Mundo
A asociación belga De Rand pide un uso exclusivo do neerlandés na publicidade
A asociación De Rand dirixiu, desde o 1 de xaneiro 2007, 69 cartas a diferentes firmas para que non difundan publicidade noutra lingua que non sexa o neerlandés na periferia de Bruxelas. Nesta carta convídase a sociedade a empregar só o neerlandés na súa comunicación xa que se trata da lingua oficial da rexión.
Fonte: 7 sur 7
Unha editorial portuguesa presenta un sitio web para aclarar dúbidas do portugués
A Porto Editora presenta Português Exacto, o sítio da Língua Portuguesa, un sitio web que pretende resolver todas as dúbidas relacionadas co portugués, incluíndo os cambios introducidos polo Acordo Ortográfico.
Fonte: E-Cultura
Un informe afirma que os profesores de linguas indíxenas de Australia precisan unha mellor formación
O informe do Goberno Federal sobre o futuro dos programas de lingua indíxena nas escolas afirma que os profesores precisan unha mellor formación para asegurar o éxito dos cursos no futuro. Na actualidade ensínanse en Australia máis de 80 linguas diferentes en arredor de 260 escolas.
Fonte: ABC
Edítase un CD de cancións infantís para preservar a lingua náhuatl
O obxectivo desta iniciativa é sementar nos nenos e na cidadanía a semente da preservación do náhuatl, a lingua máis importante no mundo precolombiano e que hoxe está viva na cidade de México.
Fonte: La Jornada
Un grupo de lexisladores pide traducir ao maia a constitución de Iucatán
Un grupo de lexisladores do estado mexicano de Iucatán, no sueste do país, propuxo traducir ao maia a constitución local para realzar a vixencia dese idioma, que falan arredor de 400.000 persoas nese territorio.
Fonte: El Universal
Brasil aproba un proxecto que converte en obrigatorio o ensino da lingua de signos brasileira
A Comisión de Educación, Cultura e Deporte aprobou o proxecto de lei do senador Cristovam Buarque polo que será obrigatorio o ensino da lingua de signos brasileira na educación infantil e no ensino fundamental.
Fonte: Senado Federal
China elixe Arxentina para abrir a primeira sede do Instituto Confucio no Cono Sur
A partir de marzo de 2009, Arxentina terá a primeira sede do Cono Sur do Instituto Confucio para o ensino do idioma chinés. Despois de catro anos de xestións entre a Universidade de Bos Aires (UBA) e o Goberno da República Popular Chinesa, a representación arxentina sumarase ás 300 que funcionan en 78 países.
Fonte: La Nación
Letonia aproba un proxecto de lei que duplica as multas por non utilizar o idioma oficial no traballo
A comisión xurídica do Seimas, o Parlamento de Letonia, aprobou un proxecto de lei para duplicar as multas polo uso insuficiente do idioma oficial no lugar de traballo, segundo informou o diario dixital ruso Newsru.com. Así, a multa por non utilizar o letón no traballo ascenderá de 25 a 50 lates (de 50 a 100 dólares) e por non ofrecer tradución en actos públicos, de 100 a 200 lates (de 200 a 400 dólares).
Fonte: La Razón
Apróbase a tradución do himno do estado mexicano de Chihuahua a dialectos e linguas indíxenas
Aproban que se leven a cabo as traducións correspondentes ao Himno do Estado de Chihuahua, aos dialectos e linguas utilizados polos pobos indíxenas e demais minorías culturais, recoñecidas na entidade, a efecto de lograr unha maior difusión, ensinanza e interpretación deste nas institucións educativas situadas na zona da serra e rural do Estado.
Fonte: El Sol de México
Len en Bolivia durante 24 horas a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en varios idiomas
Bolivia celebrou este mércores o Día Internacional dos Dereitos Humanos cunha lectura continua de 24 horas e en distintos idiomas da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Fonte: ECO Diario
Boletín
Subscríbase al boletín