Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de marzo de 2025

    O Concello de Barcelona aprobou un plan para reforzar o uso do catalán na restauración, unha iniciativa que inclúe formación básica para o persoal e recursos para incorporar a lingua en menús, sinalización e webs. Ademais, aprobouse un plan de choque que insta a crear un comisionado lingüístico e a aplicar medidas de protección do catalán.

    03 de marzo de 2025

    O programa Parketarrak desenvolverase do 3 ao 21 de marzo en 22 parques de Donostia para promover o uso do éuscaro no lecer infantil. A iniciativa está dirixida á rapazada de 3 a 9 anos e estrutúrase en dous grupos segundo a idade. A través do xogo, reforzase a aprendizaxe da lingua e foméntase o seu uso en contornos sociais e familiares.

    03 de marzo de 2025

    Os concellos de Santiago, Ferrol, Carballo e Pontevedra presentan diversas actividades para promover o galego entre a infancia e as familias ao abeiro do proxecto Apego. Santiago centrarase na igualdade de xénero en marzo, mentres Ferrol ofrecerá tardes de contos e música. Pola súa banda, Carballo organizará eventos lúdicos en galego con teatro, xogos, obradoiros... e Pontevedra levará a diferentes localizacións da cidade a serie lúdica e didáctica «Un pobo con historia de seu».

    03 de marzo de 2025

    O presidente estadounidense Donald Trump asinou unha orde executiva que recoñece o inglés como a lingua oficial dos Estados Unidos, marcando un fito histórico no país. A partir de agora todos os documentos gobernamentais, servizos públicos e todas as comunicacións oficiais deben estar en inglés.

    Fonte: Gazeta do Povo

    01 de marzo de 2025

    O goberno de Angola aprobou un paquete lexislativo que recoñece a lingua portuguesa, as linguas angolanas de orixe africana, a lingua de signos angolana e o sistema braille como linguas do país. Esta iniciativa busca promover a equidade lingüística e fomentar unha política inclusiva que reflicta a diversidade cultural de Angola.

    Fonte: Diário de Notícias

    28 de febreiro de 2025

    O Instituto de Estudos Baleáricos retoma en marzo «La llengua camina», unha iniciativa que promove o uso do catalán a través de excursións. O obxectivo é crear espazos de socialización onde falantes desta lingua e persoas que queren practicala poidan interactuar. O programa, gratuíto, continuará ao longo do ano noutras illas, combinando práctica lingüística con coñecemento patrimonial e cultural.

    28 de febreiro de 2025

    Constitúese en Vitoria-Gasteiz a Comisión de Coordinación das Administracións Públicas (HAKOBA) co obxectivo de reforzar a colaboración entre as entidades públicas vascas na normalización lingüística. As súas funcións céntranse na coordinación institucional e na identificación de accións prioritarias neste ámbito. No encontro participan representantes do Goberno vasco, das deputacións forais, das tres capitais vascas, así como de EUDEL e UEMA.

    28 de febreiro de 2025

    Na xornada “Educación e socialización” propúxose un proxecto piloto de ensino con galego como lingua vehicular para garantir competencias lingüísticas equilibradas co castelán, xa que os datos actuais evidencian unha carencia nese aspecto. A iniciativa, voluntaria e consensuada, permitiríalles aos centros maior autonomía e ás familias escoller o modelo educativo. A avaliación realizaríase tras tres ou catro anos para medir os resultados.

    28 de febreiro de 2025

    Os datos do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros 2024 reflicten que a lectura en galego apenas mellorou respecto ao 2023, cun 3,8 % da poboación que o escolle como lingua preferida. A compra de libros en galego tamén aumentou lixeiramente ata o 6,1 %. O motivo principal para mercar libros en Galicia segue a ser o ocio. Nos audiolibros, o galego apenas alcanza o 2,5 %, fronte á clara predominancia do castelán e do inglés.  

    28 de febreiro de 2025

    O goberno de Timor Leste aproba un orzamento superior a 155 000 dólares destinado a promover a lingua portuguesa no país. Esta medida inclúe a difusión do portugués a través de medios de comunicación e a formación de profesionais.

    Fonte: Observador

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder