Novas

A Consellería de Cultura triplicou desde 2004 as axudas á tradución de libros ao galego e desde o galego
16 de setembro de 2008

A Consellería de Cultura triplicou desde 2004 as axudas á tradución de libros ao galego e desde o galego

Neste período as subvencións pasaron de 90.000 a 307.000 euros, e en 2008 creáronse por primeira vez axudas ás probas de tradución.

Mentres en 2004 o número de obras que recibiran axuda era de 30, o ano pasado foron subvencionadas 89 obras traducidas.

Cultura desenvolve un ambicioso programa de difusión internacional da literatura galega, coa asistencia a feiras e a creación de webs noutros idiomas.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, compareceu na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento para explicar o apoio da Consellería ás traducións.

A tradución de obras editoriais doutros idiomas para o galego e desde o galego a outros idiomas atópase nun bo momento. A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, dedica este ano 307.689 euros a subvencionar traducións e probas de tradución, o que supón superar en máis do triple os 90.000 euros que destinou en 2004 para o mesmo fin o anterior goberno da Xunta.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, explicou na Comisión de Cultura do Parlamento as medidas que se están a desenvolver para promover a tradución editorial. Entre 2004 e 2008 Cultura incrementou nun 241% as axudas destinadas á tradución de libros.

Con este incremento a Consellería quere facilitar que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción literaria a mercados exteriores noutras linguas. Ao mesmo tempo, procúrase facer posible que se poidan atopar no noso país e na nosa lingua textos significativos producidos no exterior, incluíndo obras de referencia clásicas e de actualidade.

Máis traducións
O incremento das cantidades incidiu no aumento do número de traducións. Fronte ás 30 obras traducidas que recibiron subvención en 2004, o ano pasado foron 89 as obras traducidas con axuda da Consellería, o que supón triplicar o número de obras. Prevese que a cifra sexa superada este ano, en consonancia co crecemento das axudas.

O aumento das traducións produciuse nas obras publicadas en galego desde outros idiomas, que pasaron de 16 a 63 obras, e tamén na cantidade de obras galegas que foron editadas noutros idiomas co apoio da Consellería, que, se en 2004 eran 14, en 2007 pasaron a ser 26. Estas axudas permitiron a publicación de obras literarias galegas en castelán, catalán, inglés, francés, italiano e portugués, entre outros.

Este ano creouse ademais unha nova modalidade de axuda, a dirixida a probas de tradución, para as que se destinaron 25.000 euros. Trátase de apoiar a tradución a outras linguas de fragmentos de entre 100 e 1.000 palabras cos que se procura que as persoas ou entidades do exterior poidan formar unha primeira opinión con respecto da obra, para iniciar os contactos para a edición dese texto na súa lingua. Esta acción busca favorecer a exportación de textos de autores galegos a outras linguas.

Difusión internacional
Xunto ao apoio directo ás editoriais para a tradución, a Consellería de Cultura está a desenvolver unha serie de accións para divulgar as nosas obras e autores no exterior e promover a venda de dereitos de obras galegas noutros idiomas.

Cultura está a desenvolver un ambicioso programa de promoción internacional da literatura galega. En 2007 e 2008 Galicia estivo presente nas principais citas do ámbito editorial en Europa e Iberoamérica: Habana, Buenos Aires, Londres, Brasil, Montevideo, Líber en Barcelona, Frankfurt, Guadalajara, e a principal cita do mundo do libro infantil, a feira de Boloña.

Ademais, creouse diverso material de promoción e varias publicacións en formato papel e en liña, coas webs GalicianBooks.com en inglés, LetrasdeGalicia.com en castelán e LetrasdaGaliza.com en portugués. Estas webs queren achegar a literatura de Galicia a público, axentes e editoras de todo o mundo. Tamén se puxo en marcha a web ReadGalicia.com, para facilitar o intercambio e venda de dereitos para promover a tradución de obras literarias galegas, así como ofrecer a información necesaria para establecer relacións coas editoriais do país.

Estas iniciativas favorecen o coñecemento da literatura galega no exterior e amplían a súa visibilidade de cara á tradución a outros idiomas e a entrada das obras dos autores galegos en mercados noutras linguas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder