Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de novembro de 2024

    O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presentou unha queixa ante o Procurador do Común de Castela e León denunciando a marxinación do galego por parte da Deputación de León e do Instituto Leonés de Cultura. Critican a ausencia de apoio institucional á lingua galega en publicacións, actividades culturais e sinalización, malia estar recoñecida polo Estatuto de Autonomía e normativas internacionais.

    19 de novembro de 2024

    Un estudo revela que o castelán é a lingua predominante nas interaccións sociais en Cataluña, pois emprégase no 51 % das conversas, fronte ao 42 % en catalán, e a porcentaxe de uso empeora entre a xente nova e nos homes. Así mesmo, o 40 % da cidadanía considera que é unha lingua ameazada. Ademais, un terzo dos seus falantes afirma non poder usalo en todos os ámbitos da súa vida e mostra unha preferencia maioritaria polo castelán en situacións formais ou con persoas descoñecidas.

    19 de novembro de 2024

    Membros de diferentes colectivos reuníronse na compostelá praza da Quintana para denunciar a grave situación do galego, que definiron como "emerxencia lingüística extrema". Convocada pola plataforma Queremos Galego, a protesta subliñou a necesidade de mudanzas urxentes para garantir o futuro da lingua. Ademais, anunciaron unha nova mobilización na praza do Obradoiro o 23 de febreiro.

    19 de novembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi(T)mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro venres 22 de novembro no Auditorio de Galicia os galardoados e galardoadas nesta novena edición.

    19 de novembro de 2024

    A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 da Coruña veñen de convocar a V Residencia Xacobeo para persoas tradutoras de literatura galega, co obxectivo de estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no exterior.

    18 de novembro de 2024

    Arabia Saudita vai ampliar o número de centros escolares que imparten chinés grazas á creación de 800 novos postos docentes.

    Fonte: Middle East Monitor

    18 de novembro de 2024

    A Universidade de Katowice, en Polonia, creará o primeiro posgrao universitario en didáctica da lingua silesiana. A iniciativa académica contará co apoio do Ministerio de Educación.

    Fonte: Notes from Poland

    18 de novembro de 2024

    A Obra Cultural Balear presentoulle ao Goberno das illas un plan con 50 medidas para reforzar a presenza do catalán en zonas turísticas onde case non se utiliza, como Calvià, Palma e Eivisa. O informe subliña a necesidade de fomentar o seu uso en establecementos de hostalería e reclama destinar un 5 % do Imposto do Turismo Sostible a proxectos de promoción desta lingua, co obxectivo de preservar a identidade cultural do arquipélago.

    18 de novembro de 2024

    Os premios Lazarraga 2024 recoñeceron a cinco entidades arabesas polo seu compromiso co uso do éuscaro no ámbito socioeconómico: Grafik Sarea, Sartu Álava, Elkar San Prudencio, Hyundai Eska e Jimmy Jazz. Durante o acto de entrega dos galardóns, representantes da Asociación Bai Euskarari e da Deputación Foral destacaron a necesidade de promover o éuscaro no mundo laboral, sinalando que a súa presenza resulta estratéxica para preservar o investimento en educación e fomentar a inclusión da mocidade.

    18 de novembro de 2024

    A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa a elaboración dun estudo sobre o uso do galego no tecido empresarial da Comarca do Deza, da man da Asociación de Empresarios do Deza .

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder