Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    02 de abril de 2025

    A Xunta alcanzará as 100 entidades contactadas a finais de abril coas xuntanzas que están a manter as comisións formadas para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega.

    02 de abril de 2025

    A Xunta acaba de resolver a concesión de 150 000 euros en axudas a oito produtoras galegas de videoxogos a través da súa nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento do sector. Esta contía investirase noutros tantos proxectos de selo galego co obxectivo de facilitar a chegada ao mercado de contidos feitos en Galicia e no noso idioma, ademais de favorecer a profesionalización e a creación de emprego por parte das empresas que traballan neste ámbito.

    01 de abril de 2025

    No século XX, menos de 350 persoas falaban o saami de Inari, unha lingua urálica propia de Finlandia. Grazas a un destacado movemento de revitalización liderado pola lingüista Marja-Liisa Olthuis, estímase que hoxe preto de 500 persoas a falan, e o interese por aprendela continúa en aumento.

    Fonte: National Geographic

    01 de abril de 2025

    A empresa de intelixencia artificial OpenAI anunciou que nos próximos meses lanzará o seu primeiro modelo de linguaxe de pesos abertos, facilitando un maior acceso e personalización para os desenvolvedores de intelixencia artificial.

    Fonte: Reuters

     

    01 de abril de 2025

    A nova canle de RTVE integramente en catalán, 2CAT, comezará a emitir en probas arredor da Diada e estará plenamente operativo en outubro. Cunha duración prevista de 15 anos, o proxecto busca reforzar a presenza do catalán no ámbito audiovisual, amosar unha Cataluña diversa e avanzar na normalización lingüística.

    01 de abril de 2025

    O informe sobre o uso do galego, o castelán e outras linguas na docencia da USC revela que o galego acadou este curso o seu mellor dato da última década, cun 25 % de uso, fronte a unha baixada do castelán e unha presenza residual doutras linguas. O campus de Lugo presenta un emprego máis elevado da lingua propia, mais o peso do de Santiago reduce o impacto estatístico global. Por áreas, destacan as Ciencias Sociais polo uso maioritario do galego, mentres nas Ciencias da Saúde este apenas supera o 6 %.

    01 de abril de 2025

    Euskaltzaindia presentou en Bilbao o Corpus de Referencia do Éuscaro (EEC), unha ferramenta aberta e colectiva que recompila máis de 154 millóns de palabras de textos en éuscaro escritos entre 2000 e 2023. O corpus busca reflectir con equilibrio e representatividade a realidade actual da lingua, con exemplos procedentes de diversos ámbitos, rexistros e dialectos.

    01 de abril de 2025

    A Generalitat de Cataluña reforza a campaña "Tria Filologia Catalana" co obxectivo de impulsar a matrícula neste grao ante a alta demanda laboral no ensino, a planificación lingüística e sectores como o editorial ou tecnolóxico. Como novidade, a partir do curso 2025-2026 activará un programa piloto de bolsas, dotado con máis de 100 000 euros, para facilitar o acceso ao grao. A campaña inclúe accións de comunicación durante todo o ano e conta coa colaboración das universidades catalás.

    01 de abril de 2025

    A plataforma Galicia Nomeada superou o medio millón de topónimos xeorreferenciados grazas á participación cidadá, que permite recuperar nomes tradicionais de leiras, camiños ou fontes. Desde 2019, veciñanza, centros educativos e persoas estudosas achegaron máis de 88 000 microtopónimos, entre os que destaca a implicación de concellos como Vigo ou Outeiro de Rei. A aplicación permite engadir información complementaria e continúa a medrar, con só catro municipios sen colaboración activa.

    31 de marzo de 2025

    O goberno noruegués decidiu eliminar os requisitos de dominio do idioma noruegués para o persoal investigador que traballa no país. Esta medida busca atraer talento internacional e fomentar a colaboración científica e permitir que investigadoras e investigadores se centren no seu traballo sen a barreira do idioma.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder