Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de febreiro de 2025

    O BabeliUM, Centro de Linguas da Universidade do Miño, anunciou unha nova oferta formativa para este semestre que inclúe cursos de alemán, árabe, galego, español, francés, inglés, italiano, portugués como lingua estranxeira e turco. As clases estarán dispoñibles tanto de forma presencial nos campus de Gualtar (Braga) e Azurém (Guimarães) como en modalidade en liña.

    Fonte: Diário do Minho

    04 de febreiro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou unha nova edición do Festival Converxencias Portugal-Galicia, que celebra a súa 11ª convocatoria cunha ampla programación composta por música, danza, teatro, cinema e literatura. Trátase dunha iniciativa que, tal e como salientou, aposta por “reforzar os lazos entre o galego e mundo lusófono”.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    04 de febreiro de 2025

    A Universidade de Yale (EUA) está a ampliar os seus estudos de lingua e cultura coreanas. Desde 1990, Yale ofrece cursos de lingua coreana, pero agora, os estudantes de grao poden optar por unha especialización en coreano dentro do departamento de linguas e literaturas de Asia Oriental. Esta expansión responde ao crecente interese pola cultura coreana a nivel mundial.

    Fonte: Yale News

    04 de febreiro de 2025

    O Goberno de Escocia confirmou o apoio á creación da primeira escola secundaria de inmersión en gaélico escocés nas Hébridas Exteriores. A medida axudará a preservar a lingua vernácula nas comunidades onde máis se fala.

    Fonte: BBC

    04 de febreiro de 2025

    O alumnado de Lingua Asturiana e Literatura acadou este curso a cifra máis alta dos últimos anos, con 22 909 estudantes, o que supón un incremento do 1,2 % respecto ao ano anterior. A gran novidade para setembro será a introdución do ensino de asturiano e eonaviego no segundo ciclo de Infantil, que suporán a creación dun cento de novas prazas docentes. Ademais, trabállase para ofertar esta lingua nas Escolas Oficiais de Idiomas e obter a certificación con formación previa.

    04 de febreiro de 2025

    O estudo Ofercat de Xirona revelou unha redución no uso do catalán no comercio, especialmente na atención oral e nos rótulos informativos. O plan de acción presentado busca reverter esta tendencia mediante formación, sensibilización e traballo en rede, con especial atención aos establecementos con maiores carencias lingüísticas. As autoridades destacan a importancia do comercio como espazo clave para fortalecer a presenza do catalán e sinalan a necesidade de implicación colectiva para frear o seu retroceso.

    04 de febreiro de 2025

    A Escola Galega de Administración Pública convoca 32 cursos, na modalidade de teleformación, de linguaxe administrativa galega e cinco de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal das distintas administracións de Galicia.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    03 de febreiro de 2025

    Un colectivo recompilou máis de 16 500 sinaturas para promover a inclusión de autores e autoras de linguas minorizadas francesas no sistema educativo francés. Están a preparar un corpus de trinta obras para que se estuden nas escolas, co obxectivo de dar visibilidade a estas literaturas e fomentar a diversidade lingüística no ámbito educativo.

    Fonte: Diari de la Llengua

    03 de febreiro de 2025

    A Comisión Europea anunciou un investimento de até 54 millóns de euros para desenvolver modelos de linguaxe de intelixencia artificial (IA) de nova xeración. Esta iniciativa busca axudar as empresas europeas a manterse competitivas nunha contorna cada vez máis dixital.

    Fonte: The Munich Eye

    03 de febreiro de 2025

    O arquivo dixital e Lugar de Memoria Oroibidea, do Instituto Navarro da Memoria, recibiu o premio Argia Sariak 2025 na categoría de Internet polo seu labor na divulgación da memoria histórica en éuscaro. Este proxecto conta con máis de 23 000 rexistros persoais e ofrece documentación variada sobre a guerra civil e o franquismo.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder