Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de febreiro de 2025

    A Deputación de Pontevedra convoca o programa +Música 2025 para fomentar a programación artística profesional en galego nos concellos da provincia con menos de 50 000 habitantes. As entidades locais poderán solicitar ata dúas actuacións dos grupos que ofrece o Catálogo +Música, que deberán realizarse entre abril e decembro de 2025.

    13 de febreiro de 2025

    A Xunta de Galicia reúne na Cidade da Cultura máis de 100 profesionais de recoñecido prestixio e diferentes ámbitos para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    12 de febreiro de 2025

    O goberno de Luxemburgo presentou Sproochmaschinn.lu, unha plataforma que converte audio en texto e viceversa en luxemburgués. Desenvolvida polo Centro para a Lingua Luxemburguesa, a ferramenta busca mellorar a accesibilidade da lingua no mundo dixital.

    Fonte: Contacto

    12 de febreiro de 2025

    En Portugal, varias escolas implementaron a metodoloxía única EKUI, que permite que o alumnado poida aprender portugués, braille e lingua de signos simultaneamente. Esta ferramenta, creada en Portugal, busca derrubar barreiras na educación e garantir que todas as persoas teñan acceso á aprendizaxe independentemente das súas capacidades sensoriais.

    Fonte: RTP

    12 de febreiro de 2025

    A Xunta de Galicia abriu o prazo para participar na 11º edición do premio de relato curto Nortear que recoñece obras en galego ou portugués e está impulsado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte I.P.

    12 de febreiro de 2025

    A Xunta de Galicia continua co seu compromiso no impulso da lingua galega incrementando o número de prazas e de cursos de preparación para obter os certificados de lingua galega para este 2025. No marco do proceso iniciado ao abeiro do Pacto pola lingua, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca promover o uso e o aprendizaxe do galego a través desta convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.

    12 de febreiro de 2025

    RTVE, La Xarxa e 3Cat lanzan unha convocatoria conxunta para seleccionar documentais en catalán, que serán coproducidos e emitidos polas tres corporacións. A iniciativa busca fomentar a produción audiovisual nesta lingua, apoiar a industria e promover contidos de calidade. O orzamento total ascende a 470.000 euros, cun aumento significativo respecto a anos anteriores.

    Fonte: RTVE

    12 de febreiro de 2025

    O Instituto de Estudos Cataláns presentou o Corpus da lingua de signos catalá (LSC), unha ferramenta pioneira para a súa estandarización e investigación. O proxecto documenta o estado actual da LSC, recolle variacións lingüísticas e facilita a creación de dicionarios e bases de datos. A comunidade xorda valórao como un avance esencial, aínda que reclama unha maior rapidez na mellora da accesibilidade e no recoñecemento da LSC.

    12 de febreiro de 2025

    A Deputación de Pontevedra abre unha liña de axudas para concellos e entidades locais que queiran crear, manter ou reforzar os seus servizos de normalización lingüística en 2025. As subvencións están dispoñibles para municipios de menos de 50.000 habitantes e asociacións municipais sen este servizo, así como para os que precisen ampliación de persoal ou xornada. O prazo para presentar solicitudes será dun mes desde a publicación da convocatoria.

    11 de febreiro de 2025

    A Université Sorbonne Nouvelle - París 3 ofertará unha titulación sobre linguas da Península Ibérica, incluíndo o galego como lingua de especialización. O programa está financiado pola Xunta de Galicia, o Instituto Ramón Llull e o Instituto Etxepare.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder