Novas

As cidades de Lugo e A Coruña acolleron esta fin de semana as primeiras Festas dos Axóuxeres
08 de setembro de 2008

As cidades de Lugo e A Coruña acolleron esta fin de semana as primeiras Festas dos Axóuxeres

Bebés, cativos e as súas familias participaron neste espectáculo de entretemento e aprendizaxe, dunha hora de duración

Baixo unha carpa de 500 metros cadrados, músicos e actores deron vida a xogos, cancións, arrolos e outros divertimentos

Este programa de Política Lingüística pretende fomentar a transmisión do coñecemento da lingua galega no seo familiar

A segunda edición das Festas dos Axóuxeres púxose en marcha esta fin de semana nas cidades de Lugo e A Coruña. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, que dirixe Marisol López, promove esta iniciativa co obxectivo de afondar na transmisión da lingua galega no seo da familia. A primeira escala que fixo este programa celebrouse o pasado sábado día 6 de setembro na praza da Horta do Seminario, en Lugo. O domingo, 7 de setembro, a Festa dos Axóuxeres trasladouse á Coruña, á explanada do pavillón de Riazor. Nas dúas cidades, o espectáculo desenvolveuse a partir das 12.00 horas e a entrada foi de balde.

As funcións celebráronse baixo carpa, nunha superficie de 500 metros cadrados, e tiveron unha hora de duración. Os participantes nas Festas dos Axóuxeres tiveron ocasión de introducirse en galego no mundo dos sentidos, a través dunha montaxe para aprender xogos, cantigas, arrolos, adiviñanzas, coreografías e outras actividades de entretemento. O boneco Totó, que é un personaxe que se está a iniciar nas súas primeiras palabras, actúa como elemento dinamizador na posta en escena desta proposta lúdica, coa fin de conseguir unha boa interacción por parte dos destinatarios desta iniciativa, que son en definitiva os bebés e cativos e os seus familiares.

Seis músicos e sete actores encargáronse da realización dos espectáculos que compoñen este proxecto, no que participan artistas como Xavier Díaz e Elena Paz, nunha produción da empresa Galitoon.

Itinerancia

Logo do seu paso por Lugo e A Coruña, as Festas dos Axóuxeres visitarán as cidades de Ourense e Vigo, onde recalarán os días 13 e 14 de setembro, no parque Barbaña e na praza do Rei, respectivamente. A continuación, a maxia deste espectáculo, no que os máis pequenos da casa cobran un protagonismo especial, deixarase sentir en Santiago, onde chegará o 20 de setembro, ao miradoiro da Alameda.

A partir de outubro, estas festas darán paso, nun formato máis reducido, aos Encontros dos Axóuxeres, que farán un percorrido por 25 vilas de Galicia durante os meses de outono e de inverno. Neste caso, trátase de funcións en espazos pechados para lograr unha maior proximidade co público.

As datas e lugares nos que se realizarán as Festas dos Axóuxeres poden consultarse no enderezo www.xunta.es/linguagalega/festa_dos_axouxeres_2008

Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por sensibilizar as familias sobre a necesidade de transmitirlles aos seus fillos e fillas o coñecemento da lingua galega de forma temperá.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder