Mundo

Unha asociación pide que o ensino da lingua maia nas escolas do estado mexicano de Quintana Roo sexa obrigatorio

Artemio Caamal Hernández, presidente da asociación Kuxa 'Ano'on, A.C., pediulles á Secretaría de Educación Pública (SEP) e á Secretaría de Educación de Quintana Roo (SEQ) facer oficial o ensino do maia nas escolas públicas así como o fan agora co inglés, pola perda da identidade cultural ante o avance dos efectos da globalización.

Fonte: INALI

Preséntase Kentika, un software en bretón para xestionar os fondos documentais

O pasado 23 de outubro presentouse en Rennes ante a prensa a versión en bretón do software de xestión documental Kentika. Este software permite a utilización simultánea da aplicación en bretón, a carón doutras seis linguas europeas.

Fonte: Office de la langue bretonne

600.000 persoas ven a BBC en gaélico escocés durante a primeira semana de emisión

Xa están dispoñibles os datos sobre a audiencia de BBC Alba, a nova canle da televisión pública británica que emite só en lingua gaélica, unha das linguas propias de Escocia. Segundo The Herald, unhas 610.000 persoas, aproximadamente o 15 % dos escoceses, sintonizaron a canle durante a súa primeira semana de vida.

Fonte: Nationalia

O español afiánzase como a terceira lingua máis falada do mundo, tras o chinés e o inglés

O español xa é a terceira lingua máis falada do mundo, tras o chinés e o inglés, segundo un estudo da Fundación Telefónica feito para cuantificar o impacto deste idioma nas economías dos países de fala hispana e a repercusión mundial da lingua.

Fonte: Asturnews

O Centro Nacional de Linguas británico crea un novo portal interactivo sobre linguas e TIC

O Centro Nacional de Linguas británico, o CILT, acaba de relanzar o seu portal sobre aprendizaxe e ensino de linguas a través das tecnoloxías da información e a comunicación. Grazas a esta iniciativa, o profesorado contará a partir de agora cun importante conxunto de ferramentas interactivas organizadas en distintos niveis de dificultade e segundo o seu formato (en liña, en DVD ou interactivo, entre outros). O obxectivo principal do portal é facilitar o ensino de linguas e poñer ao alcance de todo o mundo novos recursos.

Fonte: Linguamón

O Goberno de Portugal reforza o ensino do portugués no estranxeiro

O Goberno de Portugal aprobou, en Consello de Ministros, tres decretos que reforzan e clarifican o ensino portugués no estranxeiro. Así, aprobouse a creación da Escola Portuguesa de Dili (Timor Leste), a reformulación do réxime xurídico da Escola Portuguesa de Mozambique e a uniformización dos programas de portugués de ensino privado no estranxeiro.

Fonte: Público

Expertos sinalan que o español debe aumentar a súa presenza en internet para gañar a batalla da globalización

O idioma español debe incrementar substancialmente a súa presenza en internet, mediante máis e máis "variados" contidos, para gañar a "batalla" da globalización, segundo coincidiron en sinalar os expertos que participaron no primeiro debate do III Congreso Internacional de Novo Xornalismo, en Cáceres.

Fonte: Europa Press

Francia examinará de francés os inmigrantes que pidan un visado para a reagrupación familiar

O Goberno francés examinará de lingua e cultura francesa os inmigrantes que soliciten un visado para viaxar a Francia en virtude da reagrupación familiar, segundo un novo decreto que aparecerá no Diario Oficial.

Fonte: Europa Press

A presenza do galego en feiras internacionais amplíase este ano a The Language Show, que se celebra en Londres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta as últimas novidades para a aprendizaxe do galego nun expositor que comparte co Goberno Vasco

Catro centros de estudos galegos ofrecen a posibilidade de aprender lingua e cultura galegas nas universidades daquel país

A feira está dirixida a estudantes, docentes, lingüistas e a todas as persoas interesadas en traballar no ámbito da aprendizaxe de idiomas

A lingua galega estará presente desde o 31 de outubro ata o 2 de novembro na feira británica dos idiomas, The Language Show, un lugar de encontro para todas as persoas que estudan, ensinan, traballan ou están interesadas no sector da aprendizaxe de linguas. A Secretaría Xeral de Política Lingüística sumouse este ano por primeira vez a este evento, ampliando deste xeito a súa participación nas feiras internacionais de idiomas, que ata agora se cinguía ás que se celebran anualmente en París, Berlín e Lisboa.

The Language Show conta con aproximadamente 160 expositores doutras tantas institucións e entidades relacionadas coa aprendizaxe de linguas, e está previsto que durante os tres días da feira se desenvolvan no recinto londiniense de Olympia uns 80 seminarios con cursos intensivos, charlas arredor dos métodos de aprendizaxe etc. Ademais, a feira préstalle unha atención especial ao mercado de traballo deste sector, cun espazo específico para facilitar o contacto e as entrevistas laborais entre demandantes e xeradores de emprego. A organización prevé que, durante estes tres días, pasen polo recinto máis de 10.000 persoas.

Nesta ocasión, a Xunta de Galicia comparte espazo co Goberno Vasco, dentro do marco de colaboración estable que manteñen os dous departamentos de política lingüística para intercambiar información e xuntar esforzos na proxección exterior do galego e do éuscaro.

A profesora lectora de lingua e cultura galegas na Universidade de Oxford, María Liñeira, traballa xunto con outros técnicos no expositor da Secretaría Xeral de Política Lingüística para facilitar todo tipo de información sobre a lingua galega e sobre as posibilidades para a súa aprendizaxe, tanto no Reino Unido como en calquera parte do mundo. Un total de catro centros de estudos galegos –Oxford, Birmingham, Bangor e Stirling- ofrecen a posibilidade de estudar galego en universidades británicas.

Fonte: Xunta de Galicia

O Parlamento Europeo lanzará a súa web oficial en catalán

O Parlamento Europeo estreará finalmente a súa web oficial en lingua catalá. Pouco menos de catro meses despois de que a oficina da Eurocámara en Barcelona anunciara que recibira a autorización de Estrasburgo, o 15 de xullo pasado, e cando aínda faltan sete meses para as eleccións europeas de xuño de 2009, o portal xa está listo.

Fonte: Avui

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder