Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    22 de novembro de 2024

    O primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, terminou a súa primeira viaxe oficial ao Brasil cunha visita ao Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo, onde fixo a promesa de valorizar a lingua portuguesa.

    Fonte: Observador

    22 de novembro de 2024

    Os Premios Carme Miquel, organizados pola AVL, recoñeceron proxectos escolares en valenciano que destacan pola súa creatividade e impacto na educación, como revistas, rutas literarias e iniciativas integradoras. Entre os gañadores están propostas como "Una comarca de llegenda" e "Ràdio Las Lomas", que fomentan a lingua e a cultura valenciana desde etapas infantís ata secundaria.

    22 de novembro de 2024

    As bolsas Propulsió, impulsadas pola Generalitat de Catalunya, ofrecen apoio económico a proxectos audiovisuais en catalán e occitano dirixidos a redes sociais, co propósito de fomentar a profesionalización e a visibilización de contidos en formato dixital nestas linguas. Os proxectos seleccionados, destinados a plataformas como YouTube ou TikTok, buscan consolidar un sector audiovisual en catalán e occitano e facilitar a creación estable e innovadora.

    22 de novembro de 2024

    O concurso “Un idioma de cine”, organizado polo Concello de Caldas, anima a mozos e mozas galegos de ata 30 anos a crear curtametraxes en galego cunha temática vinculada co outono. Os traballos deben ser orixinais, durar entre 5 e 10 minutos, e poderán optar a premios de ata 700 €, incluíndo un galardón do público.

    22 de novembro de 2024

    Con motivo da presentación da nova edición do dicionario da Academia Francesa, o presidente de Francia, Emmanuel Macron, declarou que as linguas rexionais constituíron un factor de división para a nación francesa. Estas palabras suscitaron preocupación entre as asociacións que defenden as linguas minorizadas no país.

    Fonte: Mediabask

    22 de novembro de 2024

    Noruega desculpouse oficialmente cos pobos indíxenas e outros grupos minoritarios polas súas políticas históricas de asimilación forzada, que durante máis dun século buscaron eliminar as culturas e linguas nativas. O parlamento noruegués detallou ademais as accións que está levando a cabo para garantir a protección das linguas minoritarias.

    Fonte: Democracy Now

    22 de novembro de 2024

    A XV edición dos Premios Manuel Beiras, convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio, promove o uso do galego na empresa e no comercio baixo o lema "En galego, empresa/comercio + intelixente" e destaca a súa importancia na intelixencia artificial e nos negocios locais para reforzar a proximidade coa clientela.

    21 de novembro de 2024

    A Real Academia Española estreou unha conta en TikTok (@RAE.informa) para achegar o coñecemento do español a un público novo mediante vídeos dinámicos e adaptados ás tendencias dixitais. A través deste formato, resolverá dúbidas lingüísticas, divulgará curiosidades do idioma e mostrará o seu patrimonio cultural e histórico. Este novo perfil súmase ás súas redes sociais existentes, como Twitter, Facebook e YouTube, para manter o seu compromiso coa difusión do español con rigor e proximidade.

    21 de novembro de 2024

    O Campus NPLD Coppietters, celebrado en Barcelona, presentou un estudo que avalía a presenza do catalán no mercado das tecnoloxías lingüísticas, no que se destaca que se trata dunha lingua dixitalmente viable, comparable ao neerlandés ou sueco e por diante doutras como o grego ou o romanés. O evento subliñou a importancia de impulsar o catalán no ámbito dixital e defendeuno como referente para linguas medianas e minoritarias en Europa.

    21 de novembro de 2024

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse en Vigo co director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, no marco das xuntanzas que está a manter para “seguir dando pasos que nos permitan avanzar de xeito firme cara á consecución dun Pacto pola Lingua”. Neste senso, considerou “esencial abrir este proceso a entidades como esta, tan relevante e senlleira para a lingua e literatura galegas ao longo dos seus 74 anos de historia”.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder