Mundo
Os ministros de Cultura de Portugal e do Brasil discuten o acordo ortográfico
Axilizar a aplicación do acordo ortográfico, a creación dun portal de contido cultural e unha televisión común en lingua portuguesa foron os temas principais da xuntanza mantida en Lisboa entre os ministros de Cultura de Portugal e do Brasil.
Fonte: RTP
O ladino podería desaparecer ao cabo de dúas ou tres xeracións
Os principais especialistas no idioma xudeoespañol, o ladino, cren que este pode desaparecer como lingua falada en dúas ou tres xeracións e quedar circunscrita a ámbitos académicos.
Fonte: La Voz de Galicia
Política Lingüística promove a aprendizaxe e a proxección exterior do galego na feira Expolingua de Berlín
A Xunta de Galicia ofreceu información sobre a rede de lectorados no expositor que entre o venres e o domingo estivo instalado no encontro que se celebra en Alemaña
Douscentos expositores de máis de 30 países danse cita na vixésima primeira edición da Expolingua, unha plataforma especializada na divulgación de produtos e servizos relacionados coa aprendizaxe e o ensino de idiomas
Nesta exposición están representadas máis de 50 linguas do mundo
A promoción da lingua galega e a súa proxección exterior a través da rede de lectorados e doutros centros dedicados a fomentar a súa aprendizaxe constitúen os eixes centrais da participación da Secretaría Xeral de Política Lingüística na Expolingua de Berlín, que se celebrou entre o pasado venres 14 e o domingo 16 de novembro na capital de Alemaña. Na vixésima primeira edición deste encontro internacional, especializado na difusión de produtos e servizos relacionados coa aprendizaxe e o ensino de idiomas e coa educación cultural, déronse cita douscentos expositores de máis de 30 países diferentes.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística leva anos acudindo a esta feira de Alemaña, que se desenvolveu na Casa Rusa das Ciencias e das Culturas. Nesta ocasión, a Xunta compartiu expositor co Goberno vasco. No espazo reservado para Galicia, os visitantes puideron atopar información sobre a rede de proxección exterior da lingua e principalmente sobre os centros de estudos e as cátedras, entre outros lugares, nos que é posible aprender galego e achegarse á cultura de Galicia.
Do mesmo xeito, as persoas que visitaron o expositor de Política Lingüística puideron coñecer de preto o funcionamento e os programas de aprendizaxe que ofertan os centros de estudos galegos que funcionan nas universidades alemás de Berlín, Heidelberg, Trier, Tubinga e Kiel. Despois de España, Alemaña é o país europeo onde máis centros de estudos galegos existen. No expositor tamén se puideron consultar publicacións promovidas polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, entre outros contidos.
Na presente edición da Expolingua de Berlín estiveron representados máis de 50 idiomas do mundo. Este encontro conta cunha asistencia media anual de 15.000 persoas, entre as que se atopan maioritariamente estudantes, profesores, catedráticos, tradutores e intérpretes. Polo que atinxe aos expositores, participan desde administracións públicas ata universidades, escolas de idiomas, embaixadas, institutos de cultura, editoriais e fabricantes de software especializado na aprendizaxe e tradución asistida por ordenador, entre outros.
Actividades paralelas
De forma paralela á exposición, Expolingua ofrécelles aos visitantes a posibilidade de participar en obradoiros, presentacións, cursos de idiomas e proxeccións de películas, entre outras actividades.
A vixésima primeira edición da Expolingua coincide coa celebración do Ano Europeo do Diálogo Intercultural e o Ano Internacional das Linguas, conmemoracións ás que a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén se sumou coa organización da exposición itinerante As nosas palabras, os nosos mundos, que o vindeiro mércores 19 de novembro se inaugurará no Círculo de Bellas Artes de Madrid.
Fonte: Xunta de Galicia
Proponse lexislar para protexer as linguas indíxenas do estado mexicano de Sonora
Para protexer a riqueza das linguas indíxenas que en Sonora existen e preservalas cómpre lexislar a favor dos Dereitos Lingüísticos dos Pobos Indíxenas, expresou o deputado Zacarías Neyoy Yocupicio.
O presidente da Comisión de Asuntos Indíxenas do Congreso do estado indicou que, igual que no resto do país, en Sonora se corre o risco da desaparición das linguas indíxenas, polo que é necesario promover un marco xurídico para preservalas.
Fonte: Kiosco Mayor
Celébrase en México un encontro polos dereitos lingüísticos na lexislación nacional
Na inauguración do Encontro polos Dereitos Lingüísticos na Lexislación Nacional, o senador Andrés Galván Rivas, presidente da Comisión de Asuntos Indíxenas, dixo que como lexisladores os senadores deben apoiar a iniciativa de impulsar as linguas e cultura indíxenas, así como asumir a responsabilidade na fortaleza mesma do presente e futuro do país.
Fonte: Senado de la República
O Congreso do estado mexicano de Chihuahua aproba por unanimidade a licenciatura intercultural bilingüe
O Congreso do estado de Chihuahua aprobou por unanimidade a proposta feita polo grupo parlamentario do Partido Nueva Alianza para poñer en marcha unha licenciatura intercultural bilingüe coa que se dará atención a un numeroso grupo de habitantes.
Fonte: Más Noticias
A lingua otomí está en extinción no estado mexicano de Guanajuato
O otomí é unha lingua propia do centro de México, pero en Guanajuato podería dicirse que está en "extinción", pois tan só nos últimos dez anos, segundo estimacións do arqueólogo Efraín Cárdenas García, baixou nun 30 % e só tres de cada dez persoas consideradas otomíes o falan.
Fonte: Correo
Brasil e Portugal estudarán o "valor económico" da súa lingua
Portugal e Brasil queren elaborar un estudo para determinar o valor económico da lingua portuguesa. O obxectivo puxérono de manifesto o ministro de Cultura brasileiro, Juca Ferreira, e o seu homólogo portugués, José Antonio Pinto Ribeiro, nunha xuntanza en Lisboa para analizar a realidade que abre o acordo ortográfico do portugués, ratificado xa polos dous países.
Fonte: Galicia Hoxe
O galés será, tras o galego e o catalán, a terceira lingua non oficial da UE que se fale no Consello de Ministros
O galés, o idioma cooficial de Gales falado por cerca de 600.000 persoas no Reino Unido, seguirá os pasos do catalán e do galego para converterse na terceira lingua non oficial da Unión Europea que se escoita oficialmente no Consello de Ministros da Unión.
Fonte: La Voz de Galicia
Analizan un proxecto de lei para recoñecer oficialmente a lingua de signos peruana
A Comisión Especial de Discapacidade, que preside o congresista Michael Urtecho Medina (AN), realizou unha análise minuciosa do proxecto de lei que outorga recoñecemento oficial á lingua de signos peruana (LSP) como medio de comunicación para persoas con discapacidade auditiva.
Fonte: Andina
Boletín
Subscríbase al boletín