Destacada

O Parlamento Europeo estrea a súa nova canle de televisión en internet en 22 das 23 linguas oficiais

O Parlamento Europeo vén de dar a coñecer a súa nova canle de televisión en internet, Europarl TV, que estará dispoñible en 22 das 23 linguas oficiais da Unión Europea.
Segundo veñen de informar os seus responsables, esta canle nace coa intención de “achegar a actualidade dos Vintesete en tempo real” a calquera usuario do territorio que teña acceso á rede e que teña especial interese por manterse informado sobre a intensa actividade que xera este organismo.

Fonte: Código Cero

26 de setembro. Día Europeo das Linguas

A diversidade lingüística é intrínseca á Unión Europea cos seus 500 millóns de cidadáns, 23 linguas oficiais, 60 linguas rexionais e minoritarias e tres alfabetos. Ningunha institución rexional ou global utiliza tantas linguas oficiais como o Parlamento Europeo. "A diversidade lingüística de Europa é unha parte da nosa riqueza e do noso patrimonio cultural e debe ser protexida", afirmou o presidente do Parlamento Hans-Gert Pöttering.

Fonte: Parlamento Europeo

Europa Press inicia a transmisión do 'Servei en Aranès', unha canle de noticias en lingua occitana

Europa Press de Cataluña inicia a transmisión do 'Servei en Aranès', unha nova canle de noticias en lingua occitana co obxectivo de contribuír á difusión e promoción desta lingua propia do Val d'Aran nos medios de comunicación e nos distintos ámbitos da sociedade.

Fonte: Europa Press

O Ministerio de Cultura destinará 11 millóns en 2009 para cine en linguas cooficiais

Como dispón a nova Lei de cine e confirmou no Congreso a subsecretaria de Cultura, Dolores Carrión, o Goberno investirá 11 millóns de euros en subvencionar filmes en linguas cooficiais durante 2009, a cantidade máxima que permite a lexislación.

Fonte: La Razón

A comunidade de xordos española conta co primeiro dicionario normativo da súa lingua

Doce meses despois do recoñecemento oficial, a lingua de signos española xa dispón do seu primeiro dicionario normativo. Este é un paso máis cara á estandarización dunha lingua que conta con máis de 400.000 usuarios. O Diccionario Normativo de la Lengua de Signos Española (DILSE III) foi desenvolvido pola Confederación Estatal de Personas Sordas (CNSE) coa colaboración doutras entidades sociais.

Fonte: El Mundo

Editan unha guía para acercar o catalán á comunidade musulmá

Acercar a lingua catalá á comunidade musulmá e mostrar os vínculos históricos que unen a realidade islámica e a catalá. Estes son os obxectivos da guía Salam ao catalán, patrocinada pola Plataforma per la Llengua e o Consejo Islámico e Cultural de Cataluña. O libriño, financiado pola Dirección de Asuntos Relixiosos da Generalitat, editouse en catalán e árabe, e pretende mostrar as vantaxes sociais e laborais que supón o coñecemento de catalán.

Fonte: El País

Barack Obama, candidato á presidencia de EEUU, utiliza o éuscaro na súa propaganda electoral en Nevada

Nevada é un dos estados norteamericanos con maior número de habitantes de orixe vasca, xunto a California e Idaho; e o candidato demócrata á presidencia, Barack Obama, sábeo, polo que durante a campaña o seu Comité de Apoio de Nevada repartiu panfletos de propaganda en éuscaro.

Fonte: Euskalkultura

Comeza en Santiago a itinerancia da Cova, o xogo das palabras encadeadas nunha nova versión adaptada á era dixital

Esta instalación de última tecnoloxía percorrerá cinco cidades galegas, nas que convidará a todos os transeúntes a xogar coa lingua galega

A Cova suxire un percorrido que recrea o mito da caverna de Platón, e que servirá para elaborar unha cadea de palabras xigante entre todos os que xoguen

A Praza Roxa de Santiago de Compostela acolle desde o 29 de outubro e ata o vindeiro 2 de novembro, a instalación interactiva A Cova, unha iniciativa xurdida dentro da campaña “En galego tes todo por vivir. Tócache!”, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A Cova é unha instalación de última tecnoloxía que ofrece un percorrido no que se recrea o mito da caverna de Platón, e na que todas as persoas que o desexen poderán deixar as súas pegadas, o seu mundo das ideas, a través do xogo das palabras encadeadas. Unha das primeiras persoas en facelo foi a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que se achegou ata a Praza Roxa de Santiago para participar no xogo.

Os novos recursos tecnolóxicos permitirán construír entre todos os participantes unha cadea xigante de palabras, para o que se contou coa base de datos do Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga), que asegura a corrección das palabras que se insiran na cadea.

Itinerancia
A Cova está indicada para todos os públicos, sen distinción de idade, que recibirán un agasallo pola súa participación. En Santiago, permanecerá ata o vindeiro 2 de novembro. Despois, a instalación trasladarase á Coruña, onde permanecerá os días 7, 8 e 9 de novembro nos Xardíns de Méndez Núñez. Os días 14, 15 e 16 de novembro, o Parque do Barbaña, en Ourense, acollerá esta actividade interactiva, e os vindeiros 21, 22 e 23 será a rúa Urzáiz de Vigo o novo enderezo da Cova. Por último, a Praza Nova de Lugo acollerá esta instalación interactiva os días 28, 29 e 30 de novembro.

Fonte: Xunta de Galicia

O servizo de tradución automática da Generalitat de Catalunya incorpora o occitano

O servizo de tradución automática que a Generalitat de Catalunya ofrece en liña (http://www.gencat.cat/traductor) incorporou os pares de lingua catalán-occitano-catalán e castelán-occitano-castelán, segundo informou a Secretaría de Política Lingüística. O sistema de tradución para o occitano ofrece as mesmas prestacións que as que actualmente ten para o castelán, o inglés, o francés e o alemán: tradución de textos breves e páxinas web e posibilidade de integración de botóns de tradución nos sitios web.

Fonte: Europa Press

San Sebastián fomentará o uso do éuscaro no comercio e na hostalería

Cada vez é maior o número de consumidores que prefiren que se lles atenda en lingua vasca, segundo constata o Concello de San Sebastián. Por este motivo, e a través dun plan en tres fases, o Patronato Municipal de Euskera desenvolverá unha campaña de información e sensibilización para incrementar a presenza e o uso deste idioma nos establecementos de comercio e hostalería da cidade.

Fonte: El País

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder