Os Premios Lois Peña Novo 2026 distinguirán o servizo de comunicación do Celta de Vigo, a investigadora Aurora Marco e o intelectual Xosé Manuel Beiras polo seu labor a prol da lingua e da cultura galega. O xurado recoñece no Celta a incorporación sostida do galego na comunicación deportiva e dixital, converténdoo nun elemento central da identidade celeste. No caso de Aurora Marco, saliéntase a súa contribución á recuperación da memoria e visibilidade das mulleres galegas a través dunha obra fundamental para a historiografía e a literatura do país. Pola súa banda, Beiras é homenaxeado pola súa traxectoria política, docente e intelectual, na que fixo do galego unha lingua válida para a análise económica, o pensamento crítico e o compromiso social.
Fonte: Nós Diario



