Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    07 de febreiro de 2025

    O 9 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Grega, unha data que honra a riqueza cultural e histórica do grego, coincidindo co aniversario do poeta nacional Dionysios Solomos. A emisora "Voz de Grecia" organiza eventos especiais en todo o mundo para promover a lingua e destacar a súa influencia na civilización global.

    Fonte: Ekathimerini.com

    07 de febreiro de 2025

    Un grupo de deputados da illa de Jersey, pequeno territorio insular británico da Canle da Mancha, votou en contra de que o ensino de linguas estranxeiras diferentes ao inglés sexa obrigatorio en secundaria. Porén, os políticos si apoian o alumnado de primaria e secundaria que decida estudar jèrriais, a lingua vernácula da illa.

    Fonte: BBC

    07 de febreiro de 2025

    O ministro de Educación de Xibraltar, John Cortes, reuniuse con directivos e profesorado de inglés e linguas de todos os niveis educativos para abordar a preparación lingüística do alumnado na educación primaria e a fluidez en español. Subliñouse ademais a importancia de fomentar o bilingüismo, inglés-español.

    Fonte: Chronicle.gi

    07 de febreiro de 2025

    O goberno belaruso anunciou medidas para restrinxir o uso de sinais en inglés no país, argumentando que esta acción busca protexer o patriotismo. As autoridades consideran que a proliferación de mensaxes en inglés pode debilitar a identidade nacional e cultural de Belarús.

    Fonte: TVP World

    07 de febreiro de 2025

    A Deputación Foral de Biscaia aprobou o Plan de normalización do uso do éuscaro 2023-2027, que busca incrementar o emprego da lingua tanto na xestión interna como nos servizos á cidadanía. Baseado no modelo KEMEN, o plan estrutúrase en dous eixes: xestión e uso, con medidas específicas para mellorar a presenza do éuscaro en comunicacións, relacións institucionais e atención ao público.

    07 de febreiro de 2025

    O Concello de Lleida xa conta cun plan estratéxico para impulsar o uso social do catalán, que inclúe unha quincena de accións. Destacan proxectos piloto en barrios para fomentar o idioma entre familias, campañas de sensibilización en empresas e administracións, e a iniciativa "Al barri en català" para implicar o tecido económico e social. Tamén se creará unha web informativa sobre cursos de catalán e un grupo de mocidade referente na promoción da lingua.

    07 de febreiro de 2025

    A agrupación musical Luar na Lubre puxo en marcha unha iniciativa para que a Real Academia Galega recolla o termo “lubre” no seu dicionario, que designa un bosque sacro dos antigos druídas e que xa aparecía en vocabularios anteriores. Por este motivo, o grupo está na procura do apoio de diferentes entidades. O primeiro deles veu do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen manifestou o seu apoio a esta campaña.

    07 de febreiro de 2025

    A Deputación da Coruña convoca a XVI edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que recoñece traxectorias e proxectos destacados na promoción do galego. O galardón conta con tres categorías: unha para persoas comprometidas coa promoción da lingua lingua, outra para entidades que fomenten o seu uso e unha terceira para proxectos de dinamización dirixidos á infancia e á mocidade. Cada premio está dotado con 5000 euros e o prazo para presentar candidaturas remata o 30 de abril de 2025.

    06 de febreiro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da IV edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.

    06 de febreiro de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entregoulle ao coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega, Manuel González, os resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego elaborada polo Instituto Sondaxe e que serán remitidos ás comisións do Plan “como ferramenta de traballo co obxectivo de ampliar o actual coñecemento sobre o uso e presenza do galego na sociedade”.  Trátase dun estudo composto por 1200 enquisas a familias residentes en Galicia con fillos en idade e

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder