry, Armagh, Ballycastle, Cas-tlewellan, Maghera and Derry acompañados por adultos pediron o status de oficialidade para esta lingua.
Fonte: The Irish News
Aumenta o número de arxentinos que estuda portugués
Cada vez máis arxentinos queren aprender portugués, o que excede a capacidade do Instituto Camões no país, onde a embaixada tenta, tamén, sensibilizar os lusodescendentes cos encantos do país de orixe.
Fonte: Jornal de Notícias
Marisol López abre as actividades da Cátedra Osorio-Tafall de Galego na Universidade Nacional Autónoma de México
A secretaria xeral de Política Lingüística presidiu, coa directora do Instituto de Investigacións Filolóxicas da UNAM, o acto de nominación da cátedra.
Con este acto iniciouse a Semana Cultural de Galicia en México, na que, durante catro días, haberá conferencias e encontros sobre lingua, literatura e cultura galegas.
Está prevista a realización de obradoiros entre os relatores galegos das xornadas e os alumnos da UNAM que asistan ás conferencias.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presidiu xunto coa subdirectora do Instituto de Investigacións Filolóxicas da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), Laura Sotelo, o acto de Nominación da Cátedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall de lingua, literatura e cultura galegas no seo desta institución académica.
Con este acto, no que tamén participou o catedrático de Dereito Eclesiástico do Estado e fillo de Osorio-Tafall José Ángel Fernández Arruty, deu comezo a Semana Cultural de Galicia en México, unha actividade que á súa vez serve para iniciar oficialmente as actividades desta cátedra, creada en decembro de 2007 grazas a un convenio de colaboración asinado entre o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o reitor da UNAM, José Narro.
Fernández Arruty expuxo un perfil biográfico de Fernández Osorio-Tafall, primeiro alcalde de Pontevedra na Segunda República, que participou na elaboración do Proxecto Estatuto de Autonomía do 36 e que en 1938 foi nomeado comisario xeral dos Exércitos. Tras a Guerra Civil, Osorio-Tafall exiliouse a México. Catedrático de Ciencias Naturais, foi profesor na UNAM e traballou ao servizo da Organización das Nacións Unidas (ONU).
A secretaria xeral de Política Lingüística amosou a súa satisfacción pola ampliación da Rede de Proxección Exterior do galego dependente do seu departamento, e en especial pola posta en marcha deste centro, integrado nunha das universidades máis prestixiosas do mundo, na que a lingüística ocupa un lugar preferente nos ámbitos da investigación e do coñecemento. “Esta cátedra pretende ser un lugar de encontro e de intercambio entre investigadores e estudosos galegos e mexicanos, pretende ser tamén un recoñecemento, na figura de Osorio-Tafall, a todos aqueles que un día tiveron que saír do seu país, nunhas circunstancias moi difíciles, pero tamén quere ser unha mostra de gratitude a un país que os acolleu cos brazos abertos”, dixo Marisol López, que mostrou a súa seguridade en que os traballos da cátedra serán moi frutíferos.
Conferencia de Pérez Pereira
O catedrático de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Pérez Pereira pronunciou, na segunda parte da mañá, unha conferencia sobre a adquisición da lingua galega na primeira infancia. Nela, describiu o proceso de cambio na cantidade e composición do vocabulario dos nenos falantes do galego, e salientou a relación que existe entre o desenvolvemento léxico e o gramatical. Tamén expuxo o proceso de adquisición inicial da morfoloxía nominal e verbal e a súa orde de adquisición.
Finalmente, o profesor da USC analizou o primeiro desenvolvemento sintáctico, relacionándoo coas diferenzas individuais na adquisición da linguaxe, e co estilo analítico e o xestáltico en particular, así como coa chamada teoría da adquisición baseada no uso.
Esta primeira xornada da Semana Cultural de Galicia en México espertou moito interese na UNAM. Ademais dunha nutrida representación do corpo de investigadores do Instituto de Investigacións Filolóxicas, asistiron ás conferencias, entre outros, o conselleiro de Educación da Embaixada de España en México, Miguel Moreta, a cineasta Laura Gardós Velo, autoridades académicas da UNAM e descendentes de exiliados galegos en México.
Historia do galego e normalización lingüística
As xornadas da Semana Cultural de Galicia en México continúan cun relatorio do profesor Eduardo Moscoso, da USC, que falará sobre “A lingua galega: dos romanos ao século XXI”. Posteriormente, a secretaria xeral de Política Lingüística falará sobre o proceso de normalización e as perspectivas de futuro do galego.
Ademais das conferencias, polas tardes desenvolveranse obradoiros entre os conferenciantes e os alumnos e investigadores da UNAM.
Fonte: Xunta de Galicia
Preséntase a Enciclopedia del Español en Estados Unidos
A directora do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel, presentou en Nova York a "Enciclopedia del Español en Estados Unidos", país con máis de 44 millóns de hispanos e o segundo en número de falantes desta lingua do mundo por detrás de México.
Fonte: La Opinión
A Academia Paraguaya de la Lengua reclama unha maior asignación orzamentaria
A principios de mes, a Real Academia Española celebrou os seus 294 anos de ininterrompido labor ao servizo do idioma. En Paraguai a entidade está representada pola Academia Paraguaya de la Lengua Española. Con todo, o seu labor está limitado debido ao baixo presuposto que recibe anualmente, malia contar co apoio de convenios internacionais referidos ao tema.
Fonte: Última Hora
Un partido maxiar reclama o húngaro como lingua oficial de Transilvania
Os xornais de Romanía recollen as palabras do presidente da Unión Democrática Húngara de Romanía (Romániai Magyar Demokrata Szövetség, RMDSz), Béla Márko, que reclamou que o húngaro sexa declarado lingua oficial nalgunhas rexións de Transilvania. Segundo Bela, esta idea será un dos eixes con que traballará o partido despois das eleccións romanesas, que se celebran o 30 de novembro.
Fonte: Móndivers
A historia do galego e o proceso de normalización lingüística, na segunda xornada da Semana Cultural de Galicia en México
Marisol López explicou a situación actual do galego e os retos de futuro da política lingüística, que pasarán por avanzar na igualdade real entre a lingua galega e a castelá
A secretaria xeral afirmou que “canto máis igualitaria sexa a situación entre as dúas linguas, máis sólida será a súa convivencia”
O profesor da USC Eduardo Moscoso ofreceu unha conferencia sobre a historia da lingua galega desde o latín ata a actualidade
A secretaria xeral visitou o Centro Galego de México, onde mantivo un encontro co seu presidente e con membros da directiva desta colectividade
A segunda xornada da Semana Cultural de Galicia en México contou coa participación da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, quen abordou, nunha conferencia, a política lingüística en Galicia, o proceso de normalización do galego e as perspectivas de futuro.
A secretaria xeral fixo un repaso polo marco legal do galego e pola situación sociolingüística da lingua na actualidade. Destacou o incremento das competencias lingüísticas dos galegos na lectura e na escrita, pero tamén o risco de fractura xeracional na transmisión do idioma cara aos máis novos. Respecto dos retos actuais, sinalou a necesidade de avanzar cara a igualdade real entre o galego e o castelán, pois “canto máis igualitaria sexa a situación das dúas linguas, máis sólida será a súa convivencia e tamén a dos cidadáns”.
Marisol López apuntou como eixes prioritarios da política lingüística en Galicia favorecer o prestixio social do galego, promover a transmisión lingüística primaria, apoiar a presenza do galego nas novas tecnoloxías, mellorar aínda máis as competencias e lograr unha maior presenza do galego nas institucións do Estado e nas da Unión Europea.
Posteriormente, o profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, Eduardo Moscoso, abordou a historia do galego desde o Imperio Romano ata o século XXI. Logo de ofrecer uns datos breves sobre Galicia e o galego, nesta charla expuxo as principais diferenzas entre as evolucións que sufriron o galego e o castelán, que foron as que conformaron as características actuais destas dúas linguas nos planos fonético, morfolóxico, sintáctico e léxico. Tamén fixo referencia á situación sociolingüística da lingua galega ao longo do tempo, e moi especialmente no momento actual.
Visita ao Centro Galego de México
Na tarde-noite do luns (madrugada en Galicia), a secretaria xeral de Política Lingüística visitou as instalacións do Centro Galego de México, onde mantivo un encontro co presidente desta entidade, Luís Piñeiro, e con membros da directiva do centro.
No transcurso da xuntanza, Marisol López e Luís Piñeiro intercambiaron impresións sobre a colectividade emigrante galega no país americano e sobre as actividades culturais que promove o centro, entre as que figuran distintos cursos de extensión cultural.
O mércores, a xornada iniciarase cunha conferencia da profesora da USC Elvira Fidalgo, que falará da poesía medieval galego-portuguesa, e continuará cunha charla do historiador Elixio Villaverde, que abordará a historia do exilio galego en México.
Fonte: Xunta de Galicia
O CIEMEN e a EBLUL presentan un borrador para solicitarlle á ONU unha Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos
O mes pasado Aureli Argemí, presidente do CIEMEN, unha organización membro da EBLUL, asistiu a unha sesión plenaria do Consello de Dereitos Humanos en Xenebra para pedirlles aos embaixadores que aprobasen a declaración "do dereito humano de cada persoa a falar na súa lingua". EBLUL, CIEMEN, Linguamón e a asociación International Pen presentaron un borrador de resolución hai catro meses.
Fonte: Eurolang
Boletín
Subscríbase al boletín