Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    31 de xaneiro de 2025

    O Departamento de Saúde lanza a segunda edición do programa «Prescriu-te el català», coa ampliación da oferta formativa co nivel A2 e modificando o formato das clases para mellorar a expresión oral. A primeira edición contou cunha gran demanda e máis de 1300 profesionais completaron con éxito os cursos. O obxectivo é garantir unha comunicación efectiva no ámbito sanitario e reforzar o uso do catalán.

    30 de xaneiro de 2025

    A Xunta de Galicia apoia unha nova edición do Día dos Medios en Galego, que organiza cada 7 de febreiro, a Asociación de Medios en Galego, e que, nesta ocasión, incluirá a publicación ese mesmo día dunha páxina web con 100 medidas para fomentar o uso do galego e a celebración dun concerto na Coruña coas actuacións de Leria e A Banda da Loba.

    30 de xaneiro de 2025

    O proxecto Cumasú + Impacte, impulsado polo Concello de Dublín e a Plataforma per la Llengua, ofrecerá unha bolsa formativa para vinte mozas e mozos falantes de catalán e irlandés, coa finalidade de fomentar a revitalización lingüística a través do emprendemento social. A iniciativa, incluída no programa Erasmus+, inclúe talleres en liña e estadías en Dublín e Barcelona, onde se traballarán competencias en liderado e xestión de proxectos.

    30 de xaneiro de 2025

    O Goberno catalán anunciou que Televisión Española contará cunha canle que emitirá integramente en catalán, dentro dunha estratexia para reforzar a presenza desta lingua nos medios públicos e para impulsar a industria audiovisual catalá e garantir a difusión do idioma.

    Fonte: EFE

    30 de xaneiro de 2025

    A Real Academia Galega presenta unha nova Guía de apelidos galegos, que recolle máis de 6000 nomes de familia que abranguen arredor do 95 % da poboación galega. Esta ferramenta en liña permite consultar as formas estándar e non estándar dos apelidos e descargar informes acreditativos da súa forma correcta.

    30 de xaneiro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da obra Coroas de santidade, do autor Manoel Carrete Rivera, onde salientou a importancia de promover o uso da lingua galega no ámbito eclesiástico.

    29 de xaneiro de 2025

    Durante unha sesión no Parlamento de Gales, o deputado Mabon ap Gwynfor destacou a importancia de ofrecer videoxogos populares en lingua galesa. Esta medida incentivaría a mocidade a usar máis o galés nas súas actividades diarias e as empresas deben considerar a súa inclusión nos seus produtos.

    Fonte: Cambrian News

    29 de xaneiro de 2025

    O goberno flamengo anunciou un aumento de financiamento para as escolas situadas no anel de Bruxelas, co obxectivo de reforzar a educación en lingua neerlandesa. Esta medida busca mellorar a calidade do ensino e promover o uso e o coñecemento do neerlandés nunha rexión caracterizada pola súa diversidade lingüística.

    Fonte: The Brussels Times

    29 de xaneiro de 2025

    Iniciativa pol Asturianu ve na renovación da identidade corporativa do Concello de Xixón unha oportunidade para incorporar o asturiano e a toponimia oficial. A asociación lembra que o Plan de normalización lingüística 2024-2027 establece o uso do logotipo en versión bilingüe e insta a incluír a denominación "Conceyu de Xixón" na imaxe institucional. Considera que esta medida fortalecería a visibilidade e normalización da lingua asturiana na sociedade.

    29 de xaneiro de 2025

    O Auditorio Municipal de Ribadumia acollerá a exposición Palabra e Memoria, centrada nos epitafios en galego como expresión da identidade lingüística. O proxecto, iniciado no IES Perdouro de Burela e expandido por Galicia, catalogou as inscricións funerarias en galego nos cemiterios do municipio, onde representan arredor do 3 %. A iniciativa busca poñer en valor a lingua e a memoria colectiva, e inclúe a colocación dunha placa conmemorativa no cemiterio parroquial.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder