Mundo

O lingüista Malaca Casteleiro opina que a nova ortografía do portugués xa se debía estar ensinando nas escolas

O lingüista portugués Malaca Casteleiro criticou o Ministerio de Educación pola ausencia dun calendario para a entrada en vigor do novo acordo ortográfico no ensino do portugués. "É lamentable que, por parte do Ministerio de Educación, aínda non se dixera nada en relación coa aplicación do novo acordo", considerou Malaca Casteleiro, á marxe da cerimonia de apertura do 7.º Colóquio da Lusofonia.

Fonte: Público

Os anciáns do sur de Milpa Alta, en México, son os únicos que manteñen o náhuatl

Os anciáns da aldea de Santa Ana Tlacotenco, situada na parte sur da delegación Milpa Alta (México), son os únicos en preservar e dominar o idioma náhuatl. Aínda que o resto das xeracións perdeu a súa lingua materna, de cada 100 habitantes só tres o conservan.

Fonte: Milenio

Expóñense na Benemérita Universidad Autónoma de Puebla (México) os problemas da tradución ás linguas indíxenas

O Instituto Superior de Intérpretes y Traductores (ISIT) elabora un glosario terminolóxico en español e inglés das palabras máis usuais nas áreas de saúde, educación, xurídica e social, que se utilizan en todas as linguas indíxenas e as súas variantes que se falan no Estado mexicano de Chihuahua.

Fonte: Poblanerías

Un estudo do Instituto Cervantes afirma que Estados Unidos é o segundo país en falantes de español

O número de falantes de español en Estados Unidos sitúase no límite dos 45 millóns de persoas non censadas, sen ter en conta a inmigración ilegal. Máis ca en España, segundo un ambicioso e contundente estudo levado a cabo polo Instituto Cervantes. Titúlase Enciclopedia del español en los Estados Unidos e será presentado o 13 de outubro e publicado nun só volume por Santillana.

Fonte: El País

O ministro de Interior holandés considerará recoñecer o frisio na constitución de Holanda

Guusje ter Horst, o ministro de Interior holandés, estudará a posibilidade de darlle á lingua frisia un lugar na constitución de Holanda "cunha mente aberta".

Fonte: Eurolang

Nove expertos cataláns ensinarán nunha rexión colombiana como fortalecer e recuperar linguas tradicionais

En total nove expertos darán a coñecer os segredos, trucos e técnicas que utilizaron para a preservación do catalán en Cataluña. Durante varios días, os lingüistas españois estarán na poboación de San Basilio de Palenque durante o desenvolvemento do IX Encuentro para la Promoción y Difusión del Patrimonio Cultural Inmaterial en Iberoamérica.

Fonte: El Tiempo

As academias da lingua española critican a vulgarización da lingua na radio e na televisión

Os medios de comunicación que máis dano lle inflixen ao idioma español son a televisión e a radio, que cada día reducen a cantidade de palabras e vulgarizan ou desvirtúan as acepcións que a cada unha delas corresponde. É preciso reforzar as normas do idioma, e os periódicos foron e seguen sendo un aliado importante das 22 academias da lingua que existen hoxe en Hispanoamérica.

Fonte: Clave Digital

O Ministerio de Cultura de Angola analiza a situación das linguas nacionais

O Ministerio de Cultura de Angola realizará entre os días 15 e 18 de outubro, en Huambo, o III Encontro sobre as Línguas Nacionais, que ten como obxectivo unir esforzos para a súa valorización e consolidación na identidade cultural do país.

Fonte: Jornal de Angola

Aprobado na rexión italiana de Trento o regulamento provincial para o ensino de cimbro e mocheno

O pasado 3 de outubro a Xunta provincial aprobou o regulamento para a comprobación do coñecemento da lingua propia das poboacións mochena e cimbra.

Fonte: Minoranze Linguistiche

A cidade de Bragança podería acoller o Museo da lingua portuguesa

O primeiro museo portugués da lingua portuguesa podería crearse en Bragança, segundo un reto lanzado na clausura do Colóquio anual da Lusofonia que recolleu xa apoios individuais e institucionais ligados á temática.

Fonte: Público

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder