A exposición, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística do Goberno Galego, permanecerá en Zabalgune Eraikina de Bilbao ata o 12 de setembro
No discurso inaugural interviron o alcalde de Bilbao, Iñaki Azkuna, o viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Patxi Baztarrika, e a vicepresidenta do Parlamento Vasco, Isabel Celaá
O próximo destino será Bruxelas e posteriormente visitará Madrid, Barcelona, Sevilla e Bos Aires
A secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, inaugurou o pasado 4 de setembro en Bilbao “As nosas palabras, os nosos mundos”, unha exposición multimedia itinerante que ten como obxectivo promover a lingua galega e contribuír á valoración da diversidade lingüística mundial. No acto interviron o alcalde de Bilbao, Iñaki Azkuna, o viceconselleiro de Política Lingüística, Patxi Baztarrika, e a vicepresidenta do Parlamento Vasco, Isabel Celaá. Coordinada polo profesor Anxo M. Lorenzo, a exposición permanecerá aberta ao público ata o 12 de setembro en Zabalgune Eraikina de Bilbao, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.
No seu discurso, Marisol López destacou que o plurilingüismo constitúe un valor na sociedade actual, tanto na perspectiva humana como económica. “É unha aspiración de todas as comunidades de falantes que queiran estar no diálogo internacional. O plurilingüismo é construír pontes para xerar tránsito de ida e de volta”.
En referencia á convivencia entre linguas, engadiu que “o galego, como o éuscaro ou o catalán, son linguas con futuro, pero é que son ademais ferramentas para construír ese futuro sen darnos as costas a nós mesmos e, por suposto, da man das outras linguas do noso contorno que nos facilitarán o diálogo con outras comunidades de falantes”. A secretaria xeral de Política Lingüística tamén fixo alusión ao discurso mediático difundido ultimamente nalgunhas cabeceiras, do que dixo que “cunha mensaxe que pretende unha regresión no recoñecemento da diversidade lingüística en España, está fóra da realidade das nosas sociedades”.
No marco do Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo Intercultural, “As nosas palabras, os nosos mundos quere ser unha ventá para mostrar a lingua galega e para abir as portas ao respeto á diversidade”, segundo sinalou Marisol López.
“As nosas palabras, os nosos mundos” realiza unha viaxe suxestiva pola historia das linguas permitindo ao visitante percorrer a exposición en sete idiomas –éuscaro, galego, catalán, castelán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suma a presenza doutras 25 linguas a través de diferentes formas. Nun espazo expositivo de 500 metros cadrados, os visitantes poden coñecer e adentrarse na diversidade lingüística dunha forma activa, experimental e sensitiva, a través de orixinais soportes gráficos, sonoros e audiovisuais. Así mesmo, a exposición dispón de sistemas alternativos para persoas con discapacidade sensorial (visual e auditiva).
Catro bloques temáticos
A exposición estrutúrase en catro bloques temáticos: “As orixes”, “Isto é galego”, “As nosas palabras, os nosos mundos” e “A nosa lingua na nosa vida”.
Os primeros pasos sobre o percorrido a través de “As orixes” introducen o visitante no misterio do nacemento da linguaxe, coas primeiras manifestacións de petróglifos e pinturas rupestres. A través de coreografías de sons, luces, sombras e transparencias descóbrense as diferentes formas da comunicación humana. O percorrido desemboca na “Árbore das linguas”, un elemento que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas, xa que do seu tronco saen as 20 pólas que representan as familias lingüísticas do mundo.
No bloque temático “Isto e galego” prodúcese a descuberta dos datos básicos da lingua galega. Trátase dunha viaxe suxestiva pola historia do galego desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos.
O espazo que lle dá título á exposición, “As nosas palabras, os nosos mundos”, pon en valor a riqueza que achega a diversidade de linguas e culturas do planeta. Ofrece ao visitante a posibilidade de experimentar esta pluralidade mediante amenos xogos de escoita que permiten descubrir o son e a caracterización das distintas linguas do mundo.
Por último, “A nosa lingua na nosa vida” é unha chamada ao galego como lingua de creación nunha sociedade produtiva. Nesta parte amósanse exemplos de recursos da lingua galega nos distintos ámbitos da sociedade (novas tecnoloxías, música, literatura, cine, ferramentas de traballo, etiquetaxe...).
Itinerancia
Bilbao constitúe a terceira escala do percorrido itinerante desta exposición despois da súa presenza en Sa-ntiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa. Tralo seu paso por terras vascas, “As nosas palabras, os nosos mundos” iniciará a súa proxección fóra de España trasladándose a Bruxelas onde contará co patrocinio institucional do comisario europeo de Multilingüismo. Posteriormente, a exposición visitará outras cidades como Vigo, Madrid, A Coruña, Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.
En paralelo á exposición, nace a primeira páxina web galega sobre diversidade lingüística www.asnosaspalabras.org coa pretensión de converterse nun referente para a defensa, promoción e posta en valor da pluralidade de linguas. A través desta páxina poderanse realizar visitas virtuais á exposición, acceder a datos de interese relacionados co galego e descubrir curiosidades sobre os diferentes idiomas do mundo.
Fonte: Xunta de Galicia



