Novas

Política Lingüística incrementa en 200.000 euros os fondos para fomentar o uso do galego nos centros de ensino públicos
08 de setembro de 2008

Política Lingüística incrementa en 200.000 euros os fondos para fomentar o uso do galego nos centros de ensino públicos

En total, destínase un millón de euros a esta convocatoria, que se adiantou a principios de setembro para facilitar a planificación de actividades do curso

O prazo para entregar as solicitudes remata o 6 de outubro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar subvencións por importe total de un millón de euros para desenvolver proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos de ensino non universitario de Galicia, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta cantidade supón un incremento de 200.000 mil euros respecto da asignada o ano pasado a este fin, co obxectivo de achegar máis recursos e beneficiar máis centros.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, atendendo a petición dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino, adiantou este curso a publicación da convocatoria para que os centros poidan planificar as súas actividades cun orzamento pechado xa na primeira parte do curso. Ademais, os centros adxudicatarios dos incentivos recibirán, no mes de decembro, un anticipo da cantidade asignada.

Para resolver a adxudicación das axudas terase en conta, fundamentalmente, a calidade dos proxectos, que terá un peso do 80 por cento, e ponderarase tamén o número de estudantes de cada centro.

Na resolución, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, establécese que os criterios de calidade que se avaliarán serán: a implicación activa dos distintos membros da comunidade no proxecto, a orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais da lingua, a potenciación das competencias activas sobre as pasivas, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade, a utilización de novas tecnoloxías, a colaboración con outros organismos alleos ao centro, a diversificación de actividades e a realización de proxectos plurianuais.

O financiamento máximo para os centros con máis de 50 alumnos será de 2.500 euros, 600 euros para os que conten cun número de alumnos de entre 25 e 50, e 400 euros para os centros con menos de 25 alumnos.

Prazo e solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro 6 de outubro.

As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presentaranse, preferentemente, nos rexistros destas delegacións ou tamén en calquera outro rexistro administrativo propio ou concertado da Comunidade Autónoma de Galicia. A data de entrada válida é a de entrada nalgún dos rexistros e non a data de saída do rexistro do centro de ensino.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder