Os espectáculos teñen unha hora de duración e realízanse baixo cuberto, nunha carpa de 500 metros cadrados
As entradas son de balde e convídase os asistentes a participar de xeito activo en xogos, cancións, arrolos e outras iniciativas
Política Lingüística impulsa este programa para intensificar o coñecemento e o emprego da lingua galega en idades temperás
Logo do seu paso polas cidades de Lugo e A Coruña, as Festas dos Axóuxeres chegaron esta fin de semana a Ourense e Vigo. A iniciativa, posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para fomentar a transmisión da lingua galega nas familias, segue deste xeito a súa itinerancia por vilas de Galicia, que terá continuidade ao longo dos meses de outono e inverno. A carpa na que se desenvolven os xogos e actividades que compoñen este proxecto, dirixido a bebés, cativos e aos seus pais e nais, instalouse o sábado, 13 de setembro, no parque Barbaña, na cidade de Ourense. O domingo, 14 de setembro, o espectáculo trasladouse a Vigo, concretamente á praza do Rei. En ambos os dous casos, as funcións empezaron ás 12.00 horas.
Sete actores e seis músicos deron vida a unha montaxe na que se recrea unha viaxe polo mundo dos sentidos a través de cantigas, adiviñanzas, xogos, arrolos e outras moitas actividades de animación nas que se busca a complicidade dos participantes e a súa implicación activa no desenvolvemento do espectáculo.
As funcións realizáronse baixo carpa, nunha superficie de 500 metros cadrados e a entrada será de balde. As persoas que se dean cita nestas Festas dos Axóuxeres terán oportunidade de coñecer ao boneco Totó, que se está a iniciar nas súas primeiras palabras. Este personaxe serve como peza dinamizadora na posta en escena desta iniciativa e a súa misión principal estriba en acadar unha maior aproximación aos bebés e cativos para conseguir que se impliquen de forma dinámica nos xogos, coreografías e demais propostas artísticas.
A produción das Festas dos Axóuxeres, nas que participan artistas como Xavier Díaz ou Elena Paz, corre a cargo da empresa Galitoon.
Última parada nas cidades
Unha vez rematadas as funcións de Ourense e Vigo, a Festa dos Axóuxeres fará a súa última parada na cidade de Santiago de Compostela, onde chegará o 20 de setembro. Na capital de Galicia, a carpa na que se desenvolverá o espectáculo estará situada no miradoiro da Alameda.
Logo do 20 de setembro, esta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, departamento dirixido por Marisol López, cederalle a testemuña a un formato diferente, ideado para vilas de menor tamaño. Trátase dos Encontros dos Axóuxeres, que empezarán a cobrar forma a partir do mes de outubro e que se desenvolverán en 25 vilas de Galicia ao longo do outono e do inverno.
Estes encontros consisten en funcións coa mesma estrutura artística que as Festas dos Axóuxeres, pero coa particularidade de que se levarán a cabo en espazos pechados para garantir unha maior proximidade co público.
As datas e lugares nos que se desenvolverán as Festas dos Axóuxeres poden consultarse no enderezo www.xunta.es/linguagalega/festa_dos_axouxeres_2008
Con este programa, Política Lingüística trata de sensibilizar as familias sobre a importancia de transmitirlles aos seus fillos e fillas o coñecemento da lingua galega desde as idades máis temperás.
Fonte: Xunta de Galicia



