A consulta sobre a lingua base na Comunidade Valenciana deu como resultado que o 50,53 % das familias escollese o valenciano fronte ao 49,47 % que optou polo castelán. O apoio á lingua propia foi especialmente alto nas comarcas valencianofalantes, onde superou o 70 % en moitas delas. A pesar disto, algunhas entidades critican a consulta por considerar que pretendía reducir o uso do valenciano e denuncian a creación dun conflito innecesario.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Deputación de Pontevedra destina axudas de 150 000 euros para concellos de menos de 50 000 habitantes, co obxectivo de fomentar o uso do galego en 2025. As subvencións financiarán actividades de dinamización lingüística, estudos sociolingüísticos, campañas no comercio e recoñecementos a iniciativas en galego. O financiamento cubrirá ata o 75 % dos gastos de infraestruturas, servizos profesionais, publicacións, promoción e contratación artística.
O primeiro ministro de Albania, Edi Rama, e a ministra de Educación e Deportes, Ogerta Manastirliu, anunciaron en Atenas o lanzamento dun programa de apoio financeiro para os primeiros 50 profesores de lingua albanesa en Grecia, co propósito de preservar a lingua e facilitar a integración das novas xeracións da diáspora albanesa.
Fonte: A2 News
O xefe de estado de Cabo Verde presentou oficialmente a tradución da Constitución á lingua materna, o crioulo, co obxectivo de achegar o texto fundamental á poboación e promover a identidade cultural do país.
Fonte: Observador
A Universidade de Vigo reforza o seu compromiso co galego coa segunda edición do selo “Gal Ego”, un distintivo que recoñece as facultades e escolas máis activas no uso da lingua en todas as súas actividades. Os centros galardoados recibirán unha insignia e unha axuda de 3000 euros para novas iniciativas lingüísticas, cunha vixencia de catro anos.
O Grupo Fagor e as súas cooperativas comprométense a participar na nova edición do Euskaraldia, que terá lugar do 15 ao 25 de maio, co obxectivo de reforzar os hábitos lingüísticos en éuscaro. Ademais de informar e visibilizar a iniciativa, buscarán medidas concretas para promover o uso do idioma no ámbito cooperativo.
O colectivo Pantailak Euskaraz e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos denuncian que só o 1,6 % das proxeccións cinematográficas de 2024 en Euskal Herria foron en éuscaro. Ante esta situación, reclámanlles ás institucións públicas a adopción de normativas que garantan a presenza do idioma nos cines e un incremento dos recursos para produción, dobraxe e subtitulación.
A Xunta de Galicia abre a convocatoria de subvencións para 2025 dirixidas ás entidades locais co fin de fomentar o uso do galego. As axudas destínanse á creación e reforzo de servizos de normalización lingüística e a programas de dinamización do idioma. Poderán solicitalas concellos ou agrupacións cunha poboación mínima de 3000 habitantes.
A convocatoria dos XXXV Cursos de verán “Galego sen fronteiras” está aberta ata o 4 de abril para ofrecerlles a persoas de todo o mundo a oportunidade de mergullarse na lingua e cultura galegas en Santiago de Compostela. Desenvolveranse do 3 ao 24 de xullo con aulas teóricas e prácticas, ademais de encontros con profesionais que traballan en galego.
Unha investigación realizada en Ghana demostrou que os nenos e nenas que medran en contornas multilingües teñen a capacidade de adquirir até seis linguas diferentes desde os primeiros meses de vida. O estudo subliña a importancia do contexto social e da exposición constante a diferentes linguas para facilitar esta aprendizaxe.
Fonte: Fanpage
Boletín
Subscríbase ao boletín

