A Plataforma de Editoras Independentes Galegas Afectadas presentou o Plan 30/30, unha proposta coa que pretende reforzar o sector do libro en galego e elevar ata o 30 % a súa cota de vendas en Galicia no ano 2030. A iniciativa, que chega tras os problemas de liquidez derivados das débedas do Consorcio Editorial Galego, reclama máis investimento público, financiamento específico para as editoras e incentivos á compra e á lectura. O documento tamén aposta por fortalecer as bibliotecas, os centros educativos e as librarías, mellorar a distribución e favorecer a proxección exterior da literatura galega. Ademais, propón implicar o ámbito deportivo e empresarial na promoción social da lingua e crear mecanismos de seguimento que permitan avaliar os resultados das medidas.
Fonte: Galicia Confidencial



