Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de xaneiro de 2025

    O Concello de Soutomaior lanza a campaña "Goza do teu punto G, o galego dáche un punto" para promover o uso do galego no día a día da veciñanza. Con iniciativas no ámbito da administración, as artes, a música, o deporte e as TIC, buscan poñer en valor o idioma e fomentar a súa presenza en actividades culturais, educativas e económicas. A campaña inclúe unha ampla programación cultural e medidas específicas para reforzar o galego na mocidade, no deporte e nas redes sociais.

    24 de xaneiro de 2025

    Publícanse na rede dous novos recursos lexicográficos relacionados coa lingua galega e que xa poden consultarse de balde: a 2ª edición do Dicionario galego-ruso, obra do investigador Aleksandr Dziuba; e o Dicionario do galego do Bierzo, elaborado por Sara Rodríguez.

    24 de xaneiro de 2025

    A Real Academia Galega e PuntoGal convocan o VIII Concurso de microrrelatos, co obxectivo de fortalecer a presenza do galego no ámbito dixital. O certame, dirixido a persoas de todas as idades, premiará as mellores historias de ata 200 palabras en tres categorías: infantil, xuvenil e adulta. A convocatoria estará aberta durante todo febreiro, coincidindo cunha promoción para rexistrar dominios .gal a prezo reducido.

    24 de xaneiro de 2025

    A Constitución italiana foi traducida ao friulano e presentada na cidade italiana de Udine. Esta iniciativa forma parte do proxecto editorial A Constitución traducida ás linguas e dialectos rexionais italianos, coordinado por Vito Tenore. O volume inclúe os 139 artigos da Constitución traducidos ás principais linguas minoritarias italianas.

    Fonte: Friuli Oggi

    23 de xaneiro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo en valor a “riqueza histórica, monumental e documental” que acubilla o patrimonio señorial de Galicia, “tamén en materia de léxico e toponimia”. Así o salientou na inauguración no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, da exposición itinerante “Os nosos castelos: San Paio de Narla e os seus señores”.

    23 de xaneiro de 2025

    O modelo de linguaxe ALIA, impulsado polo Goberno, utilizou un 20 % de datos en castelán e linguas cooficiais no seu adestramento, fronte ao 80 % noutros idiomas, maioritariamente en inglés. O corpus inclúe 35 linguas europeas e 92 linguaxes de programación.

    23 de xaneiro de 2025

    O Proxecto Xenoma Galicia protagoniza o novo especial de Proxector, iniciativa do Consello da Cultura Galega e a USC para divulgar ciencia en galego. Este especial inclúe doce vídeos que explican o ADN, o xenoma e os avances da medicina personalizada grazas á xenómica.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    23 de xaneiro de 2025

    A Primeira Enquisa da Xuventude en Baleares revela que só o 20,4 % da mocidade considera o catalán como lingua materna, fronte ao 47 % que opta polo castelán. Ademais, un número significativo de mozas e mozos elixe outros idiomas ou combinacións lingüísticas, unha situación máis frecuente que noutros territorios catalanófonos. O estudo, baseado en 2356 persoas de entre 15 e 34 anos, destaca que o uso do catalán diminúe a partir dos 20 anos e que se reduce ao 17,2 % entre os 30 e 34 anos.

    23 de xaneiro de 2025

    Os centros educativos de Redondela, xunto co Concello, impulsan a iniciativa «Unha semaniña enteira» para fomentar o uso do galego entre a mocidade, coincidindo co Día de Rosalía. O proxecto reta o alumnado a falar galego durante unha semana completa e conta coa colaboración de clubs deportivos e asociacións locais, que difundirán a campaña nas súas actividades e redes sociais.

    22 de xaneiro de 2025

    Horas despois da investidura do presidente Donald Trump, a súa administración eliminou a versión en español do sitio web oficial da Casa Branca. Tamén se desactivaron os seus perfís en español nas redes sociais.

    Fonte: AP News

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder