O Estudo Ofercat, que analiza o uso do catalán no comercio de Vic, serve de base para un novo Plan que busca reforzar a presenza da lingua no sector. A investigación revela que un 75,7 % do persoal comercial inicia as interaccións en catalán e que os rótulos identificativos nesta lingua alcanzan o 60,9 %. O Concello e o Centro de Normalización Lingüística impulsarán formacións e accións de sensibilización, como o programa Comerços aprenents, para mellorar a competencia lingüística no sector.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago renovan a súa colaboración para fomentar o uso do galego entre a mocidade a través dun convenio de catro anos cunha dotación de 900 000 euros. O acordo inclúe tres liñas de investigación: a variación dialectal do galego, o estudo da súa transmisión entre a mocidade e a análise do patrimonio textual medieval. Esta iniciativa forma parte do Pacto pola Lingua e reforza o compromiso co impulso da lingua galega.
O Goberno de Navarra reforza o seu apoio ao Euskaraldia, un movemento social que busca impulsar o uso do éuscaro, cun convenio de 200 000 euros para o programa «Euskarak 365 egun». A cuarta edición de Euskaraldia celebrarase do 15 ao 25 de maio de 2025 e promoverá cambios nos hábitos lingüísticos a través de roles de participación. A iniciativa involucra cidadanía, institucións e empresas, fomentando o éuscaro en espazos públicos e privados.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou o papel que desenvolven as empresas familiares “no incremento dun maior emprego e prestixio da nosa lingua no sector económico”. Fíxoo durante a súa participación na inauguración do III Curso para conselleiros e administradores dirixido a estas compañías, organizado polo Club Financiero de Santiago.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega dos galardóns da cuarta edición do Premio Otero Pedrayo para estudantes de Secundaria e Bacharelato, un certame impulsado desde a Fundación Otero Pedrayo co apoio da Xunta de Galicia para fomentar o coñecemento desta figura singular entre a mocidade.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O colectivo Egeria presentou hoxe o libro Lugopoética 2024, que recolle os encontros poéticos que se celebraron hai uns meses na sede da Uned en Lugo no marco do proxecto do mesmo nome no que colabora a Xunta de Galicia.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Diario da República de Portugal comezará a publicar documentos en mirandés grazas a un protocolo asinado entre o municipio de Miranda do Douro, a Casa da Moeda e a Asociación da Lingua e Cultura Mirandesas. Este acordo busca dignificar e recoñecer o segundo idioma oficial de Portugal.
Fonte: Mensageiro de Bragança
O Ministerio de Educación da India informou de que, segundo a Política Nacional de Educación (NEP), non se lles imporá ningunha lingua aos estados. As tres linguas que os estudantes aprendan serán elixidas polos estados e o propio alumnado, garantindo así a flexibilidade e o respecto ás linguas rexionais.
Fonte: The Pinnacle Gazette
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña rexeitou os recursos da Generalitat e ratificou a obrigatoriedade de impartir o 25 % das clases en castelán nos centros educativos. A Generalitat argumentaba que o Decreto Lei 6/2022 impide establecer porcentaxes lingüísticas, pero o tribunal considerou que os recursos non xustificaban suficientemente o interese casacional da súa petición.
Desde outubro de 2023, Errenteria desenvolve novas metodoloxías para achegar o éuscaro á cidadanía mediante o proxecto Uler Saioak, que xa formou 28 persoas en comprensión oral. Ademais, púxose en marcha Ulerrizketak, un programa que facilita interaccións en éuscaro cunha persoa de confianza para consolidar a aprendizaxe.
Boletín
Subscríbase ao boletín


