Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de marzo de 2025

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso que reclamaba o uso do castelán en toda a documentación e rótulos do CEIP Cidade Vella da Coruña, ao considerar que a normativa avala o galego como lingua por defecto na educación. O tribunal recoñece o dereito das familias a recibir comunicacións en castelán se o solicitan, mais non a esixir que toda a documentación interna estea neste idioma. A sentenza conclúe que non se vulnerou a cooficialidade lingüística nin os dereitos do demandante.

    14 de marzo de 2025

    O Departamento de Política Lingüística ampliou en 52 o número de ditados do recurso «Dictats en línia», que duplicará os seus contidos en 2026. Este material, estruturado en catro niveis segundo o Marco Europeo Común de Referencia, permite mellorar a ortografía mediante textos creados por escritoras con experiencia docente.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    14 de marzo de 2025

    Trece sindicatos reclamaron nun manifesto a reforma do Estatuto de Autonomía para garantir a oficialidade do asturiano e do eonaviego. No acto, destacaron que a protección destas linguas favorecería o desenvolvemento cultural, social e económico de Asturias, como ocorre noutros territorios bilingües. A iniciativa xorde tras a toma en consideración da reforma no parlamento asturiano, aínda sen a maioría necesaria para a súa aprobación.

    14 de marzo de 2025

    O Servizo de Normalización Lingüística da USC publicou a versión en galego do HTA Glossary, un dicionario multilingüe sobre avaliación de tecnoloxías sanitarias promovido por redes internacionais. Esta adaptación aproveitou os contidos en inglés, español e francés e incorporou equivalentes e definicións en galego. Ademais, creouse unha interface interactiva que mellora a consulta e permite actualizar o glosario constantemente, o que reforza a dispoñibilidade de recursos en galego no ámbito da saúde.

    14 de marzo de 2025

    Nos últimos 20 anos, a ensinanza en éuscaro en Iparralde medrou de forma notable. O número de escolas con educación bilingüe aumentou considerablemente, e cada vez máis centros apostan pola inmersión lingüística, fortalecendo así a presenza do éuscaro no sistema educativo e, por extensión, na sociedade.

    Fonte: Ehige

    14 de marzo de 2025

    O crecemento do uso do francés e do inglés en Benín está a provocar a desaparición progresiva das linguas autóctonas. A percepción de que estes idiomas estranxeiros ofrecen mellores oportunidades laborais fai que as novas xeracións se distancien da súa identidade lingüística e cultural.

    Fonte: Global Voices

    13 de marzo de 2025

    A Universidade de Santiago de Compostela revisou e avalou a publicación da primeira gramática do galego en checo, escrita polo hispanista Bohumil Zavadil e publicada pola Universidade Carolina de Praga. A obra analiza a lingua desde unha perspectiva funcional-estrutural e aborda aspectos fonolóxicos, morfolóxicos e sintácticos, con exemplos literarios. Con esta obra contribúese á proxección do galego e ao fortalecemento dos vínculos académicos entre Galicia e a República Checa.

    13 de marzo de 2025

    O Concello de Irún puxo en marcha o Mes do Éuscaro para fomentar o uso desta lingua cun programa que inclúe tres actividades: representacións teatrais para o alumnado no Centro Cultural Amaia, publicación dos seus traballos na revista Irunero e a celebración do Mintzodromo Gaztea no Espazo Palmera Montero.

    13 de marzo de 2025

    O Departamento de Política Lingüística abriu o prazo para solicitar axudas destinadas á promoción da lingua de signos catalá (LSC), que poderán presentarse ata o 10 de abril de 2025. As subvencións están dirixidas a iniciativas que fomenten o uso, a creación de contidos e a difusión da LSC máis alá da comunidade signante. Tamén se aposta pola mellora da formación e a investigación nesta lingua, así como pola expansión de proxectos divulgativos, como exposicións e materiais educativos.

    12 de marzo de 2025

    O goberno portugués aprobou en Consello de Ministros a creación dunha misión dedicada á protección e promoción da lingua mirandesa. Esta entidade, con sede en Miranda do Douro, operará até 2028 e busca garantir recursos para a preservación desta herdanza cultural única, aumentar a súa visibilidade e promover a transmisión interxeracional.

    Fonte: Observador

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder