Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de febreiro de 2025

    O Correllengua Universitari celebrou a súa primeira edición para reivindicar o uso do catalán nas universidades, nun contexto de perda de presenza desta lingua nos graos e mestrados. Percorre catro universidades catalás do 17 ao 20 de febreiro e inclúe actos culturais e a lectura dun manifesto en defensa do catalán como ferramenta de integración.

    18 de febreiro de 2025

    Está aberta a convocatoria de 2025 da Bolsa Xabier Lete para a creación literaria en éuscaro, impulsada polo Goberno vasco e a Fundación BBVA. Dirixida a escritoras e escritores en proceso de consolidación, ofrece 70 000 euros para dedicarse durante un ano ao seu proxecto co obxectivo de fomentar o talento literario e a creación nesta lingua.

    18 de febreiro de 2025

    A Deputación da Coruña lanza a primeira edición do Fondo de proxectos singulares en lingua galega, destinado a iniciativas culturais que promovan a mellora social en ámbitos como a igualdade, os dereitos civís, a diversidade, o respecto ao medio ou a memoria democrática, entre outros. Cunha dotación de 300 000 euros, o certame repartirá ata 20 premios de entre 22 500 e 7500 € para cada proxecto seleccionado.

    18 de febreiro de 2025

    A nova edición do Correlingua terá como lema «A mocidade activa por unha lingua viva» e percorrerá once localidades galegas do 6 ao 29 de maio de 2025. Ademais da tradicional carreira, incluirá unha regueifa colectiva, obradoiros de escrita creativa e dous concursos. Con 25 anos de historia, esta iniciativa busca sensibilizar a infancia e a mocidade sobre a defensa dos dereitos lingüísticos mediante actividades lúdicas e colectivas.

    18 de febreiro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron hoxe no pazo de San Roque a décimo cuarta edición de Lingua de namorar, o certame en liña que promove entre a mocidade o uso da lingua galega entre a mocidade e en redes sociais a través de mensaxes de amor.

    17 de febreiro de 2025

    Coincidindo co Día da Música Galesa, lanzouse Awni, unha plataforma en liña que recompila todos os concertos e festivais de música en galés en Gales. O proxecto recibiu financiamento do programa ARFOR que busca apoiar a economía nas comunidades de fala galesa.

    Fonte: Welsh Government / Llywodraeth Cymru

    17 de febreiro de 2025

    Investigadores de Harvard rastrexaron a orixe das linguas indoeuropeas até o pobo Yamna, procedente da rexión do Cáucaso–Baixo Volga. A través da análise de ADN antigo, descubriron que esta poboación, que xurdiu arredor do 3300 a.C., se estendeu desde Hungría até a China occidental, dando lugar a máis de 400 linguas.

    Fonte: The Harvard Crimson

    17 de febreiro de 2025

    O Concello de Durango reforza o seu compromiso coa promoción do éuscaro mediante unha reorganización estratéxica que o converte nun eixe transversal das políticas municipais. A nova estrutura integra a lingua en educación, cultura, deporte e mocidade para asegurar a súa consolidación e créase unha figura de coordinador técnico que se responsabilizará do éuscaro.

    17 de febreiro de 2025

    O Goberno español anunciou Alia, unha IA pública e aberta, adestrada en castelán e linguas cooficiais, co obxectivo de reforzar a soberanía tecnolóxica, reducir a dependencia de modelos estranxeiros e democratizar o acceso á IA. Desenvolvida polo Barcelona Supercomputing Center, busca impulsar a innovación en sectores clave como a administración, a investigación e a saúde.

    17 de febreiro de 2025

    A Universidade de Vigo presentou a Escolma de termos científicos, un glosario que recolle vocabulario técnico en galego nos ámbitos xurídico, medioambiental e micolóxico. A iniciativa busca normalizar o uso do galego na ciencia e visibilizar a investigación na lingua propia. O proxecto, desenvolvido por docentes da UVigo, reivindica a riqueza léxica galega e aposta pola súa conservación.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder