Mundo
Prevén que a telefonía móbil contribúa a preservar a lingua maia
O emprego da telefonía móbil entre os maias é cada vez maior e incluso pode contribuír á conservación da súa lingua, non só na súa forma oral, senón tamén escrita, considerou o investigador Ismael May May, integrante do Centro Peninsular en Humanidades e Ciencias Sociais da Universidade Nacional Autónoma de México en Mérida, Iucatán.
Fonte: El Universal
Brasil será o primeiro país en implantar o Acordo Ortográfico
O Acordo entra en vigor lentamente a partir do primeiro día de 2009 e Brasil será o primeiro país en implementar oficialmente as regras do Acordo Ortográfico. Os cambios faranse de forma paulatina, a partir do 1 de xaneiro de 2009, cun prazo de conclusión ata o principio de 2013. O decreto determina que durante os catro anos de transición se acepten as dúas formas.
Fonte: Diário de Notícias
Os esperantistas de vinte países reúnense en Alemaña
As cidades alemás de Frankfurt, Biedenkof e Düsseldorf, no oeste do país, celebran estes días, e ata o vindeiro sábado día 3 de xaneiro, encontros relacionados co estudo e a promoción do esperanto, idioma creado en 1887 como proxecto de lingua universal, na que participarán afeccionados de máis de vinte países.
Fonte: Terra
A Comisión de Traballo, Administración e Servizo Público aproba a regulación para os intérpretes da lingua brasileira de signos
A Comisión de Traballo, de Administración e Servizo Público aprobou o 17 de decembro a proposta que recoñece a profesión de tradutor e intérprete da lingua brasileira de signos.
Fonte: DCI
O Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa está en risco debido a diverxencias entre os lingüistas
O Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa, asinado en 1990, pode fallar na práctica se non se elabora un vocabulario ortográfico común entre Brasil e Portugal, segundo afirmou o presidente do Instituto Internacional da Língua Portuguesa.
Fonte: Jornal de Notícias
A educación intercultural bilingüe en Ecuador viuse fortalecida en 2008
Ao finalizar o 2008, o Sistema de Educación Intercultural Bilingüe de Ecuador (SEIB) queda con 3.300 establecementos funcionando, 9.000 educadores nas aulas e 14 pobos e nacionalidades atendidas. Ademais en novembro o sistema cumpriu vinte anos de aplicación no país, un soño nada sinxelo feito realidade.
Fonte: El Mercurio
Un proxecto estudará a viabilidade da promoción do español en Estados Unidos
A Fundación de la Lengua Española, o Instituto de Empresa de Madrid e a Universidade de Pensilvania, esta última a través da Escola Wharton, traballarán nos próximos meses no desenvolvemento dun estudo de mercado para analizar as posibilidades que ofrece Estados Unidos para a promoción e o ensino do español.
Fonte: El Mundo
Angola xeneralizará o ensino de linguas nacionais na primeira etapa do ensino primario a partir do próximo curso
A partir do próximo curso escolar, o Ministerio de Educación de Angola vai xeneralizar o ensino de linguas nacionais na primeira etapa do ensino primario en todo o país, cuxa etapa experimental comezou en 2007, co obxectivo de establecer unha estreita relación entre a educación e a cultura.
Fonte: Angola Press
Convócase o Premio Linguapax 2009
O Institut Linguapax convoca unha nova edición do premio anual que quere contribuír ao recoñecemento de lingüistas, investigadores/as, docentes ou membros da sociedade civil que destacan na promoción da diversidade lingüística e/ou da educación multilingüe.
Fonte: CTNL
A Secretaría Nacional de Cultura de Paraguai quere unha lei de linguas en 2009
A Dirección de Promoción das Linguas da Secretaría Nacional de Cultura (SNC) buscará durante o ano 2009 a aprobación da Lei de linguas, cuxo anteproxecto se atopa actualmente arquivado no Parlamento Nacional. Así o destacou Susy Delgado, a recentemente nomeada directora desta dirección cultural.
Fonte: Última Hora
Boletín
Subscríbase al boletín