Novas

Remata a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística, nos que participaron preto de 500 docentes
05 de decembro de 2008

Remata a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística, nos que participaron preto de 500 docentes

Esta actividade, dirixida a membros e coordinadores dos equipos de dinamización e normalización lingüística, consolídase como o principal foro de intercambio e de posta en común de experiencias normalizadoras no ensino

O interese do profesorado obrigou a ampliar o número de prazas en todas as cidades galegas, que o ano que vén acollerán unha nova edición

Proximamente editarase unha publicación coas actas do seminario, no que participaron expertos en aprendizaxe integrada de linguas

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, participa na última xornada do Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, que durante estes meses se veu desenvolvendo nas principais cidades galegas con moi boa acollida e interese por parte dos seus destinatarios, os coordinadores e os membros dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino primario e secundario de Galicia.

Desde o mes de outubro, as cidades de Santiago, Ferrol, Vigo, Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ourense acolleron esta terceira edición da actividade, que ante a gran demanda rexistrada ampliaron o número de prazas, inicialmente fixado en 50 para cada localidade. Finalmente, foron preto de 500 as persoas as que participaron nestes seminarios organizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

As xornadas, pensadas para darlle formación ao profesorado que debe desenvolver no seu centro labores de planificación lingüística, serviron tamén para presentar exemplos viables e realistas que se están a desenvolver na actualidade e que poden valer de referente para impulsar o incremento de usos da lingua, tanto na comunidade educativa como no seu contorno.

Experiencias prácticas
Algúns deses exemplos preséntanse en Santiago o xoves 4 de decembro pola tarde, como o do IES de Melide, que achegará o labor do seu equipo de normalización no centro, que desenvolve diferentes campañas activas nas que implica o contorno e que xestiona unha emisora de televisión e de radio dentro do instituto.

Outra das experiencias que se dá a coñecer para os asistentes ao seminario de Santiago é o modelo de convivencia lingüística materializado polo IES Perdouro de Burela, merecedor do premio de Innovación Educativa en Normalización Lingüística convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e consistente en implicar a toda a localidade na realización dun Arquivo Documental co que poder ofrecerlle á cidadanía un banco de modelos documentais útiles para a vida diaria. O proxecto serviu, ademais, de base para a elaboración dun modelo de planificación lingüística adoptado por todo o Concello de Burela.

As iniciativas de fomento do uso do galego oral e de utilización das novas tecnoloxías na aula tiveron tamén cabida nestes seminarios. As xornadas contaron coa participación de diversos especialistas en planificación lingüística e aprendizaxe de linguas, tanto galegos como doutros lugares. Ademais, abordáronse cuestións como a relación entre o galego e as novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder