Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de marzo de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na homenaxe a Teresa Rodríguez Castelao, irmá de Afonso Daniel, organizada polo Partido Galeguista co gallo do 25º aniversario do seu pasamento. A homenaxe, consistente nun oficio relixioso que acolleu a igrexa de Santa Comba e  nunha ofrenda floral na sepultura na que Teresa repousa canda a outra irmá, Josefina, no camposanto rianxeiro.

    25 de marzo de 2025

    Os concellos de Oarsoaldea (Errenteria, Lezo, Oiartzun e Pasaia) impulsan un proxecto para promover o uso do éuscaro no deporte federado, centrado en oito clubs de fútbol, balonmán e ciclismo dos seus catro municipios. A iniciativa busca que cada entidade desenvolva un plan de xestión lingüística adaptado á súa realidade, con asesoramento técnico e colaboración institucional.

    25 de marzo de 2025

    A mesa «Administración, a xustiza e os servizos públicos», celebrada no marco do foro «Un país coa súa lingua» do Consello da Cultura Galega, propuxo medidas para reforzar o uso do galego na administración e no ámbito xudicial, como traducir programas e formularios ou mellorar a formación lingüística do persoal. Destacouse a escasa presenza do galego nas resolucións xudiciais e a necesidade de superar inercias históricas mediante políticas públicas eficaces e maior investimento na normalización.

    25 de marzo de 2025

    O novo Instituto para a Aprendizaxe do Éuscaro e das Linguas nace co obxectivo de consolidar un sistema educativo plurilingüe, inclusivo e centrado na lingua vasca. A institución traballará en formación docente, normalización, investigación e metodoloxías didácticas, e apostará pola innovación e a cohesión social. Preténdese reforzar o uso activo do éuscaro, especialmente nun contexto crecente de diversidade lingüística e cultural no ensino.

    25 de marzo de 2025

    O Estado destinou dous millóns de euros á USC para contribuír ao desenvolvemento do modelo de intelixencia artificial ALIA con recursos en galego, no marco dun proxecto que busca garantir a igualdade lingüística. O modelo, aínda en fase inicial, presenta limitacións nas linguas cooficiais debido á desigual dispoñibilidade de recursos, que se prevé corrixir progresivamente entre 2025 e 2026.

    24 de marzo de 2025

    A China lanzou unha nova plataforma global para facilitar a aprendizaxe de idiomas en todo o mundo. A iniciativa foi presentada no Foro para a Reforma e o Desenvolvemento da Educación en Linguas Estranxeiras nas institucións de educación superior. O proxecto busca mellorar o ensino de idiomas estranxeiros nas universidades.

    Fonte: TV Bricks

    24 de marzo de 2025

    Os gobernos de Malí, Níxer e Burkina Faso anunciaron a súa retirada da Organización Internacional da Francofonía (OIF), incrementando o seu afastamento progresivo da influencia francesa no Sahel. Porén, a saída destes países da OIF non será inmediata. A retirada farase efectiva nun prazo de seis meses, período no que poderían producirse negociacións ou reaxustes nas relacións entre as partes.

    Fonte: RFI

    24 de marzo de 2025

    O Concello de Vitoria-Gasteiz destinará 150 000 euros a axudas para o estudo do éuscaro, dirixidas a persoas maiores de 16 anos empadroadas na cidade que cursen formación en centros homologados. Esta medida, enmarcada no Plan AROA, busca impulsar a aprendizaxe da lingua vasca entre a poboación adulta. As persoas solicitantes deberán acreditar a realización dun curso de 80 horas cun mínimo do 80 % de asistencia.

    24 de marzo de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega dos Premios á Calidade Lingüística cos que a Universidade de Santiago, co apoio da Xunta de Galicia, recoñece os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao e fin de mestrado escritos en galego. Así, o representante do Goberno autonómico felicitou os galardoados nunha iniciativa que “ten por obxectivo fomentar o uso da lingua nun eido, o universitario, que contribúe en boa maneira a darlle prestixio, dándolle pulo como idioma de expresión nos estudos superiores ”.

    24 de marzo de 2025

    O Concello de Carballo convoca o I Concurso escolar «Poesía do revés» para fomentar a creación poética en galego entre o alumnado de primaria, secundaria, ciclos formativos e bacharelato. A iniciativa procura promover o uso da lingua, o pensamento creativo e a conexión entre centros escolares e institucións locais. As composicións, orixinais e en galego, poderán presentarse ata o 11 de abril.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder