Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de febreiro de 2025

    O Comité Económico e Social Europeo (CESE) aprobou o uso do galego, o catalán e o éuscaro nas súas sesións plenarias, equiparándose así ao Consello da UE e ao Comité Europeo das Rexións. O Goberno español celebra esta decisión e continúa impulsando a oficialización destas linguas na UE, proceso que require unanimidade dos 27 Estados membros. Tamén solicitou ao Parlamento Europeo que permita o seu uso nos plenos, pendente de aprobación.

    27 de febreiro de 2025

    O 2024 rexistrou a porcentaxe máis baixa de sentenzas xudiciais en catalán do século XXI, cun 6,56 % do total, debido principalmente á falta de formación lingüística do persoal xudicial. A súa presenza é case nula na área metropolitana de Barcelona, agás na capital, e só alcanza o 10 % nas comarcas xerundenses. Expertos propoñen recuperar incentivos económicos e mellorar a dispoñibilidade de documentación en catalán para reverter esta tendencia.

    27 de febreiro de 2025

    O Atlas Lingüístico Interactivo dos Acentos de Andalucía, iniciado en 2023, atópase na fase de análise e prevé completarse en decembro de 2026. Con 138 000 audios seleccionados de 571 puntos da comunidade, este proxecto, financiado pola Junta de Andalucía, permitirá explorar a diversidade lingüística andaluza mediante mapas dixitais e mostras de son.

    27 de febreiro de 2025

    O concurso escolar sobre o Día das Letras Galegas convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e dirixido aos centros de ensino público, xa ten gañadores.

    27 de febreiro de 2025

    Talía Teatro, veterana compañía galega orixinaria de Cee, estrea o venres 28 na Casa da Cultura desta localidade o seu espectáculo Un deus salvaxe, versión en galego da coñecida obra da francesa Yasmina Reza, que ten sido representada en escenarios de todo o mundo e levada á gran pantalla por Roman Polanski. Artur Trillo dirixe esta nova produción, que xunto con DeseXo, forma parte do proxecto plurianual polo que a Xunta de Galicia subvencionou a formación na convocatoria de axudas á creación escénica de 2023.

    27 de febreiro de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou as propostas que está levando a cabo a  Xunta para implicar as xeracións máis novas “nun maior emprego e prestixio do galego”. Fíxoo durante a celebración do III Encontro 21 días co galego e +, actividade lúdica na que estaban convidados preto de 4000 rapaces, mestres e persoal administrativo e de servizos da decena de centros educativos de toda Galicia. Todos eles participaron este ano na sétima edición deste programa de dinamización lingüística, impulsado polo Goberno autonómico.

    27 de febreiro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da guía didáctica O Seminario de Estudos Galegos, elaborada polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o centro de investigación mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e a Xunta de Galicia co fin de achegar o traballo desta entidade á rapazada dun modo divulgativo.

    27 de febreiro de 2025

    A Cidade de México anunciou que 78 escolas secundarias ofrecerán clases de náhuatl. Esta medida, que busca preservar as linguas indíxenas e o patrimonio cultural e lingüístico da sociedade mexicana, debería ser implementada no futuro en todo o país.

    Fonte: El Ciudadano

    26 de febreiro de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe en Santiago nos actos organizados con motivo do Día de Rosalía, en homenaxe a unha das figuras máis destacadas da cultura galega na data do seu nacemento, no que salientou “a importancia de ter sempre no recordo, non só nas efemérides, ás mulleres e homes que construíron a nosa identidade”, apuntando que “sobre todo, os que temos a responsabilidade institucional nestes momentos de preservar, poñer en valor e difundir o seu legado para o futuro, debemos ter sempre presente o seu exemplo”.

    26 de febreiro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe á tarde no acto de homenaxe a Alfredo Brañas polo seu 125º cabodano. O acto celebrouse diante da casa natal do xurista, xornalista e político carballés, pai do rexionalismo galego.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder