Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de febreiro de 2025

    A plataforma Apunts de Llengua amplía a súa oferta educativa coa creación dun canal de YouTube para facilitar a aprendizaxe do valenciano dun xeito dinámico e adaptado á mocidade. O novo espazo ofrece vídeos, podcasts e minileccións vinculadas ás unidades didácticas da plataforma. Ademais, reforza o plurilingüismo con recursos que combinan valenciano e inglés.

    26 de febreiro de 2025

    O programa Bizkaian Bagara, promovido pola Deputación Foral de Bizkaia e Taupa Euskaltzaleen Mugimendua, busca impulsar o uso do éuscaro mediante accións comunitarias en 30 municipios e 12 comarcas. Con iniciativas destinadas á mocidade, ás familias e á integración lingüística, pretende transformar hábitos e ampliar oportunidades para vivir en éuscaro. O obxectivo é chegar a 10.000 persoas nos próximos tres anos mediante 49 intervencións.

    26 de febreiro de 2025

    O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa para instar a Xunta a elaborar un libro branco sobre a lingua galega e a presentar medidas urxentes para frear o descenso do seu uso. A moción tamén propón un acordo político e social para reforzar a protección do idioma.

    25 de febreiro de 2025

    As autoridades costarriqueñas implementaron un programa que permite aos indíxenas miskitos de Nicaragua solicitar refuxio en Costa Rica por medio da súa lingua materna. Esta iniciativa busca facilitar o proceso de asilo para esta comunidade, respectando e preservando a súa identidade cultural e lingüística.

    Fonte: Swissinfo

    25 de febreiro de 2025

    O director do Instituto de Lingüística Yakub Kolas da Academia Nacional de Ciencias de Bielorrusia informou de que o país eslavo está a utilizar tecnoloxías de intelixencia artificial para avanzar na lingüística e promover o uso do idioma bielorruso.

    Fonte: TV Brics
     

    25 de febreiro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no acto de presentación do libro Cantareiras de Xosé Manuel Varela e Icía Varela, onde puxo en valor a literatura e poesía popular a través das figuras das cantareiras ás que este 2025 se lle dedica o Día das Letras Galegas.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de febreiro de 2025

    Miles de persoas manifestáronse en Valencia para reclamar a anulación da consulta sobre a lingua base no ensino, impulsada polo Goberno da Generalitat Valenciana por considerar que esta medida supón un retroceso para o valenciano e pon en perigo a súa presenza nas aulas. Ademais de mobilizacións, varias organizacións presentaron recursos legais contra a consulta, que denuncian como unha estratexia de división e un ataque aos dereitos lingüísticos.

    25 de febreiro de 2025

    Un estudo sobre os cemiterios de Meis revela que, malia ser a lingua habitual da veciñanza, o galego apenas se usa nas inscricións funerarias, cunha presenza do 2,17 %. A primeira lápida en galego data de 1986, e nos últimos anos obsérvase unha lixeira tendencia á alza, impulsada polo relevo xeracional.

    Fonte: Faro de Vigo

    25 de febreiro de 2025

    O programa de Cinema Infantil en Catalán (CINC), impulsado polo Departamento de Política Lingüística, ofrecerá 29 proxeccións en 27 localidades durante a fin de semana do 22 e 23 de febreiro. No primeiro semestre de 2025, prevé organizar 169 sesións en 32 localidades de Cataluña e Aragón.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    25 de febreiro de 2025

    O alcalde de Bos Aires, Jorge Macri, anunciou que o guaraní será impartido nas escolas primarias da cidade. Este anuncio realizouse durante a inauguración do curso escolar 2025, tras unha reunión co presidente paraguaio, Santiago Peña. A medida busca recoñecer a conexión coa numerosa comunidade paraguaia en Bos Aires e promover a lingua dos seus devanceiros.

    Fonte: MercoPress

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder