Mundo

A emigración afecta ás linguas indíxenas que están en perigo

Unha das causas que afecta ás linguas indíxenas e que están en risco de desaparecer, é a migración, asegurou Francisco Barriga, director de Lingüística do Instituto Nacional de Antropología e Historia.

Fonte: INALI

Existen no mundo arredor de 6000 linguas

O especialista William Merrill, do Instituto Smithsoniano, de Washington, asegurou que actualmente existen arredor de 6000 idiomas no mundo e uns dez millóns de especies biolóxicas, das cales se extinguirán polo menos o 50 por cento, antes de fin de século.

Fonte: Mundo Hispano

Analizan en México o futuro das linguas indíxenas de América

O "Primeiro Encontro de Linguas en Perigo" reuniu especialistas internacionais, que analizaron a ameaza que pesa sobre diversas linguas do continente americano.

Fonte: El Mexicano

O galego lidera o recoñecemento da riqueza de linguas na Unión Europea co apoio do comisario de Multilingüismo, Leonard Orban

A exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, promovida pola Xunta de Galicia, chega a Bruxelas co respaldo do responsable europeo de Multilingüismo

Con esta iniciativa, o galego convértese na primeira lingua cooficial que expón o valor da diversidade lingüística no marco da Unión Europea

A mostra permanecerá na capital europea ata o 3 de outubro coincidindo a súa estancia coa celebración do Día Europeo das Linguas, o vindeiro 26 de setembro

A exposición sobre o galego na diversidade lingüística “As nosas palabras, os nosos mundos”, inaugurouse o 22 de setembro nas dependencias da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, no Edificio Madou, en Bruxelas, coa participación do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, e da secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López. Tras o seu paso por Santiago de Compostela, Vilagarcía e Bilbao, “As nosas palabras, os nosos mundos” chega a Bruxelas na súa condición de capital política de Europa. O galego convértese así na primeira lingua cooficial da Unión Europea que expón o valor da diversidade lingüística na UE.

“As nosas palabras, os nosos mundos” é unha mostra multimedia e itinerante que nace no marco do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, co obxectivo de promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade lingüística e de contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía dunha boa convivencia global. En Bruxelas, conta co patrocinio institucional do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, o que representa un apoio sen precedentes ás linguas cooficiais no seo da UE.

Na súa intervención, a secretaria xeral de Política Lingüística afirmou que “conseguirmos facer desta Europa social unha realidade, dentro dun mundo globalizado, esíxenos ás linguas minoritarias afrontar unha cuestión ata o de agora impensable, pero inevitable: competir e gañar a nosa utilidade social a través dunha demostración intensa de vitalidade e de funcionalidade. As linguas como o galego non seguiremos aquí, como afirmaba o noso escritor da imaxinación, Álvaro Cunqueiro, durante mil primaveras máis porque si; o noso futuro escribirase coas letras que o noso esforzo sexa quen de imprimirlle”.

Marisol López explicou que os contidos da exposición “representan o alento e a participación do Goberno galego na estratexia comunitaria: aquela de estimular o coñecemento e a aprendizaxe de novas linguas, e construír así un sólido sentimento de igualdade entre as distintas comunidades lingüísticas”.
A mostra, que conta para a súa estadía en Bruxelas coa colaboración da Fundación Galicia Europa, permanecerá na capital europea ata o 3 de outubro, coincidindo coa semana na que se celebra o Día Europeo das Linguas, o vindeiro 26 de setembro.

Catro bloques temáticos

“As nosas palabras, os nosos mundos” permite facer un percorrido suxestivo pola historia da lingua galega e coñecer a vitalidade do galego na actualidade. Os visitantes poderán achegarse ao galego e á diversidade lingüística dunha forma activa, experimental e sensitiva grazas a diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, francés, neerlandés-flamengo, inglés, castelán, catalán e éuscaro -, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.

“As orixes” é o punto de partida da exposición. Esta primeira parte do percorrido introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe, coas primeiras novas sobre a súa orixe (petróglifos, pinturas rupestres...). A través de coreografías de sons, luces, sombras e transparencias descóbrense as diferentes formas de comunicación humana. A visita desemboca na “árbore das linguas”, que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas.
No módulo denominado “Isto é galego” o visitante pode descubrir a historia da lingua galega desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos.

Os contidos do terceiro bloque temático apostan pola sustentabilidade lingüística a través dun xogo de escoita que permite coñecer o son de múltiples linguas de orixe diversa. “As nosas palabras, os nosos mundos” pon en valor a diversidade lingüística do planeta, o valor do plurilingüismo e a riqueza da multiculturalidade.
Por último, “A nosa lingua na nosa vida” é unha ollada ao galego como lingua de creación nunha sociedade dinámica e produtiva. Aquí amósanse exemplos de recursos da lingua galega nos distintos ámbitos da sociedade (novas tecnoloxías, música, literatura, cine, ferramentas de traballo, etiquetaxe).

Visita virtual

Ademais da exposición, está en marcha o sitio www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre a diversidade lingüística que pretende converterse nun referente para a promoción e defensa do ecosistema lingüístico. A través desta páxina, que permanecerá activa unha vez rematada a exposición, pode realizarse unha visita virtual á mostra e descubrir contidos e curiosidades sobre o galego e as linguas do mundo.

A normalización do galego

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, abrirá martes, 23 de setembro, o seminario “¿Cales son as perspectivas de futuro para as linguas rexionais na UE?” que organiza a Fundación Galicia Europa e no que se analizará a situación actual destas linguas e as oportunidades que se abren no marco da nova estratexia europea de multilingüismo.

Marisol López centrará a súa intervención no proceso de normalización do galego como lingua rexional oficial. Será na sede da Fundación Galicia Europa, no número 38 da Rue de la Loi, ás 09:30 horas.

Fonte: Xunta de Galicia

No continente americano fálanse aproximadamente unhas mil linguas indíxenas

No continente americano fálanse aproximadamente mil linguas indíxenas, que corresponden ao 25% dos idiomas de todo o mundo, pero actualmente moitas delas sofren dun abandono dos seus falantes e incomprensión e discriminación -en Latinoamérica- por parte dos mestizos.

Fonte: El Universal

A maior parte dos habitantes de Valonia en Bélxica teñen como lingua materna o francés

A maior parte dos habitantes de Valonia teñen o francés como lingua inicial ou, para unha minoría, o alemán. Pero esta non é a única lingua empregada posto que en toda Valonia existen "dialectos" que os lingüistas non dubidan en chamar linguas. Os valóns coñecen pois situacións de diglosia, xa que utilizan oficialmente o francés e falan o seu dialecto en contextos familiares ou entre amigos.

Fonte: Vivat

Instálanse os primeiros rótulos bilingües en polaco e alemán nas localidades polacas de Cisek/Czissek e Radłów/Radlau

A primeira sinalización bilingüe polaco-alemán desde o final da Segunda Guerra Mundial colocouse nas comunidades de Cisek/Czissek e Radłów/Radlau en setembro. Espérase a instalación de máis rótulos bilingües nunha ducia de cidades das rexións de Opole/Oppeln e Silesia (Śląsk/Schlesien) nos vindeiros meses.

Fonte: Eurolang

Mozos pertencentes a diferentes culturas nativas de América Latina alertan sobre os riscos da desaparición de linguas

Mozos aimará, kichwa, jaqaru e quechua de Bolivia, Ecuador e Perú alertaron sobre o risco de desaparición das súas linguas e pediron medidas efectivas para o seu respecto e protección durante o Encontro Intercultural de Oratoria Indíxena "Voces Andinas" que se celebrou en Lima.

Fonte: Soitu

A rexión italiana de Friuli ofrécese como sede da futura Axencia Europea das Linguas Minoritarias

Durante a visita do ministro de Exteriores italiano a Friuli expúxoselle a posibilidade da candidatura de Udine (cidade capital da rexión) como sede da Axencia Europea das Linguas Minoritarias.

Fonte: Minoranze Linguistiche

Marisol López destaca en Bruxelas os avances realizados estes anos en Galicia no proceso de normalización lingüística

A secretaria xeral de Política Lingüística participou o pasado martes 23 de setembro nun seminario sobre as perspectivas de futuro das linguas minoritarias da Unión Europea

Os avances no ensino, as maiores competencias lingüísticas en galego, e os pasos dados no sector das novas tecnoloxías son algunhas das medidas nas que fixo fincapé a responsable da política lingüística da Xunta de Galicia

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, participou o martes día 23 no seminario organizado pola Fundación Galicia Europa “Cales son as perspectivas de futuro para as linguas rexionais na Unión Europea?”, que se desenvolveu na sede desta institución, en Bruxelas, no marco da celebración, o vindeiro 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas.

Marisol López fixo un repaso pola historia do galego e da súa consideración como lingua oficial en Galicia, e referiuse aos datos sociolingüísticos dos últimos anos, que reflicten un aumento das competencias en galego, pero un descenso na transmisión xeracional da lingua. Neste sentido, a secretaria xeral incidiu na necesidade de recuperar esa transmisión do galego de pais e nais aos fillos, e apelou ao compromiso de toda a sociedade para defender e apoiar a lingua. “É necesario deseñar a política lingüística intentando contar sempre co consenso político e social”, declarou, e referiuse ao Plan xeral de normalización da lingua galega, que acadou ese consenso hai xa catro anos e cuxas medidas están a ser desenvolvidas desde o seu departamento.

A secretaria xeral explicou que nos últimos tres anos se produciron avances no proceso de normalización do galego en varios aspectos. En primeiro lugar, aludiu ao feito de que o departamento que dirixe pasou de ser unha dirección xeral, dependente da Consellería de Educación, a exercer, desde unha secretaría xeral dependente da Presidencia, unha influencia transversal en todas as áreas de goberno. Por outra parte, destacou o desenvolvemento do decreto do galego no ensino, que vén garantir a igualdade, na escola, das dúas linguas oficiais, e referiuse tamén a progresos en ámbitos como o das novas tecnoloxías.

O principal reto de futuro, segundo expresou Marisol López, é conseguir a igualdade social real entre o galego e o castelán en Galicia. Para iso, a secretaria xeral avogou por continuar incrementando o prestixio social da lingua a través de actuacións en todos os ámbitos sociais, e en especial naqueles nos que aínda se detectan barreiras, como o sector empresarial ou o xurídico. Ademais, apelou tamén á necesidade de conseguir unha maior presenza da lingua nas institucións do Estado e nas da Unión Europea.

No seminario no que participou a secretaria xeral de Política Lingüística tamén interviron a directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, o xefe de unidade de Interpretación Española da Comisión Europea, Manuel Valdivia, a delegada permanente da Delegación da Bretaña en Europa, Martine Allais, o representante da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística, Davyth Hicks, e a membro da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea Patrizia Baralli.

A presenza de Marisol López en Bruxelas coincide coa inauguración, o luns día 22 nas dependencias da Comisión Europea, da exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá na capital europea ata o vindeiro 3 de outubro e que conta co patrocinio institucional do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, e coa colaboración da Fundación Galicia Europa.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder